Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Defensa indemniza aos fillos dun sarxento morto por amianto

29-01-2014 - AMIANTO

O Ministerio de Defensa recoñeceu a súa responsabilidade nun novo caso dun mariño militar falecido como consecuencia da súa exposición ao amianto, no buque no que estivera embarcado.

Mediante unha resolución do pasado día 30 de decembro, a Administración militar recoñece unha indemnización aos fillos do que fora sarxento primeiro do Corpo Xeral da Armada, falecido como consecuencia de enfermidades derivadas desta exposición.

Segundo fontes do despacho de avogados Oria, Palleiros & Asociados, que se ocupou deste asunto, son centos os casos doutros militares na mesma situación. Na súa maioría encóntranse xa en situación de retiro.

As principais unidades da frota da Armada que contiñan este illante altamente canceríxeno foron as entregadas ao Estado español nos anos 60 do pasado século por EE. UU., tras a firma do acordo de amizade entre ambos os dous países. Barcos que foron transformados, na súa maior parte en Bazán, e por iso moitos traballadores deste estaleiro ferrolano estiveron expostos tamén. Igualmente, os buques da Mariña construídos ata a serie Baleares, incluídas boa parte das fragatas deste modelo, como a Extremadura, contiñan amianto como material illante nas súas caldeiras e conducións de calor.

O cambio máis importante no que se refire á indemnización das vítimas produciuse coa resolución do Consello de Estado que recoñecía os dereitos indemnizatorios para estes militares. A partir de aí foi o propio Ministerio de Defensa o que aprobou indemnizacións sen necesidade de que as familias tivesen que acudir aos tribunais. Así aconteceu recentemente cun subtenente da Armada. Con anterioridade, aínda antes de tal acordo do Consello de Estado, estivo o caso dun xeneral de máquinas ferrolano, tamén falecido por esta causa, pero que se resolvera nos tribunais de xustiza.

 

Fonte: lavozdegalicia.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS