Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A UE expedienta ao Estado español por non aprobar a normativa sobre o gas radon

03-12-2019 - RADON

A Comisión Europea ten aberto un expediente ao Estado español por non transpoñer á lexislación española a directiva europea sobre seguridade básica para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes. A norma obriga, entre outras cousas, a ter un plan estatal sobre os efectos nocivos do gas radon.

O  radon é un gas invisible e inodoro que se filtra a través do chan e se difunde no aire. Adoita facelo en concentracións moi baixas, pero en lugares sen unha ventilación adecuada —sotos, minas ...— e situados sobre determinados terreos xeolóxicos, o radón pode acumularse en concentracións máis elevadas e ser un importante factor de risco para o cancro de pulmón.

Nas casas, o gas penetra a través de gretas nos cimentos e nos sotos. O  radon é a fonte máis importante de radiación natural: representa case o 50% de toda a radiación que afecta ao ser humano ao longo da súa vida. No Estado español as zonas con maior risco de radon son o centro e oeste peninsular, e significadamente Galiza no seu conxunto con altos niveis deste gas.

Bruxelas tamén abriu expedientes semellantes a Bélxica, Austria, Estonia e Hungría. Trátase do primeiro paso dos procedementos de infracción, que en última instancia, e se persiste o incumprimento, pode rematar cunha denuncia perante o Tribunal de Xustiza da UE.

Están máis preto de ser levados ante á Xustiza europea: Malta, Portugal,  Chipre e Grecia, que tampouco trasladaron ás súas lexislacións estatais estas normas comunitarias. No seu caso, o Executivo comunitario deulles un ultimato de dous meses antes de elevar o caso ao Tribunal.

A Comisión Europea ten informado nun comunicado que os Estados membros debían trasladar aos seus marcos xurídicos as disposicións desta Directiva antes do 6 de febreiro de 2018, pero ningún dos países anteriores fíxoo correctamente.

En concreto, a Directiva moderniza o marco lexislativo europeo sobre protección aos perigos derivados da radiación e establece estándares básicos de seguridade para traballadores e pacientes expostos a radiacións  ionizantes.

O apercibimento ao Estado español, Bélxica, Austria, Estonia e Hungría ten a forma dunha carta de emprazamento. Estes países dispoñen agora dun prazo de dous meses para responder ás cuestións demandadas polas autoridades europeas.

Se non o fan de maneira satisfactoria, Bruxelas dará un novo paso no procedemento que terá a forma de ditame motivado, a última fase antes de elevar o asunto ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Fonte: Elpaís

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS