Co financiamento de:
/ Gabinete

Sinistralidade laboral e enfermidades profesionais: un custo humano e económico evitable

12-04-2017 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG

No marco dos estados da UE, anualmente entre o 2,9% e o 3% dos/as traballadores/as están a sufrir accidentes de traballo que conlevan máis de tres días de baixa, e entre 23 e 24 millóns de traballadores/as padecen problemas de saúde causados ou agravados polo traballo. Asumindo que realizar unha estimación global dos custos que supoñen os accidentes e os problemas de saúde relacionados co traballo é sempre unha tarefa complexa, resulta fundamental facer esta estimación como medio para comprender o alcance e dimensión dos custos xerados pola non prevención ou por unha inaxeitada prevención.

Nesta liña, a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA) encargou a TNO e Matrix a revisión de diversos estudos de avaliación do custo da non prevención de riscos laborais, mediante a comparación crítica das metodoloxías utilizadas e a elaboración de recomendacións para futuras liñas de investigación, co gallo de realizar estimacións a gran escala do custo das deficiencias ou ausencias en materia prevención de riscos laborais.

A revisión das publicacións realizada neste informe promovido pola EU-OSHA, identificou estudos en bases de datos científicas (PubMed, Scopus, OSH-ROM e PsycINFO) que facilitaban información sobre a estimación dos devanditos custos. En total, identificáronse e examinaronse 475 estudos, dos cales se preseleccionaron 29, incluídos seis estudos adicionais, dispoñibles en inglés e holandés, identificados pola Organización Internacional do Traballo (OIT), a EU-OSHA e as institucións nacionais competentes en materia de seguridade e saúde no traballo.

Para darnos unha idea do alcance do problema que representa a non prevención ou a inaxeitada planificación da actividade preventiva, os dous estudos considerados como os máis sólidos dende un punto de vista metodolóxico (da Health and Safety Executive, HSE e de Safe Work Australia) revelaron, respectivamente, un custo para a economía do Reino Unido de 13.400 millóns de libras esterlinas no 2010-2011 (aproximadamente, o 1 % do PIB ), sen incluír o custo do cancro de orixe profesional; e para a economía australiana estimouse un custo de 60.600 millóns de dólares australianos en 2008-2009 (4,8 % do PIB). Nos Países Baixos, estes custos calculáronse a través doutro estudo (Koningsveld) en 12.700 millóns de euros no ano 2001, o que representou no seu día o 3 % do PIB. A pesares das variacións producidas nestas estimacións, moi posiblemente a causa de diferencias metodolóxicas e de dispoñibilidade dos propios datos necesarios para os cálculos, o certo é que estas permítennos dimensionar o extraordinario alcance e magnitude do custo que supón a non prevención ou unha inaxeitada planificación preventiva.

En termos globais e atendendo aos cálculos realizados pola propia Organización Internacional do Traballo (OIT), o custo da sinistralidade laboral ascende ao 4% do PIB mundial, morrendo cada día no mundo como consecuencia directa dun accidente de traballo ou unha enfermidade laboral 6.400 traballadores e traballadoras, o que equivale a 2,3 millóns de traballadores/as ao ano.

Tanto o custo do cumprimento da normativa en materia de Seguridade e Saúde no Traballo (SST, como o axeitado acondicionamento do lugar de traballo para que este sexa saudable e seguro, é sen dúbida algunha unha responsabilidade directa e intransferible dos/as empresarios/as. Empresarios/as que en moitas ocasións non só non cumpren con esa obriga, senón que finalmente só soportan unha pequena parte do custo real producido por un accidente, que en gran medida é consecuencia da súa neglixencia e irresponsabilidade.

Un axeitado enfoque político e social desta problemática, debería estar orientado á superación destas distorsións e disparidades, realizando unha análise polo miúdo do reparto dos custos xerados por un accidente en función dos seus pagadores e principais afectados: o propio traballador/a, o empresario/a, a administración pública e a sociedade no seu conxunto.

Se atendemos á identificación e estimación dos custos derivados dun accidente de traballo, deberiamos cando menos contemplar estas cinco categorías de cómputo:

Sen dúbida algunha, os accidentes de traballo supoñen e conlevan unha importantísima cantidade de custos humanos e económicos, en primeiro lugar para o/a traballador/a accidentado/a que sofre directamente as consecuencias, mais tamén para a sociedade e a propia empresa.

Mais hai cousas que non se pagan con cartos nin se lles pode poñer un prezo. E dende logo a saúde e a integridade física é unha delas. Hai que ter en conta que o custo que ten que pagar un traballador/a polo accidente que sofre en termos humanos e vitais, é infinitamente superior ao que podería pagar o/a empresario/a ou a propia sociedade, tanto en termos de dor, sufrimento físico, perda de saúde e capacidade de traballo, diminucións funcionais, sufrimento psicolóxico, sufrimento emocional e esforzos de atención da familia, diminución de ingresos, maiores gastos adicionais ou incluso posibilidades de marxinación social e laboral cando o accidente deriva nunha incapacidade. Tampouco é menos certo que dun accidente de traballo derivan a súa vez outra serie de importantes custos económicos, que se reparten de forma desigual e pouco proporcional entre a empresa responsable do accidente e a propia sociedade, que é quen ao final xunto co traballador/a, remata por asumir a maior parte desta carga.

Realizar unha estimación ou valoración dos custos dun accidente de traballo constitúe por unha banda un exercicio imprescindible para que as empresas poidan chegar a ter un coñecemento real da carga económica que supoñen, e por outra unha forma de ser conscientes e valorizar axeitadamente as necesidades preventivas e as consecuencias da non prevención ou dunha deficiente prevención.

Se temos en conta que a adopción das adecuadas medidas preventivas, a maiores de reducir substancialmente o número e gravidade dos accidentes de traballo, actúan como un factor clave para incrementar a calidade e a produtividade das empresas, aumentando a súa rendabilidade, non se entende -a non ser que sexa por descoñecemento- que aínda que sexa por estritos motivos económicos, as empresas non poñan en marcha os mecanismos de previsión, planificación e prevención necesarios para evitar uns accidentes consecuencia na infinita maioría das veces das “disfuncións” producidas dentro da propia empresa en termos de inadecuadas condicións de traballo, maquinaria e ferramenta inaxeitada ou en malas condicións, falla de EPI´s e medidas preventivas, avarías… etc. Eivas estas que á súa vez irán xerando e provocando na empresa outras perdas económicas, á vez que incrementan os riscos laborais, os niveis de inseguridade e unha progresiva falta de competitividade. En definitiva, a todas luces a non prevención ou unha inaxeitada prevención á parte dun delito que atenta contra a vida, a saúde e a seguridade dos/as traballadores/as, é un verdadeiro mal negocio en termos económicos e de viabilidade da propia empresa.

IDENTIFICACIÓN DE CUSTOS ECONÓMICOS

Abordar unha identificación e deglose dos custos económicos derivados dun accidente de traballo, cando menos debería atender aos seguintes factores:

CUSTOS DE PERSOAL

Tipo e grado das lesións, que finalmente determinarán o alcance e gravidade do accidente para o/a traballador/a, determinando os medios sanitarios necesarios para a súa recuperación, o tempo de recuperación e os días de baixa médica por incapacidade temporal ou permamente para o traballo.

Horas de traballo perdidas, que finalmente afectarán ao propio accidentado/a, mais tamén aos seus propios compañeiros/as de traballo e aos seus mandos.

Melloras voluntarias á prestación por IT

Cotización á Seguridade Social

CUSTO DOS DANOS MATERIAIS

Edificios e Instalacións de produción

Máquinas e ferramentas danadas

Parada de maquinaria

Perdas de produción

Incremento de custos para manter a produción

CUSTOS DAS RESPONSABILIDADES DERIVADAS

Responsabilidades Administrativas

Responsabilidade en materia de Seguridade Social

Responsabilidade Civil

OUTROS CUSTOS

Na cuantificación dos custos económicos doutro tipo e categoría, hai algúns que non se deberían de esquecer, por exemplo:

Gastos de desprazamento e traslado do/a accidentado/a; Gastos dos servizos médicos de primeira intervención e o material sanitario utilizado; Gastos extraordinarios de limpeza; Penalizacións por retrasos de entregas de produción e reclamacións por incumprimentos contractuais; Custos vinculados a procesos xudiciais; Honorarios profesionais de enxeñeiros, avogados e técnicos diversos; Valoración do menor rendemento do novo traballador/a substituto do accidentado; Custos derivados do incremento da conflitividade laboral; Perdas de imaxe de empresa e de mercado; etc.

COMO SE DISTRIBÚEN OS CUSTOS DOS ACCIDENTES

Abordando o custo dos accidentes dende a perspectiva de quen ou quen rematan asumindo o pago dos mesmos, moitos de nós en boa medida levariámonos unha sorpresa.

É innegable que os accidentes cóstanlle cartos ás empresas, mais a tenor da neglixencia coa que moitas delas actúan en materia de prevención de riscos laborais, poderiamos pensar que cando menos son pouco conscientes desta circunstancia. Ata tal punto é así, que os resultados da Enquisa Estatal da Xestión da Prevención realizada xa no ano 2009 polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, nos informan que as razóns económicas aparecen no oitavo lugar de entre dez posibles elixidas polas empresas para actuar en materia de prevención de riscos e saúde laboral. Isto é, por unha banda os/as empresarios/as seguen a percibir a prevención como un gasto oneroso e non como un investimento rendible, e por outra, non pensan que as actuacións preventivas poidan aportar reducións significativas de custos económicos, axudando a incrementar a rendibilidade e o potencial produtivo da súa empresa.

Un posterior estudo da Mutua Universal do ano 2012, estimaba que o custo directo dos accidentes para os/as empresarios/as no Estado español fora duns 20.000 millóns de euros no ano 2007 e duns 14.000 millóns de euros no ano 2011. A pesares do cal e atendendo a como actúan, unha gran parte dos empresarios/as seguen a infravalorar os custos producidos polos accidentes e as enfermidades profesionais.

Posiblemente isto sexa así –os/as empresarios/as non ven nos custos nos que incorren unha motivación suficiente para actuar en prevención- porque en verdade, os custos finais que ten que asumir a empresa responsable do accidente son moi inferiores ao que realmente puidese parecer, tendo en conta os custos totais que produce un accidente de traballo. Efectivamente pódese afirmar que en ningún caso son os/as empresarios/as os que asumen a maior parte dos custos dos accidentes e enfermidades laborais.

Dende hai uns 15 anos véñense publicando en diversos países do mundo, distintos estudos e avaliacións en relación a como se distribúen os custos dos accidentes e as enfermidades profesionais entre os diversos “axentes” e institucións implicadas. Entre eles posiblemente os máis prestixiosos son os estudos que se veñen publicando dende o ano 2000 polo Health and Safety Executive (HSE) do Reino Unido. No informe correspondente ao exercicio económico 2013-2014 HSE informa que en U.K. a maior parte (57%) dos custos derivados dun accidente ou enfermidade profesional os asumen os propios traballadores/as, basicamente como consecuencia do custo calculado asociado ao sufrimento do propio accidentado; en segundo lugar cun 24% aparece a sociedade (custos sanitarios, prestacións económicas, axudas sociais, etc); e en último lugar os/as empresarios/as cun custo asumido do 19% do total. En números absolutos, dun custo total de 18.000 millóns de euros de custos por accidentes e EE.PP., os empresarios/as de UK asumiron nese período tan só 3.600 millóns de euros.

No que atinxe ao Estado español, o único estudo coñecido con características semellantes é o realizado por encargo a Universidade Pompeu Fabra e publicado no ano 2009 pola Generalitat de Catalunya en relación ao exercicio económico do ano 2007. Os resultados de dito estudo coinciden basicamente na tendencia do resultado, iso si máis agudizada como consecuencia dunha lexislación laboral que no Estado español protexe, tamén economicamente, máis aos empresarios/as que aos traballadores/as. Atendendo aos resultados deste estudo, o 63% dos custos dun accidente ou enfermidade profesional recaerían sobre os traballadores/as; o 30% dos custos sobre a sociedade civil e só un 7% dos custos sobre as empresas.

A PREVENCIÓN TAMÉN É ECONOMICAMENTE RENDIBLE

Cando se produce un accidente ou enfermidade profesional dun traballador/a, a infinita maioría das veces os empresarios/as son os responsables directos ou indirectos das mesmas, como consecuencia dunha non prevención ou dunha inaxeitada actuación preventiva. Non remata logo de entenderse que os empresarios/as sexan os “axentes implicados” que menos custos asumen en relación aos mesmos. É moi posible que este factor de pequeno impacto económico sexa tanto ao principio como ao final da “ecuación”, un elemento desmotivador que desincentiva dende a perspectiva económica, a necesidade perentoria de que en todo lugar e momento, os empresarios/as adopten as actuacións preventivas máis pertinentes e eficaces á hora de preservar a seguridade e a saúde laboral dos seus traballadores/as.

Tendo en conta o terrible custo humano e o desorbitado custo económico que xeran as enfermidades profesionais e os accidentes de traballo, cumpre que estas sexan clasificadas definitivamente coa categoría de máxima prioridade de entre todos os problemas de saúde global.

No Estado español a recesión económica non pode seguir sendo utilizada polos poderes políticos e económicos da dereita neoliberal, como a escusa e a xustificación para a eliminación de dereitos fundamentais de carácter sociolaboral, a través da imposición dunha reforma laboral brutal e completamente inxustificada co obxectivo principal de maximizar as ganancias a costa dos dereitos, a seguridade e a saúde dos/as traballadores/as.

A seguridade e a saúde no traballo teñen sido recoñecidas como un dereito fundamental e irrenunciable no ámbito dos dereitos humanos. Quen consciente e premeditadamente atenta contra as mesmas está a cometer un delito imperdoable de lesa humanidade. Son infinitos os atropelos e abusos que a través das modificacións lexislativas e normativas propiciadas pola reforma laboral se están a cometer no ámbito do traballo, moitos deles directamente relacionados cos incumprimentos, distorsións e interpretacións mal intencionadas dos marcos xurídicos que regulan a seguridade e a saúde laboral dos traballadores/as. Todos os traballadores e traballadoras no seu conxunto o sabemos e o sufrimos. Algún día terán que render contas todos aqueles que mirando para outro lado ou seguindo as indicacións delituosas emanadas dos que teñen a competencia e a encomenda de velar pola vida, a seguridade e a saúde dos/as traballadores/as, se aplicaron en non supervisar, inspeccionar ou facer cumprir con rigor a normativa de aplicación no exercicio dos seus deberes e competencias.

Dende a prespectiva económica, a sinistralidade laboral cóstalle ao Estado español entre 15 e 20 mil millóns de euros ao ano, dependendo das fontes consultadas. Isto é, un custo equivalente entre 1,5% e o 2% do PIB do Estado. Debido á peor prevención e a maior sinistralidade, estas porcentaxes de custo triplican ás que se producen nos Estados da nosa contorna europea.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 24, epígrafe A Fondo. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS