Financiado por:
/ Gabinete

Estratexia "Vision Cero"

30-01-2017 - GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL

Vai escasamente tres anos, un artigo asinado por un relevante grupo transnacional de investigadores en materia de saúde laboral de Holanda, Finlandia, Bélxica, Dinamarca e Francia, chamou poderosamente a atención da comunidade científica sobre a estratexia ZAV “Zero Accident Visión”, xerada a partires do esforzo práctico desenvolvido por diversas empresas de distintos puntos do mundo, empeñadas en promover un enfoque innovador en contraposición á maneira tradicional de como afrontar a saúde e a seguridade laboral.

Sintéticamente poderíamos dicir que o enfoque que alimenta a estratexia ZAV fundaméntase no cuestionamento dos sistemas formais de xestión do risco que responden ao esquema tradicional de: identificación-avaliación-planificación-implementación; propoñendo en contraposición xestionar mellor a saúde e a seguridade a través dun proceso dinámico de actualización e adaptación permanente que implica unha constante revisión das prácticas de seguridade e unha búsqueda continuada das mellores solucións. Unha evolución dende os actuais sistemas de xestión preventiva á implantación dunha cultura organizacional, fundamentada nun compromiso compartido por todos os axentes implicados nun proceso de esforzo colectivo sostido e orientado cara á saúde e a seguridade.

Pouco a pouco a idea da “Visión Cero” foi gañando impulso como unha estratexia de mellora da seguridade e a saúde laboral a escala mundial, pasando xa a día de hoxe a formar parte dos elementos centrais da filosofía preventiva.

No XV Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais ORP2015 celebrado en Santiago de Chile en Novembro do 2015, Hans-Horst Konkolewsky, Secretario Xeral da AISS (Asociación Internacional da Seguridade Social), pronunciou unha interesante conferencia co título: Reorientación da Prevención cara á Saúde Laboral e “Visión Zero” na que chegou ás seguintes conclusións:

1) A complexidade da prevención é cada vez maior, a medida que a saúde e o benestar no traballo están suxeitos á influencia crecente de factores profesionais e non profesionais.

2) Necesítanse enfoques unificados centrados nas persoas, que complementen as medidas habituais de prevención dos riscos con programas de promoción da saúde e de regreso ao traballo.

3) É necesario examinar as prácticas e as estruturas de prevención de todas as partes involucradas e desenvolver novas competencias e sinerxias dentro e fóra do lugar de traballo, para crear unha cultura de prevención conxunta dende a Visión Cero e unha reorientación cara á saúde e o benestar dos/as traballadores/as.

4) As Directrices da AISS sobre a Prevención e o Centro para a Excelencia reforzan a capacidade de prevención das administracións de seguridade social e promoven un cambio fundamental no seu papel de “pagador” a “actor” neste proceso.

Dende a perspectiva da Visión Cero, a vida e a saúde nunca poden ser intercambiados ou trocados por outro tipo de beneficios dentro da sociedade. A vida e a saúde non teñen un valor monetario nin existen riscos aceptabeis para a saúde. A prevención deixa de ser un obxectivo operativo para se converter nun desafío estratéxico.

A partires desta filosofía considérase que a cultura preventiva pode ser moito máis efectiva que a mera aplicación de procedementos técnicos, e que esta debe sosterse sobre o convencemento e a implicación moito máis que sobre a obrigación. Mais que de previr accidentes, trátase de crear seguridade.

A Visión Cero e logo e ante todo unha filosofía preventiva con importantes implicacións prácticas, na que se prioriza a “integración” preventiva por diante da actividade, ou a movilización e compromiso das persoas por diante dos informes e as actuacións técnicas.

En definitiva, a Visión Cero configúrase non tanto como unha estratexia de xestión e si como un modelo de dinamización do compromiso preventivo de todos os axentes implicados, traballadores/as, empresarios/as, técnicos/as, institucións e sociedade en xeral. Plantexa a necesidade de evolucionar dende os sistemas de xestión tradicionais cara a unha cultura organizacional e de compromiso compartido, como parte fundamental dun proceso de esforzo colectivo sostido a favor da saúde e a seguridade.

Deste xeito trascéndese o enfoque dunha mera estratexia de control dos riscos para constituíres unha auténtica estratexia do compromiso preventivo, baixo a crenza clave que todos os accidentes poden e deben ser previdos co apoio activo e o compromiso de todos os axentes implicados no proceso de traballo. Baixo este paradigma o eixo da xestión preventiva deixa de ser a aplicación dos procedementos para cobrar especial importancia o liderazgo, a comunicación, a cultura e a aprendizaxe no ámbito da prevención.

A estratexia preventiva proposta por Vision Cero, en termos xerais, enfócase en catro ámbitos de acción nas empresas: o lugar de traballo, as persoas, as normas e a tecnoloxía.

AS SETE REGRAS DE OURO DA  Visión Cero

1) Compromiso do liderado, o que implica o rol activo dos xerentes: a seguridade é sempre o primeiro en calquera tipo de actuación; dar exemplo en termos de seguridade e saúde laboral; reaccionar inmediatamente fronte as transgresións e incumprimentos.

2) Identificar os perigos e riscos, a través dun traballo sistemático: avaliación sistemática dos riscos; inclusión de todas as áreas e actividades; avaliar accidentes de traballo, enfermidades e incidentes.

3) Establecer obxectivos para a seguridade, cunha orientación a resultados: definición dos propios obxectivos de seguridade e saúde laboral; avaliación continua dos progresos realizando as adaptacións necesarias; deseño de campañas específicas de prevención.

4) Asegurar un sistema confiable, coa seguridade como factor decisor: dotarse dunha estrutura e unha organización avanzada para a seguridade e a saúde laboral; responsabilizar en materia preventiva a todos os directivos e mandos intermedios; implementar un sistema de xestión da seguridade e a saúde laboral.

5) Usar tecnoloxías seguras e saudables: analizar a seguridade e as medidas preventivas a aplicar ante nova maquinaria ou ferramenta; verificar regularmente a seguridade e as medidas preventivas no uso de maquinaria e ferramenta.

6) Mellorar as competencias, o que ten que ver coa educación e capacitación: definir as competencias requiridas para cada posto de traballo; formación nas competencias específicas relacionadas co posto de traballo; implementación dun plan de formación e cualificación.

7) Apostar por investir nas persoas: involucrar aos colaboradores da empresa; coñecer e usar as ideas dos/as traballadores/as para a seguridade; recoñecer explícitamente os bos desempeños en seguridade e saúde laboral.

A proposta que supón a Visión Cero sitúase dentro do que se deu en chamar a “terceira onda do esforzo preventivo”, como a culminación das dúas etapas anteriores centradas respectivamente na tecnoloxía e na xestión do risco, situando agora ás persoas no eixo central dunha estratexia encamiñada a deseñar e soster traballos con cero danos para a saúde.

Por outra banda como non podía ser doutro xeito, dicir que a estratexia Visión Cero tamén corre o risco de poder ser subertida por aquelas empresas ou entidades que, como sempre, centren a súa actuación e os seus obxectivos, non na imprantación deste sistema e filosofía preventiva na que o camiño, o percorrido e o proceso teñen tanta importancia como o resultado; substituíndo a mesma por unha formal rendición de contas centrada nos resultados e ao marxe do esforzo preventivo real. Manipulación da realidade esta, nun afán de acadar e vender a imaxe non da auténtica Visión Cero, senón do obxectivo “Accidentes Cero” dentro da súa estartexia de marqueting e imaxe pública, que incluso pode chegar á propia ocultación de accidentes para acadar (formalmente) o desexado obxectivo de cero accidentes.

Zwetsloot G, Aaltonen M, Wybo JL, Saari J, Kines P, de Beek RO. The case fo research into the zero accident vision. Safety Science 2013; 58: 42-48.

Zwetsloot G, Kines P, Ruotsala R, Drupsteen L, Bezemer R. Success factors for the implementation of a Zero Accident Vision (ZAV). Report R11506. TNO 2015.

Seminario Técnico sobre as medidas de prevención no lugar de traballo: cara unha cultura da prevención. DAKAR, SENEGAL, 12-13 de abril do 2016.

As sete regras de ouro de Visión Cero, segundo a Asociación Internacional da Seguridade Social (AISS). 2015.

Directrices da AISS (Asociación Internacional da Seguridade Social): Promoción da saúde laboral; o retorno ao traballo e a rehabilitación. 2016.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 23, epígrafe Información. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán).


Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS