Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
26/9/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

O Sergas discrimina a unha traballadora embarazada ao reducirlle o salario durante o permiso da 37 semana

Maternidade
A Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde da CIG denuncian a discriminación que padecen as traballadoras do SERGAS que se acollen ao permiso retribuído a partir da semana 37 do embarazo, xa que ven reducido o seu salario ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada. Unha penalización que conculca o dereito á igualdade, pois ningún traballador do SERGAS sufrirá esta redución de salario polo feito de ser pai.

O pasado 31 de outubro de 2015 publicouse no BOE o texto refundido do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a, que, entre outras cuestións, modificaba o seu texto para recoller a posibilidade de que as mulleres xestantes puidesen gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37 de embarazo.

O texto da disposición adicional décimo sexta desa publicación di o seguinte:

"Permiso retribuído en estado de xestación.

Cada Administración pública, no seu ámbito, poderá estabelecer  para as funcionarias en estado de xestación un permiso retribuído a partir do día primeiro da semana 37 de embarazo até a data do parto.

No suposto de xestación múltiple, este permiso poderase iniciar o primeiro día da semana 35 de embarazo até a data de parto."

Dende CIG-Saúde denunciose no seu momento que o SERGAS estaba a ocultar ás mulleres traballadoras da Sanidade Pública a posibilidade de acollerse a este permiso. Agora hai que denunciar unha nova discriminación ás mulleres, pois as que se acollen a este dereito son penalizadas durante a duración do mesmo, ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada, que retribúe a disposición durante as 24 horas e durante as xornadas festivas. E esta discriminación é máis grave se cabe, porque a retribución que as mulleres perciben durante as 16 (agora 17) semanas de descanso maternal é calculada no INSS en función da retribución do mes anterior ao descanso. Isto supón que no caso das mulleres que se acollen ao dereito a gozar do permiso a partires da 37 semana, a merma retributiva alcanza a todo o período de descanso maternal.

A Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde denuncian a grave discriminación que isto supón, posto que un home nunca verá reducidas as súas retribucións por ser pai, mentres que unha muller traballadora ve diminuídas as súas retribucións (e tamén as súas bases de cotización) por mor da súa maternidade. Algo que, a todas luces, conculca o dereito á igualdade.

O SERGAS ampárase, para levar a cabo esta discriminación, en que a norma non recolle expresamente que deba pagarse a retribución completa. A CIG exixe do SERGAS, da Consellaría de Sanidade e do Goberno da Xunta unha rectificación e que se adapte a norma do xeito necesario para rematar con esta gravísima discriminación.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais