Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Nova directiva SEVESO III

29-08-2012 - SEGURIDADE

A normativa SEVESO nace a raíz de varios accidentes industriais como o de Flixborough (Reino Unido) en 1974 e sobre todo o de Séveso (Italia), acontecido en 1976 nunha pequena planta química; neste accidente produciuse a liberación de grandes cantidades da dioxina TCDD que afectaron tanto á poboación coma ao medio.

Así, a Unión Europea desenvolveu unha normativa dirixida a previr os accidentes en sectores industriais nos que se manexan grandes cantidades de produtos químicos, Directiva 82/501/CEE coñecida como Directiva SEVESO.

En 1996, e tras unha revisión sen dúbida motivada por novos accidentes (recordemos os tráxicos sucesos de Bophal, India e San Juan de Ixhuatepec, México) publicouse en diario oficial da Comunidade Europea a Directiva 96/82/CE - SEVESO II, que entre outras medidas incluía o control da ocupación do chan en torno a instalacións químicas, ou a actuación ante situacións de emerxencia.

Agora realízase unha nova modificación, Directiva 2012/18/UE, SEVESO III, publicada o pasado 24 de xullo de 2012, consecuencia doutra serie de accidentes: a vertedura de cianuro que contaminou o Danubio,Baia Mare, Romanía e o desastre ecolóxico de Aznalcóllar, Huelva, relacionados con actividades de almacenamento; o accidente pirotécnico de Enschede, Holanda, produción e o almacenamento de substancias pirotécnicas e explosivas; a explosión na fábrica de fertilizantes de Toulouse, Francia, almacenamento de nitratos de amonio e aboamentos a base destas substancias.

A Directiva SEVESO obriga os países europeos a identificar as zonas industriais con riscos e a adoptar as medidas apropiadas para previr os accidentes graves nos que estean implicadas substancias perigosas e limitar as súas consecuencias para o home e para o medio.

O obxectivo desta directiva é garantir altos niveis de protección en toda a Unión Europea. 

No Estado español, a normativa Seveso en España vén determinada, fundamentalmente, polo Real Decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, e as súas modificacións RD 948/2005 e Real Decreto 119/2005.

Así mesmo podemos citar o Real Decreto 1196/2003, polo que se aproba a Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos que interveñen substancias perigosa.

Principais novidades que se inclúen na directiva SEVESO III

- Adaptación ao regulamento CLP: Con esta revisión adáptase a directiva aos cambios introducidos no sistema de clasificación de substancias e produtos químicos polo Regulamento 1272/2008 (Regulamento CLP sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas). Para iso, será necesario adecuar o anexo I de Seveso (onde se establecen as substancias e as súas categorías, cuxa presenza determinan a aplicación da normativa) á nova clasificación establecida polo anexo VI de CLP.

- Mellora da participación pública: Seveso III contén outra serie de cambios e modificacións, que afectan ao ámbito de aplicación da norma, ao intercambio e sistemas de información entre as autoridades competentes e ás disposicións relacionadas co acceso do público á información e á participación e acceso á xustiza, como obriga de adaptar a normativa Seveso aos requirimentos do Convenio de Aarhus.

- Programa de inspeccións "in situ": entre os cambios inclúese a obriga do estado de dispoñer dun programa de inspeccións nos establecementos afectados e impón a obriga de realizar inspeccións in situ anuais aos establecementos con maior risco en caso de accidente (albor superior) e cada tres anos ao resto (albor inferior).

- Novas substancias: SEVESO III actualiza as actividades e substancias que estarán afectadas pola nova normativa, sendo maior o número de empresas que estarán agora sometidas ás obrigas de SEVESO.

Os estados membros teñen de prazo ata o 31 de maio de 2015 para a trasposición ao seu ordenamento xurídico, e a aplicación da nova directiva será obrigatoria a partir do 1 de xuño de 2015.

 

Mais información: http://ec.europa.eu/environment/seveso/index.htm

Documentos

Nova directiva SEVESO III.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS