Sindicalismo e prevención22-07-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 39Vai xa moito tempo que se sabe con certeza que a participación dos traballadores/as na mellora das súas condicións de traballo, constitúe un elemento fundamental e insubstituíble na mellora real da seguridade, a prevención de accidentes e a saúde laboral no camiño da consecución dunhas mellores condicións de vida. Como entón renunciar a participar plenamente nesta área estratéxica e fundamental da actividade e a acción sindical? |
|---|
A lexislación actual en materia preventiva emanada e enmarcada na lexislación europea en materia de seguridade e saúde laboral, habilita como preferente e prioritaria a participación dos traballadores/as e as súas organizacións representativas nas diferentes modalidades organizativas previstas pola lei a fin de facilitar a súa implicación na xestión da prevención de riscos laborais, promover a implantación de medidas preventivas e en definitiva poder incidir na mellora da seguridade e as condicións de traballo, como parte do dereito fundamental e innegociable a desenvolver a súa actividade laboral dunha forma digna e segura.
Diversos estudos e traballos científicos promovidos polos sindicatos do Reino Unido, TUC (Trade Unión Confederation), teñen evidenciado que a actividade dos sindicatos de clase en materia preventiva realizada polos seus delegados/as, afiliados e as súas estruturas técnicas de apoio e asesoramento en materia de prevención, inflúen e repercuten moi positivamente na mellora da seguridade e das condicións de traballo nas empresas, propiciando o que se deu en chamar “o efecto sindicato”, que demostra que cando nas empresas existen delegados/as, afiliados/as apoiados por estruturas técnicas de prevención das organizacións sindicais, multiplícanse as intervencións e propostas de mellora das políticas e actuacións de prevención de riscos laborais nas empresas, con resultados significativamente máis positivos que cando estas estruturas non existen nin participan.
EFECTOS CONSTATADOS DA PARTICIPACIÓN SINDICAL NA PREVENCIÓN
Neste senso diversos estudos posteriores conseguiron identificar os elementos positivos máis significativos que se producen nas empresas como consecuencia da participación activa dos sindicatos de clase na identificación dos riscos e nos posteriores procesos e actividades preventivas, a saber:
Sen dúbida algunha, alí onde os/as delegados/as sindicais e de prevención actúan xunto cos afiliados/as co apoio dos Gabinetes Técnicos de Prevención das organizacións sindicais, as condicións de traballo desas empresas sempre rematan por ser significativamente mellores. Incrementar a visibilización dos problemas de seguridade das empresas, axuda extraordinariamente a un mellor coñecemento e concienciación sobre os mesmos, tanto das estruturas de dirección como dos traballadores/as, incrementándose os niveis de implicación e participación na procura de solucións e implantación de medidas preventivas eficientes e eficaces.
DIFICULTADES E ATRANCOS
Resulta evidente que na maioría das veces a intervención preventiva de delegados/as e/ou afiliados/as non é simple nin doada de realizar, debido en moitas ocasións ás dificultades e atrancos que presentan as empresas e tamén á complexidade e dificultade técnica que en moitos casos plantexa a axeitada solución dos riscos e problemas preventivos a solventar. Nestas ocasións, para unha gran parte das mesmas, resulta fundamental a actuación e intervención dos servizos técnicos de asesoría e apoio técnico.
Atrancos máis comúns cos que se atopa a actividade preventiva sindical:
A IMPORTANCIA DOS SERVIZOS TÉCNICOS DE PREVENCIÓN DOS SINDICATOS COMO ELEMENTOS DE ASESORAMENTO E APOIO
A complicada realidade anteriormente descrita chea de atrancos e dificultades, debulla a existencia frecuente duns contextos con problemas de relacións laborais de distinto alcance, índole e intensidade, fronte aos que os delegados e delegadas de prevención, os delegados/as sindicais e os propios traballadores/as necesitan do apoio técnico, os recursos e o asesoramento que se lles proporciona dende os Servizos Técnicos de Prevención das organizacións sindicais, baixo o formato no que estes estean constituídos.
Frecuentemente esta axuda e apoio técnico proporcionado polos Gabinetes dos sindicatos resulta imprescindible para contrarrestar e combater eficazmente as situacións adversas nas que estes traballadores/as deben plantexar as súas apreciacións, esixencias de información, propostas preventivas ou denuncias, en moitos casos realizadas baixo presión e amezas das contornas empresariais ou da indiferencia e parcialidade das mutuas colaboradoras da seguridade social ao seu servizo.
Dende os servizos de prevención de riscos laborais das organizacións sindicais e dende os seus Gabinetes, na maioría das ocasións proporciónase ás persoas traballadoras necesarios e acaídos planes de formación en materia de prevención de riscos e saúde laboral, préstaselles asistencia técnica e asesoramento preventivo personalizado, acompañamento nos procesos e procedementos de tramitación, xestión ou denuncia fronte os organismos públicos competentes na materia, e realízanse con frecuencia campañas de sensibilización e información en materia de prevención de riscos e saúde laboral, proporcionando aos traballadores e traballadoras unha base de traballo e acompañamento para a súa participación activa e efectiva nas políticas de prevención da empresa, na seguridade dos seus postos de traballo, na defensa da súa saúde e os seus dereitos fundamentais, e en definitiva en algo tan básico, imprescindible e irrenunciable dentro da acción sindical como é a mellora substancial das súas condicións de traballo.
Así as cousas e segundo indican todos os estudos e datos existentes, a actividade dos Servizos Técnicos de Prevención das organizacións sindicais aportan un apoio esencial e imprescindible para que os representantes dos traballadores/as e as propias persoas traballadoras poidan dispoñer de coñecemento, información, argumentación técnica e recursos de apoio e asesoramento para poder realizar a súa laboura de negociación, esixencia e reclamación de melloras na súa seguridade, saúde laboral e condicións de traballo a pesares dos múltiples axentes e factores do sistema que pretende elimininar ou minimizar a súa capacidade para obter e defender eses os seus dereitos.
As condicións de traballo, a calidade e seguridade en como este se presta, forma xa a estas alturas unha parte absolutamente esencial e irrenunciable das reivindicacións e prioridades de acción sindical de calquera sindicato de clase que poida recibir tal denominación. Ás veces asombra comprobar como aínda xa ben sobrepasado o século XX segue a haber traballadores/as ou incluso cadros sindicais que dende a súa inexplicable ignorancia e cerrazón, menosprezan, minusvaloran ou simplemente non consideran a prevención de riscos laborais e as condicións de traballo como o elemento clave xunto co salario para o desenvolvemento dunha acción sindical prioritaria e esencial na defensa dos intereses e dereitos máis importantes e irrenunciables de calquera persoa traballadora. Seguimos avanzando, mais esta é unha senda que nunca se pode deixar de percorrer. Sen dúbida algunha, a loita sindical é o único camiño fronte ao capital e a explotación empresarial.
Podes imprimir este artigo no PDF adxunto.