A problemática da saúde mental: unha pandemia que xa está entre nós27-04-2022 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 42Xa vai algúns anos que a Organización Mundial da Saúde (OMS) está a darnos razóns para pensar que a vindeira pandemia —nos países occidentais— será moi posiblemente unha pandemia de problemas de saúde mental; hipótese esta que a situación xerada pola COVID-19 non fixo máis que reforzar. |
|---|
VISUALIZACIÓN EN FORMATO BOLETÍN
No Estado español, no que ademais aínda se arrastra unha crise económica dende o ano 2008 que foi abordada pola dereita política representada polo PP mediante a imposición dunha reforma laboral brutal e inxusta, que deixou ás familias traballadoras sen dereitos laborais nin mecanismos de protección económica, non só se agravaron os trastornos previamente diagnosticados senón que ademais se dispararon os casos de ansiedade e depresión, sendo un dos países da Unión Europea que máis ansiolíticos, sedantes e hipnóticos consome e onde a especialidade sanitaria que podería mitigar o problema permaneceu sempre agochada e en segundo plano
Así as cousas, os poucos datos que polo de agora coñecemos sobre esta cuestión no Estado español son especialmente alarmantes:
No Estado español é onde máis creceu a preocupación pola saúde mental:
As carencias dos Servizos públicos de saúde mental
Se observamos o apartado de profesionais sanitarios da área de Saúde Mental, o Estado español está á cola, empatado con Bulgaria. Son os dous países de Europa con menos profesionais da Saúde Mental por 100.000 habitantes, sumando psiquiatras, psiquiatras infantís, psicólogos/as e enfermeiras especializadas.
O Estado español atópase en 25 profesionais da Saúde Mental por cada 100.000 habitantes, mentres que Suecia presenta un cociente tres veces superior (150) e Finlandia unhas catro veces máis alto (200). En canto ás enfermeiras especializadas, a diferenza de cociente entre Dinamarca (o Estado que máis ten) e España (o Estado que menos) é de 150.
Se atendemos ao apartado de investimento en Saúde Mental respecto do total de gasto sanitario, o Estado español repite mala nota ao situarse debaixo da media. Segundo o informe, o Estado gasta apenas o 5% do seu investimento sanitario en Saúde Mental. Seguindo a comparación cos países nórdicos, Suecia inviste o dobre, o 10% do seu orzamento sanitario.
Os datos sobre a saúde mental no Estado español
O suicidio
O suicidio é outra das realidades caladas que se vinculan á saúde mental. É, dende hai anos, a primeira causa de morte non natural no Estado e, segundo os últimos datos de 2018, as súas vítimas case dobran ás dos accidentes de tráfico.
Cada día suicídanse unhas 10 persoas e estímase que outras 200 téntano, sen que haxa un plan estatal para previlo. Agora mesmo, segundo a Fundación española para a prevención do suicidio, só nove comunidades autónomas teñen plans específicos para atallar este problema sobre o que é posible achegar outro dato relevante: máis homes se suicidan, pero máis mulleres o tentan. Así o reflicte o INE.
Está estudado en varios países europeos que se dotamos de máis medios á atención primaria os suicidios diminúen. Os médicos de cabeceira son a primeira liña na detección do risco.
En xeral, a pandemia de COVID-19 pasou unha ampla factura á saúde mental das persoas no Estado. Un 41,9% tivo problemas de sono, mentres que máis da metade dos cidadáns —un 51,9%— confesa sentirse "canso ou con poucas enerxías", segundo unha recente enquisa publicada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que se realizou entre o 19 e o 25 de febreiro do ano 2021.
Saúde mental entre a poboación das clases traballadoras
A recente enquisa do CIS analizou o impacto da pandemia na saúde mental atendendo a outros criterios como a demografía ou a economía e desvelou que as persoas traballadoras máis humildes tiveron máis medo e sensación de exposición a poder morrer e a contaxiarse, así como a perder o seu traballo e ingresos como medio de vida deles e as súas familias. Como non vai haber problemas de saúde mental?
Dende que comezou a pandemia, un 6,4% das persoas traballadoras acudiu ao psicólogo ou ao psiquiatra por algún problema, sobre todo trastornos depresivos ou de ansiedade, e ao 5,8% da poboación prescribíronselle psicofármacos, como ansiolíticos, antidepresivos e reguladores do sono.
No Estado español e especialmente entre as clases traballadoras, a cidadanía está a dar xa mostras dunha importante "fatiga” pandémica e de dificultades económicas, un cansazo especialmente acusado polos máis novos, nos que o estado anímico está máis deteriorado que no resto da poboación, segundo un recente estudo realizado polo Instituto de Estudos Sociais Avanzados do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Saúde mental e traballo
Aínda que non hai datos oficiais sobre a deterioración psicolóxica das persoas traballadoras (xa que este tipo de patoloxías non están incluídas no catálogo de enfermidades profesionais e causan baixas que se contabilizan dentro do compendio de continxencias comúns), non hai dúbida de que a precariedade laboral, a incertidume económica e a pandemia de COVID-19 está a afectar ao estado mental das persoas traballadoras.
A falta de información e datos obxectivables en relación á saúde mental no traballo impiden realizar unha política preventiva eficiente nesta materia; mais si sabemos que:
Así as cousas a pandemia silenciosa que afecta á saúde mental das persoas traballadoras empeora a gran velocidade. Loitar contra o estrés, a ansiedade e a depresión por causa do traballo convértese a todas luces nunha prioridade.
Dende a nosa experiencia preventiva e sindical podemos afirmar que existe unha clara correlación entre a deterioración da saúde mental e a precariedade laboral, as malas condicións de traballo, o medo ao contaxio por COVID-19, o illamento, a esixencia de dispoñibilidade permanente (teletraballo e plataformas dixitais) e a sinistralidade laboral.
Temos que ter en conta que a pesares de ser o ano 2020 un ano con moi escasa actividade laboral, as mortes por infarto e derrame cerebral subiron un 11%,-incrementándose no caso da Galiza un estratosférico 78,57% no ano 2021 (25) en relación ao ano 2020 (14). Aumento este moi rechamante nun ano no que seguimos a manter un importante rexistro de falecementos que tiveron lugar durante a xornada laboral.
Sen ningunha dúbida os riscos psicosociais seguen sendo unha das grandes materias pendentes da prevención de riscos laborais en todo o Estado español e especialmente nunha Galiza, na que a maioría das empresas (PEMES) non teñen implementado nin integrado un verdadeiro Plan de Prevención.
En practicamente a totalidade das empresas pequenas e as micropemes, que supoñen nin máis nin menos que un 76% do total de empresas no Estado español e un 87% na Galiza non se abordan nin se preveñen os riscos psicosociais.
Algunha cuestión conceptual
Que é un trastorno mental no traballo?
A “enfermidade mental” non se refire só a patoloxías graves, senón tamén a trastornos comúns como a depresión, a ansiedade, o estrés polo traballo ou casos de esgotamento que poden ser tratados de forma adecuada se son manexados correctamente.
Como afecta a saúde mental no traballo?
A análise feita pola OMS apunta que un ambiente de traballo considerado “malo” ou “negativo” pode afectar directamente á saúde mental das persoas traballadoras, xerando problemas como alto nivel de estrés, trastorno de ansiedade, depresión e nalgúns casos, dependencia química.
Cales son os factores que inflúen na saúde mental dos traballadores/as?
Algunhas causas de risco para a saúde mental das persoas traballadoras son:
Sen dúbida algunha o enorme deterioro das condicións de traballo e a extrema precariedade laboral propiciada e potenciada pola reforma laboral do PP, ten destruído e esnaquizado dereitos laborais fundamentais que se levaron por diante o emprego e os salarios dignos dunha gran parte da clase traballadora, condenando ás súas familias a unha situación de permanente necesidade e extrema pobreza, negando aos seus fillos a posibilidade de ter un futuro con posibilidades de acadar un traballo digno que posibilite a construción do seu propio proxecto vital.
Así as cousas e cunha gran parte da Reforma Laboral do PP a día de hoxe aínda vixente, como é posible que familias enteiras, pais e fillos traballadores, non estean a sofrer importantes problemas de desesperanza, esgotamento, depresión e/ou problemas mentais de distinta índole e alcance? O raro, por non dicir o imposible, sería o contrario. Mais non llo perdan, o propio PP a través do seu xa ex-presidente Pablo Casado, tiña manifestado recentemente que o primeiro que faría se o PP tivese posibilidades de gobernar (en alianza coa extrema dereita fascista) sería restituír a legalidade e vixencia da súa terrorífica e fondamente inxusta reforma laboral. Incrible máis absolutamente certo.
Á vista está que para esta organización política, para moitos delituosa e organizada como unha auténtica mafia política, o único importante é que o empresariado e eles mesmos poidan ter cada vez máis e máis privilexios e beneficios económicos, sen importarlles para nada as terribles consecuencias para a vida e a saúde da gran maioría social traballadora que depende para vivir dun emprego decente e un salario digno.
Fontes consultadas:
Organización Mundial da Saúde (OMS)
Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS)
World Mental Health 2021 de Ipsos
Estatísticas sinistralidade 2021 ISSGA