Co financiamento de:
/ Portada / Riscos específicos / Radon

O Radon e a lexislación vixente

07-11-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 33

O radon é un gas radioactivo de orixe natural, que tende a concentrarse en interiores, como en vivendas, escolas e lugares de traballo. Segundo o estudo multicéntrico “Small Cell”, publicado en Arquivos de Bronconeumoloxía, revista científica da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (Separ), o radon desempeña un papel importante na aparición e desenvolvemento de cancro de pulmón de células pequenas (CPCP) ou cancro microcítico, un tipo especialmente grave do cancro de pulmón que adoita evolucionar en metástase e desgraciadamente en non poucas ocasións provoca a morte do paciente. Para determinar a influencia deste gas no desenvolvemento de cancro microcítico, proveuse aos pacientes participantes no estudo de detectores de gas radon, que debían colocar no dormitorio principal durante tres meses, concluíndo que, de 113 casos de cancro estudados, 63 teñen a súa orixe na exposición ao gas radon.

O radon constitúe a segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco. A OMS estima que a proporción dos casos de cancro de pulmón a nivel estatal atribuíbles ao radon, con respecto do total, varía dun 3% a un 14%. Actualmente non se coñece un limiar de exposición por baixo do cal a concentración de radon interior non supoña ningún risco. Canto menor sexa a concentración de radon, menor será o risco de padecer cancro de pulmón (Fonte OMS).

O recoñecido experto internacional en investigación e difusión da problemática do gas radon, o profesor Luís Santiago Quindós Poncela, pioneiro nas medicións de radon, dinos que: "... é necesario explicarlle á xente que é a radioactividade, algo que confunde. Haberá que incidir en que o radon é un gas radioactivo de orixe natural e deixar claro a relación co cancro de pulmón. E tamén é importante falar da lexislación...".

No meu anterior artigo (ver Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 23 ) expuña o estudo do radon como un risco de saúde laboral e definía cuestións tales como os valores máximos de exposición. Nesta nova publicación abordarei a problemática de como tratar este risco dende o punto de vista da lexislación vixente e dos recursos legais ao dispor dos traballadores/as para denunciar esta situación e reclamar do empresario/a e as institucións, que poñan os medios necesarios para garantir a debida seguridade no desenvolvemento do traballo.

O Instituto Nacional de Seguridade Social declarou recentemente "accidente laboral" a incapacidade dun traballador pola exposición continuada a elevados niveis de radon no seu posto de traballo, admitindo que "niveis moi altos de radon, son causa recoñecida de neoplasia pulmonar".

Ano 2016, sete organizacións internacionais: Comisión Europea (CE/EURATOM), FAO, OIT, OCDE/NEA, OPS, PNUMA e OMS publicaron o documento Estándares Internacionais de Seguridade Básica, que substitúe a edición anterior das Normas básicas internacionais de seguridade que se publicou en novembro de 2011. Este documento recolle a última conclusión do Comité científico das Nacións Unidas sobre os efectos da radiación atómica e as últimas recomendacións da Comisión Internacional de Protección Radiolóxica. A publicación detalla os requisitos para a protección das persoas e o medio ambiente contra os efectos nocivos das radiacións ionizantes e para a seguridade das fontes de radiación.

Na comunidade científica e técnica, xa ninguén pon en dúbida a necesidade de actuar para protexerse deste grave risco para a saúde das persoas, “... Medir é o primeiro que deben facer os cidadáns preocupados por vivir ou traballar en lugares sospeitosos de acumular altas concentracións de radon” recomenda o médico e investigador do radon Alberto Ruano, profesor da USC.

Fronte a esta problemática atopámonos o escasamente desenvolto marco xurídico do Estado Español. Lembremos que aínda non foi trasposta a directiva 59/2013/EURATOM que establece os niveis de referencia para a media anual de concentración de radon no aire, que non deberán superar os 300 Bq/m3, e a obrigación dos estados membros de redactar un plan nacional sobre os efectos nocivos do gas radon. Ámbalas cuestións deberían implementarse antes do pasado 6 de febreiro de 2018.

Así as cousas, actualmente existen unha serie de obrigacións legais para os responsables das empresas, pois no Regulamento de protección sanitaria contra radiacións ionizantes, RPSRI, aprobado por Real Decreto 78 3/2001 do 6 de xullo, establece nos artigos 62 e 63 do título sétimo "disposicións relativas as fontes naturais de radiación" que os titulares das actividades laborais nas que existan fontes naturais de radiación, deberán declarar estas actividades ante os órganos competentes en materia de industria das comunidades autónomas en cuxo territorio se realizan estas actividades laborais e realizar os estudos necesarios a fin de determinar se existe un incremento significativo da exposición dos traballadores ou dos membros do público que non poida considerarse despreciable dende o punto de vista da protección radiolóxica.

O Consello de Seguridade Nuclear, á vista dos resultados dos estudos realizados ao amparo do artigo 62, identificará aquelas actividades laborais que deban ser obxecto de especial atención e estar suxeitas a control. En consecuencia, definirá aquelas actividades que deban posuír dispositivos adecuados de vixilancia das exposicións e, cando sexa necesario establecerá a aplicación de accións correctoras destinadas a reducir as exposicións ou de medidas de protección radiolóxica de acordo, total ou parcialmente, con outros títulos do Regulamento (II, III, IV, V e VI).

No Real decreto 1439/2010, do 5 de Novembro, polo que se modifica o Regulamento sobre protección sanitaria contra as radiacións ionizantes, di que As actividades laborais nas que os traballadores e de ser o caso os membros do público, estean expostos a inhalación de descendentes de torón ou de radon ou a radiación gamma nos seus lugares de traballo, tales como centros de traballo situados en áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon, os responsables empresariais terán a obriga de facer as medicións e tomar as accións preventivas ou correctoras enunciadas no devandito regulamento.

Na Instrución IS-33 Consello de Seguridade Nuclear publicada no BOE/BOE nº 22 do 26 de xaneiro de 2012, sobre criterios radiolóxicos para a protección fronte á exposición á radiación natural, establécense os datos para incluír na declaración de actividades que realizarán os titulares das actividades laborais nas que existan fontes naturais de radiación e cales son as actividades que deben ser obxecto de control.

No anexo titulado "Actividades laborais cuxos titulares deben realizar os estudos requiridos polo Regulamento de Protección Sanitaria contra Radiacións Ionizantes" estabelécense cales son as actividades cuxos titulares deberían facer os estudos requiridos polo RPSRI, determinando en que lugares de traballo é probable que os valores medios anuais da concentración de radon superen os niveis de referencia e se relacionan un total de 14 situacións nas que é preceptivo o control. E no punto catro di textualmente:

"4. Lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en áreas identificadas polos seus valores elevados de radon."

A clave radica en definir cales son estas áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon, pois non hai dúbida de que TODOS os centros de traballo (sexan subterráneos ou non) situados nestas áreas “… identificadas polos seus valores elevados de radon” teñen a obrigación para realizar medicións e comunicar a industria os resultados.

O propio Consello de Seguridade Nuclear na súa web https://www.csn.es/mapa-de-zonificación-por-municipio identifica as áreas que superan o denominado percentil (P90) e por tanto considérase que son áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon. Estas áreas abarcan a práctica totalidade do territorio galego.

Pero para maior abundamento e seguridade xurídica podemos tomar como referencia o recentemente publicado borrador CTE HS-6 (código técnico de edificación), polo que se modifica o Real Decreto 314/2006, do 17 de marzo; nesta instrución técnica estabelécese a protección contra o gas radon como unha nova esixencia regulamentaria de requisito básico de habitabilidade, e no seu anexo B inclúe a clasificación de municipios nos que poden alcanzarse concentracións de gas radon potencialmente perigosas. Clasificando os municipios en función do seu potencial de risco como de tipo 1 e de tipo 2, é dicir que todos aqueles municipios pertencentes a un destes dous tipos, atópanse situados en áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon e por tanto os responsables de TODOS os centros de traballo que se atopen situados nun destes municipios, están obrigados a tomar as medidas preventivas ás que obriga o Real decreto 1439/2010.

En Galiza hai 313 municipios e 283 están clasificados como de Zona 2 (a de máis alto risco) e 25 como Zona 1, é dicir de acordo coa clasificación establecida no CTE tan só en 5 municipios galegos NON serían de aplicación as disposicións recollidas no RPSRI, no resto de municipios é cando menos obrigatorio realizar medidas en TODOS os centros de traballo.

Así mesmo o citado RPSRI estabelece que ditas medidas deberán ser realizadas por un laboratorio debidamente acreditado. La lista dos laboratorios acreditados atópase recollida na propia páxina do Consello de Seguridade Nuclear https://www.csn.es/documents/10182/1010776/Listaxe%20de%20laboratorios%20acreditados.%20Julio%202019.

Doutra banda, a Lei 31/95 do 8 de novembro de prevención de riscos laborais establece a obriga do empresario de identificar os riscos para a saúde e o dereito dos traballadores a ser informados dos riscos existentes no seu posto de traballo, así como a obrigación da autoridade laboral (Inspección de Traballo) de velar polo cumprimento da devandita lei.

En conclusión, Galiza é un territorio especialmente exposto ao risco de concentración de radon e todos os anos prodúcense un gran número de mortes por esta causa. Nos seus centros de traballo os traballadores a miúdo áchanse expostos a importantes concentracións de gas radon, co grave risco que isto conleva para a súa saúde e é deber das autoridades e dos empregadores garantir a seguridade dos traballadores expostos a este risco.

Actualmente tanto a OMS como a Unión Europea instaron aos estados membros a tomar medidas fronte a este risco e no Estado español, a pesar do flagrante incumprimento da obriga de transposición da directiva EURATOM (2013) , existen na actualidade leis que regulan as obrigacións dos empregadores e obrigan ás autoridades para velar polo seu cumprimento; en concreto existe entre outras, a obriga de realizar medicións periódicas nos centros de traballo que permitan avaliar o nivel de exposición a que se achan sometidos os traballadores, garantindo que estas se desenvolvan cos debidos niveis de calidade e fiabilidade. Os traballadores galegos na súa maioría expostos a este risco teñen o dereito a ser informados e a que se tomen as medidas conducentes a minimizar a súa exposición.

Para saber máis:

https://www.csn.es/guias-de-seguridad/-/asset_publisher/0%20IH2%20ca8a9%20jhH/document/ide/899096

http://elradon.com

http://nomasradon.com

https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2017/09/10/hay-relacion-directa-radon-cancer/1215890.html

Ricardo Pol Sánchez. Licenciado en Arquitectura, autor de “Forma y Radón, estudo sobre a incidencia do deseño arquitectónico na concentración de gas radon e os seus descendentes en interiores”. Doctorando en Enxeñaría Ambiental e investigador do Laboratorio de Radon da Universidade de Cantabria (LARUC).

Documentos

O RADON E A LEXISLACION VIXENTE.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS