Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Indemnizan a un marmorista con 54.000 euros por desenvolver silicose

29-01-2014 - SAÚDE LABORAL

O Xulgado do Social número 2 de Bilbao ten condenado ás empresas Marmorería Lemona, Marmorería Abásolo, á sociedade de Prevención Asepeyo e ao servizo de prevención alleo Gespreven a pagar 54.677,17 euros en concepto de indemnización a un traballador diagnosticado de silicose.

A sentenza considera que o afectado desenvolveu a devandita enfermidade debido a que as dúas empresas de marmorería non utilizaban as medidas de prevención axeitadas para traballar con po de sílice e a que as empresas de prevención de riscos non cumpriron correctamente coas súas tarefas.

O traballador J.L.T.O prestou os seus servizos como marmorista oficial de primeira para Marmorería Abásolo e Marmorería Lemona de forma alterna dende 1986, con tarefas que incluían exposición constante ao po de sílice. En xuño de 2011, o Instituto Nacional de Seguridade Social declaroulle afecto de incapacidade permanente total para o seu oficio por enfermidade profesional.

A sentenza considerou que nas dúas compañías de mármore non se utilizaban máquinas de corte con auga para evitar a dispersión do po de sílice, nin existían sistemas de aspiración, nin se proporcionaban máscaras antipo aos traballadores, derivándose diso un incumprimento laboral que se relaciona coa enfermidade profesional do traballador. Ademais, o xulgado do Social número 2 dixo que as declaracións feitas por algunhas testemuñas chamadas a declarar polas empresas son carentes de credibilidade.

En canto ás sociedades de prevención de riscos laborais, a sentenza conclúe que tanto Asepeyo coma Gespreven, a pesar das probas médicas que lle fixeron, cumpriron de forma deficiente as tarefas que no ámbito da prevención de riscos laborais lles tiñan encomendadas. O xuíz considera que o marmorista debeu de ser apartado das súas funcións no momento que apareceron os primeiros síntomas de patrón respiratorio restritivo, é dicir en 2007.


Fonte: elcorreo.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS