Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Agavida acusa a Goberno e Xunta de abocar aos enfermos a peregrinar polos xulgados

19-06-2014 - Amianto

A Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida) lamenta que mentres que a Xunta e o Goberno central rexeitan a creación dun fondo estatal de compensación para os afectados polo uso deste material, o Estado ten que pagar cantidades millonarias recollidas nas sentenzas favorables aos enfermos e as súas familias.

A directiva da entidade lembra que o pasado día 10 acudiron ao Parlamento de Galicia a unha sesión na que se presentou unha proposición non de lei para demandar a creación do fondo, que foi apoiado por todas as forzas de esquerda, pero foi tombada polos votos populares. «Ante a iniciativa presentada, o PP non entra a valorala e con chulería e desprezo o deputado deste partido Núñez Centeno di que estamos ben atendidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social e os servizos de saúde das comunidades autónomas e que é suficiente. Engade que o Sergas ten creada unha unidade específica do amianto no hospital Arquitecto Marcide e que non entende por que nos queixamos». Os afectados sosteñen que esa unidade atópase actualmente desbordada, xa que se incrementou o número de afectados pero mantense o cadro médico, o que xerou «longas listas de espera».

Medidas paliativas
Entenden que o protocolo médico de seguimento só é unha medida paliativa. «Condénannos a seguir peregrinando polos xulgados, obrigándonos a ouvir frases do perito médico que presentan como que "o amianto é unha moda en Ferrol" ou "pode facer vida normal", referíndose a unha persoa con mesotelioma, que faleceu dous días despois».

Pola unidade específica do Marcide pasaron xa, segundo sostén a entidade de vítimas -que agrupa en gran medida aos traballadores dos estaleiros que durante décadas estiveron expostos ao amianto que se usaba na construción dos buques-  unhas 7.000 persoas para someterse a revisións.

Fonte: lavozdegalicia.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS