Co financiamento de:
/ Portada / Riscos específicos / Traballos con Amianto

AMIANTO: unha asignatura por aprobar

11-10-2013 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 7

A Confederación Intersindical Galega (CIG), como organización comprometida coas diferentes problemáticas existentes no referente á saúde laboral e o mundo do traballo en xeral, lamentablemente debe –debemos- seguir a denunciar que na actualidade e pese á normativa existente e ao endurecemento dos controis deste mineral, non se está a producir un cambio de tendencia en relación á prevención e á preservación da saúde dos traballadores e traballadoras do noso País. É polo que dende a nosa Central sindical continuamos a denunciar un problema que afectou, afecta e afectará, á vida e á saúde de miles de traballadores e traballadoras que, enganados ou mal informados, estiveron, están e estarán expostos nos seus traballos aos devastadores efectos do amianto.

O problema do amianto ten que ver con todas as areas xeográficas do planeta e afecta a toda a humanidade no seu conxunto. Estamos ante unha ameaza global que require unha solución global, aínda que esta veña dada pola suma de moitas solucións parciais ou individuais.

Non remataremos de arranxar  as cousas cando algúns países seguen a fabricar e comercializar amianto, material que se vai empregar en miles de produtos que invadirán tamén os nosos mercados, as nosas fábricas e os nosos fogares. Precísase pois, cada un desde o seu lugar, conxuntar todas as forzas posíbeis para acadar a eliminación definitiva deste mineral e dos seus usos. Ese debe ser o obxectivo.

No Estado español hai unha extensa normativa e lexislación que regula as condicións de traballo con risco de amianto. Pero non chega co Boletín Oficial. As normas non se cumpren se non hai un verdadeiro compromiso, e no caso do asbesto, salta á vista que o compromiso é escaso.

Para lograr unha actuación efectiva deberiamos percorrer cando menos tres fases:

a)   Asumir a realidade e a dimensión do problema que temos diante. A preocupación e o activismo, tanto institucional como sindical e empresarial, non é uniforme. As asociacións de vítimas, cuxo papel ten sido fundamental para a asunción do problema e o apoio ás persoas afectadas, teñen influencia e actividade desigual. Organismos como a Inspección de Traballo amosan distintas sensibilidades segundo a provincia da que se trate. Mesmo dende as propias organizacións sindicais, tampouco é homoxénea a súa actuación nos diferentes sectores e territorios. Estamos ante un claro déficit que temos que resolver mediante un grande esforzo divulgativo de portas para dentro. No noso caso, entre os organismos da nosa Central Sindical, entre os delegados e delegadas e co conxunto da afiliación. Mentres non consigamos este primeiro obxectivo, dificilmente poderemos avanzar no complexo camiño da loita contra o amianto.

b)   Comprometer ás diferentes administracións, a fin de lograr un traballo conxunto e continuado no que se impliquen Concellos, Autoridades Laborais, Sanitarias e Medioambientais, Inspección de Traballo e Departamentos Técnicos e Institutos de Seguridade e Saúde Laboral das diferentes CCAA. La CIG participa como membro da Comisión Técnica que o Instituto galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ten en marcha para realizar diferentes propostas de carácter técnico para o control e o seguimento do amianto en Galiza.

c)   Realizar un seguimento constante das actuacións que se planifiquen. No noso caso somos membros da Comisión que realiza o seguimento dos casos detectados na consulta específica de asbestose do “Complexo Hospitalario  Arquitecto Marcide” de Ferrol, que na actualidade atende a tódolos enfermos da área sanitaria e que está levando a cabo un estudo se mais de 5.000 persoas que puideron estar en contacto có amianto nos sectores de actividade da comarca.

Mais sen lugar a dúbidas, este tipo de actuacións non son suficientes, a maiores de velar polos dereitos das persoas xa afectadas pola enfermidade, temos a obriga de ir mais aló e promover iniciativas para o cumprimento da normativa vixente en relación coa vixilancia da saúde pero tamén có desamiantado, có tratamento dos residuos, có control das obras por empresa rexistradas no RERA, etc.

Cubertas de centos de miles de vivendas e edificios públicos; conducións de auga; illantes térmicos; calefaccións e fornos; instalacións industriais. Son tan variopintas as posibilidades de encontrarnos co amianto, que convén que fagamos unha boa planificación para o camiño da eliminación.

Así que, primeiramente, o que temos que facer é ser coñecedores de onde temos instalacións e materiais que podan conter amianto. Necesitamos inventariar, para, unha vez sabedores de onde está, poder planificar como o eliminamos ou neutralizamos.

Deberá entón procederse a avaliar cada situación para poder adoptar a mellor solución posíbel en cada caso. En función da localización concreta, do estado no que sen encontre o material, da fiabilidade, das características da instalación e do seu entorno, así como da finalidade e dos usos que teña a zona na que está ubicado,  poderemos planificar unha intervención correcta, que poderá ser, segundo as circunstancias, de estabilización, confinamento ou desamiantado.

É imprescindíbel o compromiso das diferentes Administracións, ademais da necesaria concienciación de empresarios, traballadores/as e sociedade en xeral, para acadar un bo nivel e cumprimento da normativa. As leis non se cumpren só por existir e estar publicadas.

Podemos entón marcar unha serie de propostas atendendo a diferentes ámbitos; así, en canto a medidas en materia de prevención:

As nosas reivindicacións en canto os dereitos da saúde dos traballadores e traballadoras pasan por:

Para iso é preciso que se facilite unha formación específica na materia e que se estableza por parte da Autoridade Sanitaria un protocolo de actuación e de alarma que axude ao facultativo a detectar posíbeis relacións entre e actividade laboral e a doenza que a persoa presenta. Este protocolo faise necesario para poder detectar, e derivar a onde proceda, as enfermidades derivadas do traballo. Na actualidade as actuacións neste senso non funcionan de xeito unificado a nivel de tódalas áreas sanitarias pero onde existen consultas, mais que nada por número de casos e por demanda dos propios afectados, o procedemento de actuación é o seguinte:

- Se o traballador/a sospeita que puido estar en contacto con amianto acudirá ao seu médico de atención primaria, no caso de traballadores/as postocupacionais, ou a súa mutua se se  trata de traballadores/as en activo.

- O facultativo realizará unha exploración inicial e  solicitará unha consulta para neumoloxía especificando no volante que hai sospeita de contacto con amianto.

- Unha vez que esta solicitude, na que se especifica que hai unha sospeita de contacto con amianto, é revisada pola consulta de neumoloxía, se cita ao traballador/a á consulta específica onde se lle realizarán tódalas probas precisas. Por norma xeral ao acudira esta consulta as probas e a diagnose se realizan no mesmo día, coñecendo o doente o seu estado de saúde e se ten realmente relación coa exposición ao amianto.

Será necesario tamén establecer unha serie de medidas a nivel internacional mediante un convenio da OIT ou outro instrumento similar, así como unha transición axustada a cada país. Destacamos as seguintes medidas:

 A lexislación europea debería prohibir a aquelas empresas establecidas dentro da Unión, a posibilidade de empregar o amianto fora das nosas fronteiras.

Debería crear un fondo de indemnizacións internacional.

Todas as boas prácticas consensuadas pola Unión Europea deberían exportarse a aqueles países que aínda empregan amianto.

Debería, así mesmo, promoverse unha investigación sobre as actividades actuais e pasadas das multinacionais relacionadas co mineral.

Por último, a UE deberá facilitar toda a información sobre as mellores prácticas, lexislación eficaz e cuestións médico- técnicas  a diferentes organismos, creando redes internacionais de cooperación e solidaridade.

Se somos capaces de consolidar e facer efectivo estas e outras propostas de acción concreta, estaremos avanzando no camiño correcto para gañar esta longa batalla contra o amianto, e contribuíndo, desde o noso entorno máis próximo, a esa importante suma global coa que todos os habitantes do Planeta estamos obrigados a comprometernos.

Podes imprimir o artigo en formato folleto no PDF adxunto

Documentos

ARTIGO 4 BOLETIN GALEGO 7.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS