Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

Unha nova morte na Galiza na tala duns piñeiros

20-06-2016 - Accidente laboral

Un traballador monfortino morreu aos 34 anos de idade vítima dun accidente mortal durante unha tala forestal, supoñendo o quinto accidente mortal na industria madeireira galega nun ano. O traballador acudira cun grupo de compañeiros da empresa madeireira de Sober na que traballaba a realizar unha curta de piñeiros nun dos monte comunais da ladeira sur do Alto dá Moá, que separa os municipios de Ribas de Sil e San Xoán de Río. O traballador morreu esmagado polo tronco dun piñeiro que estaba a cortar, nun sinistro ocorrido nunha zona de monte de difícil acceso e que sufrira un importante incendio durante o verán pasado.

Foron os seus propios compañeiros os que deron a voz de alarma pouco despois das dúas da tarde, non habendo testemuñas directas de como ocorreu o accidente.

Avisados os servizos de emerxencia, os primeiros en chegar foron os sanitarios dunha ambulancia do 061 con base en Quiroga, que acudiron cunha médica e unha enfermeira do centro de saúde de San Clodio. Non puideron facer nada, porque o traballador xa estaba morto. Ao lugar acudiron tamén varias patrullas da Garda Civil e os bombeiros de Monforte, que, segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias 112, retiraron a árbore que caera encima da vítima.

Mentres os seus compañeiros de traballo permanecían uns centos de metros máis abaixo, na estrada que leva de Cabanelas a Fraga, o cadáver permaneceu no monte aínda catro horas máis. Había que esperar a que chegasen o forense e os axentes da policía xudicial que tiñan que inspeccionar o lugar para descartar calquera rastro de agresión. Finalmente, o forense renunciou a subir ata o lugar do suceso e o corpo foi levantado pasadas as sete da tarde, despois de que os axentes sacasen fotos e comprobasen o estado do corpo e os arredores do sinistro.

O corpo tivo que ser trasladado en padiola a través da devesa, por unha forte pendente de varios centos de metros de lonxitude, empregados dunha funeraria e persoal de Protección Civil de Ribas de Sil e do grupo de emerxencias de Folgoso-Quiroga.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS