Co financiamento de:
/ Gabinete

Desigualdade, traballo e xustiza social

26-07-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 39

Resulta evidente que a crise mundial da pandemia do COVID-19 a maiores do inmenso problema de saúde pública e a gran mortaldade que está a conlevar, ten provocado un importantísimo deterioro dos sistemas produtivos e por ende da nosa estrutura económica e da equidade social, con numerosas e gravísimas consecuencias en termos de emprego, desigualdade, pobreza e exclusión social.

 

                                                                                         VISUALIZACIÓN FORMATO BOLETÍN

 

REFORMA LABORAL, COVID-19 E DEREITA NEOLIBERAL

Entre outras cuestións, se algo ten referendado e deixado meridianamente claro esta catástrofe pandémica, resulta ser sen dúbida a extraordinaria, imprescindible e insubstituíble relevancia que teñen para a protección da gran maioría social traballadora a existencia duns servizos públicos eficaces, eficientes e ben dimensionados capaces de dar axeitada resposta ás necesidades plantexadas, en contraposición a uns servizos públicos (sanidade, educación, subsidios por desemprego, protección social,…) cativizados nas súas capacidades como consecuencia das políticas de destrución e recortes propiciados histórica e obsesivamente pola dereita española en beneficio dos grupos de inversión multinacional de carácter privado cos que comparten dividendos e ideoloxía neoliberal, ideoloxía en moitas ocasións con notables concomitancias co fascismo de novo cuño e nas antípodas dos principios que rexen as democracias reais de corte social e participativo.

A estas alturas nin ao máis ignorante e zopenco da clase se lle escapa que para loitar e combater con certo éxito as desigualdades producidas polo latrocinio sistemático do sistema capitalista-neoliberal, resulta imprescindible e primordial deseñar e aplicar políticas públicas progresistas fundamentadas na equidade e a progresividade fiscal (que pague máis quen máis ten), que existan servizos públicos eficientes capaces de garantir a necesaria protección social nos períodos de necesidade, e que existan unhas políticas públicas orientadas a promover un mercado de traballo máis xusto, inclusivo, equilibrado e equitativo. Un mercado de traballo que reparta máis eficientemente a riqueza e as plusvalías do traballo, que garanta empregos seguros e salarios dignos, e que penalice a precarización das condicións de traballo combatendo frontal e decididamente o desemprego.

A realidade en cambio é que no momento actual e dende as reformas implementadas polo Partido Popular (PP) na crise económico-financeira iniciada no ano 2007 -reforma laboral incluída-, a precariedade laboral do mercado de traballo tense volteado nunha precariedade estrutural promovida, buscada e propiciada polas políticas ultraliberais e neoconservadoras da dereita política e social española herdeira do franquismo e do compendio ideolóxico máis retrógrado da Europa Occidental que bebe directamente das fontes teóricas do neofascismo, consecuencia do cal, a hipocrisía, o engano, a manipulación, a corrupción, o latrocinio e a corrupción, forman na práctica parte consubstancial e constituínte do seu “modus operandi”. Unha política esta que require dun continuo engano e manipulación do estado de opinión da poboación e que non sería posible levar a cabo sen a colaboración intensa, continua e entusiasta dunha importante cantidade de medios de comunicación propiedade e a disposición do poder ostentado polo poder político e social controlado pola dereita española.

Así as cousas os efectos acumulados das medidas adoptadas para a “superación” da crise económico-financeira de finais do ano 2007 unidos aos efectos económicos da actual pandemia, teñen configurado un mercado de traballo con grandes bolsas de paro e unha extrema precariedade no que as mulleres, a xente moza e os parados/as de longa duración son sen dúbida os que se están a levar a peor parte dos seus nocivos efectos: desemprego, precariedade, subcontratación, economía somerxida e baixos salarios que están a afondar na enorme brecha das desigualdades sociais e a propia sostenibilidade das pensións e a Seguridade Social.

Segundo os cálculos publicados pola OIT, a masa salarial no Estado español caeu un 12,7% nos dous primeiros trimestres do ano 2020 como consecuencia dos efectos da pandemia de COVID-19, a pesares das medidas extraordinariamente positivas (impensables con Gobernos de dereitas) propiciadas pola aplicación do paraugas dos ERTES, o ingreso mínimo vital (IMV) ou o recente e tan necesario incremento do salario mínimo interprofesional (SMI).

POBREZA, RIQUEZA E XUSTIZA SOCIAL

A pesares de todo, estas políticas amósanse amplamente insuficientes debido fundamentalmente ao mantemento e non derrogación (polo de agora) da terrible e nefasta reforma laboral imposta polo PP, así como pola aplicación sistemática de políticas neoliberais xeradoras de grandes diferencias salariais, inmensas bolsas de paro, desregulación do mercado laboral e a potenciación da economía financeira especulativa fronte á economía produtiva real, a verdadeiramente xeradora de emprego, importantes “inputs” económicos e aportacións sociais.

Estas circunstancias entre outras perfilan en gran medida as causas fundamentais do incremento da pobreza e o aumento das desigualdades, de tal xeito que na actualidade no Estado español un 13% das persoas traballadoras cun emprego son persoas traballadoras por debaixo do limiar da pobreza a pesares de desenvolver unha actividade laboral. Pola contra cada día é maior a concentración (en menos persoas) e o incremento das rendas do capital, rendas que por outra parte pouco ou case nada aportan porcentualmente ao mantemento común do Estado do benestar, a pesares de que cada vez resulta máis grande a parte do “pastel” económico do que se apoderan e benefician en exclusiva, incrementándose as desigualdades, a iniquidade e a inxustiza social no Estado español, dun xeito moi destacado en relación ao resto dos Estados de Europa tras as políticas despregadas polos Gobernos de dereitas do Partido Popular (PP).

EMPREGO E EQUIDADE SOCIAL

Dada a inmensa importancia de ter un emprego xusto e digno como factor determinante para a consecución da integración, a cohesión e a equidade social, resulta urxente e inaprazable abordar dende a UE e os Estados que a compoñen (especialmente o Estado español), unha reforma fiscal xusta e progresiva que promova maiores aportacións económicas de quen máis ten, favorecendo un mellor e máis xusto reparto da riqueza, o desenvolvemento e axeitado financiamento de servizos públicos esenciais para a protección social dos colectivos de personas traballadoras e as súas familias que se atopen nunha situación máis vulnerable (educación, sanidade, vivenda, SMI, IMV,…).

Agora máis que nunca faise necesario recuperar as políticas de pleno emprego, dun emprego digno no marco estabelecido pola Carta Social Europea que determina a curto prazo o obxectivo de acadar un Salario Mínimo Interprofesional (SMI) equivalente cando menos ao 60% do salario medio, así como garantir a través da negociación colectiva convenios sectoriais cun salario mínimo garantido, superando as políticas regresivas do PP derivadas da súa aberrante reforma laboral; só así poderemos comezar a camiñar na senda da redución das desigualdades salariais na viaxe cara a unha maior equidade social.

Fomentar a equidade e a xustiza social en aras a reducir o incremento das desigualdades, require da aplicación de políticas redistributivas da riqueza e do afortalamento dos Servizos Públicos esenciais e de protección social. Políticas e servizos que loxicamente necesitan dun financiamento suficiente que garanta o seu mantemento e sostenibilidade, algo isto absolutamente incompatible coa baixada de impostos (para os ricos, as clases máis podentes e os grandes grupos empresariais) que implican unha menor recadación de fondos públicos e a eliminación a curto e medio prazo das políticas de protección e reequilibrio social que forman parte da axenda política dunha dereita cada vez máis insolidaria, máis extrema e máis radical.

Neste punto resulta evidente que o combate ideolóxico e a loita política están servidas á hora de decidir que camiño tomar a nivel económico e social. O camiño dunha fiscalidade equilibrada e progresiva destinada a redistribuír a riqueza, diminuír as desigualdades e acadar una maior equidade social no marco dunha sociedade máis xusta, solidaria e cohesionada; ou pola contra, como se vén facendo historicamente ata agora, dar as costas á gran maioría social traballadora e aos seus intereses económicos e sociais, apostando como fixo sempre a dereita, por favorecer e beneficiar en exclusiva ao gran capital, ás burguesías adiñeiradas e aos estamentos sociais e profesionais privilexiados que forman parte do Sistema que sostén o poder da dereita política e social herdeira directa do franquismo. Solidariedade-insolidariedade; xustiza social-inxustiza social, igualdade-desigualdade, cohesión-conflito, … e estas son as disxuntivas.

CAPITALISMO NEOLIBERAL: COBIZA E DEPREDACIÓN

O capitalismo neoliberal asumido e practicado pola dereita española segue as directrices ideolóxicas aplicadas polos Estados Unidos (USA) en materia económica, unha ideoloxía económica baseada na nefasta Teoría do Medre Continuo que non ten para nada en conta que o noso planeta, entendido como un ben explotable e espoliable para a obtención de riqueza, é un espazo determinado e finito con recursos limitados o que a todas luces impide e imposibilita un medre ilimitado e continuo da riqueza baseado na explotación dos seus recursos. Circunstancia esta que se ve extraordinariamente agravada no Estado español polo innegable e disparado incremento das desigualdades económicas e sociais que se están a producir tanto entre CCAA (Galiza é un claro exemplo) como entre persoas (clase traballadora), aumentando cada vez máis as diferencias existentes entre pobres e ricos, estes últimos acumulando cada vez máis e máis riquezas en contraposición ao empobrecemento continuo da gran maioría social traballadora. Así as cousas só un troco de paradigma económico e dos actuais modelos produtivos poderán aportar unha máis axeitada solución. Seguir polo camiño da Teoría do Medre Continuo por unha banda só servirá para seguir a esnaquizar dun xeito cada vez máis irreversible o noso medioambiente e recursos naturais, e pola outra seguirá a incrementar sen límite a inxustiza e as desigualdades adiviñándose nun horizonte nada lonxano importantes conflitos sociais que se irán progresiva e inexorablemente enconando debido á radicalización, intransixencia e cobiza cada vez máis extrema e violenta da dereita política e social española.

O CAMIÑO PERCORRIDO Á DESIGUALDADE ACTUAL

Hoxe por hoxe, dende a caída e disolución da maioría dos rexímenes alternativos ao capitalismo, o neoliberalismo internacional de extrema dereita tense transformado en máis agresivo e radical, invadido como está pola insolidariedade e unha cobiza sen límites disposta a non outorgar ningunha concesión con tal de acumular máis poder e cada vez máis e máis riqueza, incrementando ata o límite da usura económica, política e social os niveis de desigualdade.

Sen dúbida algunha as cesións prácticas e ideolóxicas efectuadas nas últimas décadas pola socialdemocracia europea e especialmente a española, aceptando e asumindo como inevitables moitos dos principios económicos que rexen o “modus operandi” do capitalismo neoliberal, ten sido aproveitada pola dereita política, propiciando a extensión da actual situación de crecente desigualdade e inxustiza social; desigualdade non só económica e material, senón tamén no xurídico, no laboral, na participación política ou na igualdade de oportunidades entre outras.

O progresivo e constante incremento das desigualdades que tanto está a afectar na actualidade a unha importante parte da poboación, afonda as súas raíces na “revolución” neoliberal dos anos 80 e 90 do pasado século XX. Dende aquel período e co desmantelamento dos rexímenes políticos alternativos ao capitalismo, a dereita política internacional viu o camiño expedito para radicalizar as súas posicións incrementando notablemente os niveis de inxustiza económica e social aumentando notablemente o grao de desigualdade para unha boa parte da humanidade.

ALTERNATIVA ÁS POLÍTICAS DA DEREITA NEOLIBERAL

Ante esta ofensiva de insolidariedade e cobiza sen límites da dereita política, estase a contrapoñer ideolóxica e politicamente unha concepción igualitarista da sociedade que afonda no valor das democracias sociais e participativas que consideran fundamental e innegociable a plena garantía dos dereitos civís e políticos así como os dereitos sociais e económicos, entre os que o dereito inalienable a un traballo digno e en condicións de seguridade constitúe un elemento clave e fundamental en termos de integración e cohesión social. Dereitos estes que son complementados polos chamados dereitos de terceira xeneración ou dereitos colectivos tales como o dereito a vivir nunha situación de paz, o dereito á preservación dun ecosistema e un medioambiente natural e saudable, o dereito á defensa e preservación da propia lingua, cultura e identidade, e por suposto o dereito á autodeterminación para aqueles pobos que se consideran a si mesmos, como é o caso galego, unha nación.

Pertencer a unha determinada clase social; ter un traballo digno e seguro, ou non; posuír un determinado nivel de renda e riqueza ou desfrutar dunhas determinadas condicións de vida, son factores prognostico determinantes en relación aos niveis de morbilidade e mortalidade que rematan por afectar ás persoas. Cientificamente está amplamente constatado que a maior desigualdade peor saúde para as persoas que padecen as condicións máis desfavorables. Así as cousas ante esta irrefutable realidade do continuo avance das desigualdades xeradas polas políticas da dereita neoliberal, faise imprescindible revitalizar e poñer en primeiro termo das prioridades a recuperación do enfoque social da economía, aproveitando as técnicas que nos proporciona esta disciplina para favorecer á gran maioría poboacional traballadora a través da mellora da eficiencia económica vinculándoa intimamente a unha máis xusta e equilibrada redistribución da riqueza, unha fiscalidade realmente progresiva e unha xestión pública eficiente exenta de clientelismos e corrupción que axude a diminuír ostensiblemente as actuais desigualdades.

A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) -segundo explícita no Proxecto do Plan de Acción Mundial 2008-2017, sobre a saúde dos traballadores/as-, significa: “As persoas traballadoras constitúen a metade da poboación mundial e son as máximas contribuíntes ao desenvolvemento económico e social. A súa saúde non está condicionada só polos riscos no lugar de traballo, senón tamén por factores sociais e individuais e polo acceso aos servizos de saúde”.

Xa no século XVIII para o filósofo francés Jean-Jacques Rousseau (1712), a desigualdade social e política non era natural, non derivaba dunha vontade divina e tampouco era unha consecuencia da desigualdade natural entre o xénero humano. Para Rousseau a súa orixe é o resultado da propiedade privada e dos abusos de aqueles que se apropian para si mesmos da riqueza do mundo, das plusvalías do traballo e dos beneficios privados que se derivan desa apropiación.

Sen dúbida a esas alturas de século Rousseau xa sabía con toda certeza que os sistemas económicos cobizosos e insolidarios eran unha fonte inesgotable e constante de desigualdade.

ALICERCES DAS POLÍTICAS DA DEREITA NEOLIBERAL

Debemos ter en conta que o neoliberalismo non é só un conxunto de teorías e estratexias económicas, pola contra tamén é unha doutrina político-social máis ampla e perigosa que aborda as problemáticas sociais dende a perspectiva da individualidade, o egoísmo, a cobiza, a insolidariedade e a sacralización do enriquecemento persoal a calquera prezo independentemente das nefastas consecuencias que a súa acción teña para os recursos naturais e para a maioría da sociedade. Para o neoliberalismo o ser humano mídese e valórase pola súa capacidade persoal para acumular poder e riqueza nunha carreira sen límites onde todo vale, amparándose nunha suposta e falsa liberdade individual fundamentada no consumismo, da que realmente só desfrutan aqueles que seguindo a súa ideoloxía conseguen esa acumulación de riqueza en detrimento da liberdade individual e colectiva de todos os demais obrigados a subsistir cuns baixos niveis de calidade de vida, sen presente nin expectativas de futuro.

Os principios económicos do neoliberalismo avogan pola diminución da dimensión das Administracións e polo tanto pola desaparición ou diminución dos servizos públicos que atenden ás necesidades da gran maioría social traballadora (sanidade, saúde, servizos sociais, prestación por desemprego,…..); desvalorizando a importancia do colectivo (que favorece ao conxunto) e potenciando o protagonismo do éxito individual como forma de acceder ás satisfaccións e praceres proporcionados pola capacidade adquisitiva e de consumo como fórmula da felicidade.

O neoliberalismo que é o mesmo que dicir dereita política e social -cada vez máis extrema e radical-, nunca estará disposto a admitir que existe unha alternativa posible á sociedade capitalista de consumo asentada na doutrina neoliberal, permitíndose afirmar incluso mentiras tales como que a súa teoría político-económica é a base da democratización. Nada máis falso e lonxe da realidade. Sen dúbida de ningún tipo o neoliberalismo ten socavado e sigue a socavar gravemente as democracias, eliminando dereitos fundamentais, destruíndo servizos públicos esenciais, así como manipulando e controlando unha boa parte da opinión pública a través dos medios de comunicación ao servizo do Sistema, impedindo a participación real da poboación, baleirando en definitiva de contido a posibilidade dun auténtico e xenuíno exercicio de participación democrática e de control do poder exercido especialmente polos Gobernos de dereitas, tan afines como son á mentira, ao engano, á manipulación, á corrupción e á destrución de dereitos e liberdades dunha gran parte da poboación.

Así as cousas, o presente neoliberalismo económico practicado pola dereita política e social, considera falsamente que o ”mercado” resolve todos os problemas que se producen na sociedade e que a súa práctica económica é a única posible, sendo imprescindible promover a derrogación de condicións e regulamentacións para superar dificultades e restricións e deste xeito favorecer unha maior capacidade de competencia das empresas. En definitiva, a lei da selva onde o empresario ten sempre a tixola polo mango para impoñer á maioría social traballadora as súas espurias condicións, en moitos casos ao borde do puro e simple escravismo laboral.

A pesares de que a desigualdade social forma parte do propio ADN do capitalismo, a existencia de rexímenes políticos alternativos a este (comunismo) que proporcionaban á poboación maiores estándares de calidade de vida, propiciou como reacción defensiva do propio capitalismo neoliberal o xurdimento do denominado “capitalismo social” que buscaba un equilibrio entre riqueza e pobreza de tal xeito que melloraba significativamente os índices de redistribución da riqueza e da calidade de vida do conxunto da poboación, coa participación activa neste proceso das organización sindicais e dos partidos do sector da esquerda. Este período do capitalismo social (sociedade do benestar) comeza a esmorecer rapidamente tras a caída do muro de Berlín e a transformación dos rexímenes comunistas do leste de Europa. A partires desa época a dereita política neoliberal dáse conta que xa non ten enfronte unha alternativa de poder con outro modelo económico e social, e comeza a recuperar a pasos axigantados a súa cobiza sen límite e a súa vontade de depredación económica e social na procura dos maiores beneficios posibles sen importarlle nin a calidade de vida nin os dereitos básicos do conxunto da poboación, incrementándose dende entón a un ritmo vertixinoso a inxustiza laboral e económica, á vez que se orixina unha cada vez maior desigualdade social.

No Estado español para chegar á actual situación, por unha banda a dereita política neoliberal (PP, C’s, Vox, UPyD, ...) contou coa inestimable colaboración dunha socialdemocracia (PSOE) ideoloxicamente feble e en gran medida rendida aos pés das teorías económicas e sociais do capitalismo neoliberal (reformas laborais PSOE e PP); e por outra o sindicalismo estatal (basicamente CCOO, UGT) foi definitivamente domesticado converténdose en organizacións pro sistema fundamentalmente de carácter pactista e sempre ao servizo do Goberno de turno a cambio dos privilexios e contrapartidas económicas obtidas para as estruturas de poder das súas propias organizacións, debilitándose significativamente deste xeito os mecanismos de defensa dos salarios e as condicións de traballo dunha gran parte da poboación traballadora.

Sen dúbida algunha o neoliberalismo entendido como modelo único e falsamente insubstituíble, abócanos sen remisión a unha fonda situación de inxustiza económica e social, a un desastre de grandes dimensións que seguirá aumentando sen apenas límites os niveis de desigualdade, dada a ausencia polo de agora de un contrapoder real e efectivo que free esta forma de barbarie e agresión continua ás clases traballadoras no marco dunhas democracias liberais febles e inoperativas incapaces de protexer dun xeito real á súa cidadanía.

Así as cousas non queda máis opción que asociarse, organizarse e combater dende todos os planos posibles este terrorismo económico e social practicado polas insolidarias e cobizosas políticas da dereita neoliberal; hoxe máis que nunca a loita democrática é o único camiño no obxectivo da consecución dunha sociedade máis xusta, equitativa, solidaria, cohesionada e igualitaria. Neste camiño o acceso a un emprego digno con salarios xustos e unhas axeitadas condicións de traballo, son a todas luces a mellor ferramenta para facilitar o acceso á poboación a uns estándares de calidade de vida que poidan ser considerados como aceptables e humanos, nunha auténtica democracia social e participativa que realmente vele pola xustiza e o benestar de toda a súa cidadanía.

Podes imprimir este artigo no PDF adxunto.

Documentos

ARTIGO 1 Boletin CIG Saude Laboral N 39 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS