Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Pactan custear melloras de seguridade nos seus talleres de Bangla Desh

24-05-2013 - SEGURIDADE

Polo momento é un compromiso. Máis adiante chegará a firma. E, despois o esencial: a aplicación cotiá do escrito. Tres das grandes marcas téxtiles internacionais -a sueca H&M, a española Inditex e a holandesa C&A- anunciaron este luns que asinarán un acordo vinculante para mellorar as penosas condicións de seguridade dos talleres de Bangla Desh que o último e grave desastre colocou brutalmente no centro do debate. A cifra de falecidos alcanzou as 1.127 persoas, segundo o último reconto.

O compromiso, promovido por dous sindicatos de ámbito mundial e unha rede de ONG, é froito dunhas negociacións iniciadas hai meses -nas que participa boa parte do sector, incluídas as españolas El Corte Inglés e Mango- pero que se aceleraron moito tras a última traxedia e as conseguintes esixencias de responsabilidade ás empresas contratantes, que obteñen grandes beneficios en parte grazas aos baixos custos laborais de Bangla Desh.

Paralelamente, miles de traballadores do sector téxtil -vital para a economía dese país asiático- mobilízanse para esixir subas salariais e o Goberno anunciou que eliminará restricións a que os traballadores se organicen en sindicatos.

Os traballadores de Bangla Desh poderán sindicarse sen permiso do dono da empresa, anuncia o Goberno

O pacto sobre seguridade e prevención de incendios implica someter os talleres a "inspeccións independentes de seguridade e difundir publicamente eses resultados, reparacións obrigatorias nas instalación, que custearán as empresas e dar un papel vital aos traballadores e aos sindicatos", segundo detallou a nota de IndustriALL.

A primeira en anunciar o seu compromiso foi H&M, a empresa que máis compra ao sector téxtil bangladesí. Inditex, fabricante de marcas como Zara, Bershka ou Stradivarius, coseu nese país o 6% dos 835 millóns de pezas que produciu en 2011. A propietaria de Tommy Hilfiger e Calvin Klein, e a empresa Tchibo subscribírono hai meses.

IndustriALL, que representa 50 millóns de traballadores en todo o mundo, declarou que as compañías asinantes "están a marcar o camiño ás outras marcas téxtiles globais", ás que lles animou a "facer o correcto en nome dos máis de 1.250 traballadores téxtiles mortos en Bangla Desh nos últimos seis meses". As tres empresas signatarias non están entre as que admitiron que fabricaban no edificio sinistrado.

Os activistas como a rede Roupa Limpa que batallan hai anos para dignificar as condicións nas que millóns de persoas cosen en países pobres por soldos de miseria e en condicións precarias (ou directamente inseguras) consideran que un acordo colectivo como este é moito máis eficaz -e doado de fiscalizar- que as solucións individuais de cada compañía.

Todas as grandes marcas teñen dende hai anos departamentos de responsabilidade social corporativa e someten os seus talleres a auditorías sociais. Cada unha faino ao seu modo. O caso é que varias das fábricas sinistradas nos últimos anos, incluída polo menos unha das que aloxaba nas súas oito plantas o edificio Rana Plaza nos arredores da capital, superaran auditorías sociais. As empresas afectadas insistiron entón en que os seus controis abranguen as condicións laborais pero non as infraestruturas.

Os códigos de conduta das marcas inclúen o dereito a sindicarse e á negociación colectiva, pero adoita ser papel mollado. O Goberno anunciou o luns que os traballadores poderán asociarse sen o permiso dos propietarios das empresas.

As autoridades pecharon 18 talleres por inseguros e crearon unha comisión para subir o salario mínimo (29 euros ao mes). Pero reclamar ese incremento na rúa é arriscarse a perder o magro salario. A Asociación de Manufactureiros e Exportadores do Téxtil pechou un centenar de fábricas e deixou sen paga decenas de miles de persoas para neutralizar unhas protestas que, segundo eles, se volveron violentas.

 

Elpais.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS