Instalacións industriais nos centros de traballo15-02-2024 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 49Denomínase seguridade industrial ao conxunto de normas obrigatorias estabelecidas para evitar ou minimizar, tanto os riscos que poidan producirse nos ámbitos industriais, como os prexuízos derivados da actividade industrial e mesmo as enfermidades ocupacionais. IMPRIMIBLES: Lista de autoavaliación de Instalacións Industriais Calendario de Inspeccións Regulamentarias de Instalacións e Equipos |
|---|
Instalacións industriais nos centros de traballo
A Seguridade Industrial configúrase como un sistema de disposicións obrigatorias que teñen por obxecto a prevención e limitación de riscos, así como a protección contra accidentes capaces de producir danos ás persoas, aos bens ou ao medio ambiente derivados da actividade industrial ou da utilización, funcionamento e mantemento das instalacións ou equipos e da produción, uso ou consumo, almacenamento ou desinstalación e eliminación dos produtos industriais.
A SEGURIDADE INDUSTRIAL
A esta disciplina da prevención correspóndelle efectuar o control e seguimento do cumprimento regulamentario dos produtos e instalacións que forman parte das súas áreas de actuación.
AREAS DE ACTUACIÓN:
INDUSTRIA
SEGURIDADE INDUSTRIAL
INSTALACIÓNS INDUSTRIAIS
Nos lugares de traballo é necesario dispoñer de instalacións adicionais aos mesmos, que proporcionan un determinado servizo ou subministración para o seu correcto funcionamento e para a actividade económica que neles se desenvolvese, por exemplo: electricidade, gas, calefacción, aire acondicionado, protección contra incendios etc.
A presenza das instalacións inflúe nas condicións de traballo do lugar ou centro de produción ao que dan servizo, podendo xerar riscos tanto para as persoas traballadoras que as utilizan ou manteñen como para aquelas que se atopen nas súas proximidades. Por iso, o empresario/a, en cumprimento do seu deber de protexer a seguridade e saúde dos seus traballadores/as, deberá estender a actividade preventiva a todas as instalacións existentes para así garantir un adecuado control dos riscos asociados ás mesmas.
O Real Decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se estabelecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, regula as condicións que deben cumprir os lugares de traballo, dentro do seu ámbito de aplicación, para que a súa utilización non orixine riscos para a seguridade e saúde das persoas traballadoras. Estabelece así obrigacións do empresario/a relativas a diversos aspectos dos lugares de traballo, entre os que se atopan as instalacións de servizo e protección.
O artigo 2 do citado real decreto estabelece que “as instalacións de servizo ou protección vinculadas aos lugares de traballo consideraranse como parte integrante dos mesmos”, polo que é obrigado telas en conta na actividade preventiva. Por outra banda, o artigo 6 do citado real decreto establece que “as instalacións de servizo e protección dos lugares de traballo ás que se refire o apartado 2 do artigo 2 deberán cumprir as disposicións mínimas estabelecidas no presente Real Decreto, así como as que se deriven das regulamentacións específicas de seguridade que resulten de aplicación”; por conseguinte, na actividade preventiva asociada ás instalacións dos lugares de traballo deberase ter en conta a lexislación de seguridade industrial aplicable ás devanditas instalacións.
En relación cos equipos de traballo que formen parte das instalacións, estes tamén poden requirir (por razóns de seguridade) un mantemento, revisión ou comprobación, en aplicación do disposto, en particular, nos artigos 3.5 e 4 do Real Decreto 1215/1997.
O contido deste artigo que estás a ler está extraído da “Guía para a xestión preventiva das instalacións dos lugares de traballo”, e do mesmo xeito que esta, pretende servir como complemento ao Apéndice 3 “Instalacións de Servizo e Protección” da Guía Técnica para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización dos lugares de traballo (edición de marzo de 2015) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), extractando e recompilando dende o prisma da prevención de riscos laborais, os aspectos documentais das instalacións de maior interese a controlar polo empresario/a ou polo técnico/a de prevención na súa falta.
Independentemente do anterior, o titular das instalacións presentes nos lugares de traballo está obrigado a mantelas en correcto estado de funcionamento e é responsable, en todo momento, do cumprimento dos requisitos técnicos e de seguridade estabelecidos nos Regulamentos correspondentes (normativa de obrigado cumprimento na súa totalidade), sen que o contido desta guía substitúa aos mesmos e sen prexuízo da lexislación de protección do medio ambiente que sexa aplicable en cada caso.
Referencias da “Guía para a xestión preventiva das instalacións dos lugares de traballo”. Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST).
ASPECTOS COMÚNS A TODAS AS INSTALACIÓNS
De entre todas as instalacións que a normativa regula, esta Guía que estamos a empregar de referencia, selecciona aquelas de uso máis estendido e, polo tanto, con maior presencia nos lugares de traballo; a saber:
Non hai que esquecer que, aínda que a normativa de seguridade industrial -como calquera outra- pode ser modificada por novos regulamentos que derrogan aos anteriores, estes seguirán sendo a referencia respecto das condicións técnicas que teñen que cumprir as instalacións executadas no momento en que estaba vixente dita normativa, excepto no relativo á periodicidade das inspeccións e verificacións, que deberá atender á normativa que estea vixente no momento actual.
FUNCIÓNS E RESPONSABILIDADES
A eliminación ou redución dos riscos é unha obrigación do empresario/a. En cumprimento do artigo 16.1 da Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais (LPRL), este deberá integrar a prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión da empresa e, por tanto, deberá contar coa implicación e colaboración de diferentes actores na consecución deste fin.
A continuación, defínense as principais figuras nas cales a parte empresarial poderá delegar as funcións que considere, segundo o tamaño e as características da empresa, sen eximirlle da súa responsabilidade final.
Propóñense funcións relacionadas coa seguridade das instalacións para unha empresa tipo (empresario/a que explota un centro da súa propiedade, dun tamaño medio).
Empresario/a titular das instalacións
Enténdese por empresario/a titular das instalacións aquela persoa que ten a capacidade de xestionar un centro de traballo e poñelo ao dispor dos traballadores/as, sendo responsable das instalacións existentes no mesmo.
En xeral, deberá asegurarse de que:
a) As instalacións son axeitadas ás características do lugar de traballo no que van prestar servizo;
b) As instalacións utilízanse dentro dos límites de funcionamento previstos polo fabricante e seguindo as instrucións destes ou dos instaladores, co adecuado adestramento previo aos traballadores/as;
c) As instalacións mantéñense conforme a un plan de mantemento, ben seguindo o estabelecido na regulamentación industrial específica aplicable, ben atendendo a criterios baseados na experiencia do usuario e nas instrucións dos fabricantes e instaladores cando non exista dita regulamentación; o plan de mantemento recollerá as instalacións afectadas, as operacións para realizar, a periodicidade, os responsables e o rexistro final;
d) As instalacións sométense a inspeccións iniciais trala súa execución e antes da posta en servizo e/ou a controis periódicos, seguindo os criterios establecidos pola regulamentación de seguridade industrial vixente;
e) As instalacións sométense a revisións adicionais cando se produciron feitos excepcionais como transformacións, accidentes, fenómenos naturais ou falta prolongada de uso, que poidan ter consecuencias prexudiciais para a seguridade e saúde;
f) As revisións de mantemento e as inspeccións son efectuadas por persoal competente, para o que designará ás persoas responsables de contactar coa empresa instaladora ou mantedora ou, no seu caso, cun Organismo de Control (OC), de atenderlles durante a visita, de gardar os rexistros emitidos, etc.;
g) As persoas traballadoras que vaian realizar as tarefas de mantemento, reparación ou transformación posúen a formación e o adestramento necesarios cando estas operacións supoñan un risco específico para a súa seguridade e saúde;
h) As persoas traballadoras que utilicen as instalacións, así como os/as seus/súas representantes, reciben unha formación e información adecuadas sobre os riscos derivados da utilización das mesmas, así como sobre as medidas de prevención e protección que deban adoptarse;
i) Consérvanse, durante toda a súa vida útil, os resultados das inspeccións e revisións das instalacións, que deben estar documentadas e ao dispor da autoridade laboral;
l) Anúlanse ou retíranse aquelas instalacións ou equipos que deixan de cumprir os requisitos de seguridade necesarios;
m) Cúmprese co indicado no Real Decreto 171/2004 en materia de coordinación de actividades empresariais cando empresas concorrentes realicen actividades de instalación, mantemento e/o inspección nas instalacións do centro de traballo.
Persoal que constitúe a modalidade organizativa preventiva
O empresario/a pode organizar os recursos necesarios para o desenvolvemento das actividades preventivas conforme algunha das modalidades seguintes:
As persoas que integran a modalidade organizativa que se constituíu na empresa serán responsables de:
a) Realizar a avaliación de riscos, tendo en conta, entre outras, as características das instalacións e as súas condicións de seguridade e saúde; para iso, comprobarán que as instalacións cumpren a regulamentación industrial vixente, están mantidas, son inspeccionadas e se utilizan adecuadamente segundo o indicado no manual de instrucións proporcionado polo instalador para evitar que constitúan un risco; na avaliación dos riscos terase en conta a natureza da actividade que se realice, as características dos postos de traballo e as persoas traballadoras que deban intervir dalgunha maneira nas devanditas instalacións;
b) Identificar, dentro da avaliación de riscos, aquelas actividades con riscos especiais que se realicen nas instalacións e que necesiten un especial control, asegurándose de que se adoptan as medidas de prevención e protección necesarias;
c) Asesorar ao persoal de mantemento durante a elaboración dun plan de mantemento e/o de inspeccións de seguridade cando non exista unha periodicidade estabelecida na normativa industrial, á hora de incluír determinados aspectos regulamentarios no mesmo;
d) Realizar un seguimento global dos plans de mantemento ou un seguimento particular destes plans en instalacións críticas para as condicións de seguridade e saúde no traballo;
e) Poñer de manifesto a necesidade de tomar medidas cando se observe calquera circunstancia que implique o incumprimento dun requisito legal.
Persoal de mantemento
O persoal de mantemento poderá ser da propia empresa ou dunha empresa externa. En calquera dos dous casos, as súas funcións serán as seguintes:
1. Elaborar un plan de mantemento que inclúa as revisións periódicas ou preventivas e as comprobacións ou inspeccións necesarias, tendo en conta as instrucións do fabricante e do instalador; en caso de non existir ditas instrucións, teranse en conta as características das instalacións, as condicións de utilización e calquera outra circunstancia que poida influír na súa deterioración ou desaxuste;
2. Levar a cabo o plan de mantemento e de inspeccións de seguridade estabelecido; os responsables do persoal de mantemento supervisarán a correcta execución destes plans así como das medidas correctoras derivadas dos mesmos, no seu caso;
3. Rexistrar os resultados dos controis periódicos das instalacións.
Usuarios
Por “usuario” entenderase calquera traballador/a que faga uso da instalación ou calquera traballador/a que desenvolva a súa actividade no centro de traballo onde se atope a instalación en cuestión.
Os usuarios das instalacións teñen a obriga de:
a) Non poñer en servizo a instalación ou impedir o seu funcionamento se non se cumpren os requisitos para que o seu uso sexa seguro.
b) Facer uso das instalacións dentro dos límites de funcionamento previstos polo fabricante ou polas instrucións dadas polo instalador autorizado.
c) Identificar fallos en elementos críticos e poñelo en coñecemento de quen corresponda para que se adopten as medidas preventivas antes de que poida producirse un accidente.
d) Informar dos accidentes e incidentes que se produzan relacionados coas instalacións.
EXECUCIÓN E POSTA EN SERVIZO DE INSTALACIÓNS NOVAS. Aspectos comúns a todas as instalacións
Cando o/a titular dun centro de traballo decide dotalo dunha instalación nova, con carácter xeral deberá seguir as seguintes fases1 :
1º.- Coñecer a normativa aplicable á instalación. Cada un dos documentos específicos para cada instalación: normativa legal e técnica que corresponda.
2º.- Encargar a elaboración dun proxecto ou dunha memoria técnica, segundo o caso, que defina as características da instalación e entregalo ao instalador autorizado para a súa execución.
1 As fases indicadas poden verse ampliadas ou reducidas segundo o tipo de instalación, de acordo co recollido na súa normativa de aplicación.
3º.- Ordenar a execución da instalación. Con carácter xeral, as instalacións serán executadas por instaladores autorizados, aínda que nalgúns casos poderá ser o fabricante. A relación dos instaladores autorizados pode atoparse no Rexistro Integrado Industrial.
Posteriormente, o empresario/a deberá asegurarse de que o instalador realiza unha verificación inicial da mesma para comprobar a súa correcta execución e o seu funcionamento seguro. Nesta fase, nalgúns casos, pode ser necesaria a participación dun Organismo de Control (OC) para efectuar unha inspección inicial.
De acordo coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria, os organismos de control son aquelas persoas físicas ou xurídicas que, tendo capacidade de obrar e dispoñendo dos medios técnicos, materiais e humanos e imparcialidade e independencia necesarias, poden verificar o cumprimento das condicións e requisitos de seguridade estabelecidos nos regulamentos de seguridade para os produtos e as instalacións.
4º.- Recibir un certificado de instalación asinado polo instalador autorizado que a executou, no que fará constar que o realizou segundo o establecido na normativa aplicable e na documentación técnica mencionada na fase 2ª. Ademais, o instalador elaborará e entregará unhas instrucións para o seu correcto uso e mantemento e sobre as revisións que sexa necesario realizar.
5º.- Depositar, cando lle corresponda, unha copia de toda a documentación anterior ante o órgano competente da comunidade autónoma na que se executou a instalación segundo o procedemento estabelecido pola devandita comunidade, co gallo de que quede rexistrada e poida iniciar a súa posta en servizo.
6º.- Cando adquira unha instalación xa existente, comunicar o cambio de titularidade da instalación á comunidade autónoma que corresponda no prazo estabelecido pola mesma ou, como máximo, nun mes.
MODIFICACIÓNS DAS INSTALACIÓNS EXISTENTES
As diferentes instalacións poden ser modificadas nalgún momento da súa vida útil. A modificación pode ser parcial, total ou implicar a instalación dalgún compoñente de seguridade para adecuar á normativa vixente aquelas instalacións máis antigas.
Se as modificacións son importantes e afectan á seguridade da instalación, pode ser necesaria a intervención dun instalador autorizado ou dun fabricante, segundo o caso, que deberá efectuar unha nova avaliación de conformidade coma se se tratase dunha instalación nova.
Tanto as reparacións como as modificacións só poderán ser realizadas por mantedores, conservadores ou reparadores autorizados.
Na maioría das instalacións as modificacións importantes requiren encargar unha nova memoria ou un novo proxecto técnico a partir do cal se seguirían as mesmas fases que as que seguiría unha instalación nova.
MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS
O apartado 4º do anexo II do Real Decreto 486/1997 estabelece a obrigación do empresario/a (neste caso, o titular das instalacións) de levar a cabo un mantemento periódico das instalacións presentes no seu centro de traballo. A normativa específica ou, na súa falta, o manual de instrucións ou a información do instalador, indicará como, quen e cando deberá actuar neste sentido. No caso contrario, será o empresario/a titular da instalación quen deberá determinar como levar a cabo estas actuacións, apoiándose, cando sexa necesario, na avaliación de riscos existente. Se o mantemento vén imposto por unha normativa industrial de aplicación, será realizado por empresas mantedoras, conservadoras ou reparadoras ou pola propia empresa cando dispoña de medios técnicos e humanos estabelecidos en dita normativa.
A relación de empresas mantedoras, conservadoras e reparadoras pode localizarse no Rexistro Integrado Industrial ou na súa falta nos Rexistros industriais autonómicos. O empresario/a usuario do centro de traballo no que se sitúen as instalacións deberá facilitar o acceso ao mesmo ao persoal destas empresas.
REVISIÓNS E INSPECCIÓNS PERIÓDICAS DAS INSTALACIÓNS
O/a titular dunha instalación deberá asegurarse de que determinados elementos e dispositivos da mesma son revisados ou inspeccionados periodicamente para garantir o seu funcionamento correcto e seguro, gardando sempre rexistro da súa realización.
Estas revisións e inspeccións poden vir impostas por unha normativa industrial de aplicación, nese caso serán realizadas principalmente por organismos de control ou polos órganos competentes de cada comunidade autónoma, podendo ser tamén realizadas, segundo a instalación de que se trate, polo propio empresario/a, por un técnico/a competente ou por unha empresa instaladora.
A relación de empresas instaladoras e de organismos de control pódese consultar no Rexistro Integrado Industrial.
Cando non exista normativa industrial aplicable, o/a titular da instalación deberá asegurarse de que as revisións e inspeccións periódicas están contempladas no plan de mantemento.
O REXISTRO INTEGRADO INDUSTRIAL
O Rexistro Integrado Industrial (RII) é unha ferramenta web que se constituíu coa intención de facilitar ao empresario/a titular dunha instalación información sobre a actividade industrial en todo o territorio do Estado, e comprende os datos relativos ás empresas e establecementos habilitados para realizar algunha das actividades incluídas no ámbito de aplicación do regulamento que o regula, aprobado mediante Real Decreto 559/2010, do 7 de maio (véxase o artigo 4 do citado real decreto), entre as que se inclúe a instalación, o mantemento, a reparación e a inspección das instalacións máis habituais dos lugares de traballo.
Os datos do RII obtéñense a partir da información das autorizacións concedidas en materia de industria e dos achegados nas comunicacións ou as declaracións responsables realizadas polos titulares das empresas ou establecementos interesados. A proposta de modelo de declaración responsable mantense actualizada polo órgano competente en materia de industria da comunidade autónoma na que se estableza a empresa, o cal debe facilitar que se poida realizar mediante medios electrónicos.
A presentación da declaración responsable máis a asignación, de oficio, dun número de identificación habilita á empresa instaladora, mantedora, reparadora ou conservadora ou á entidade que realiza as inspeccións por tempo indefinido, dende o momento da súa presentación ante a administración competente, para o exercicio da actividade en todo o territorio do Estado español, sen que poidan impoñerse requisitos ou condicións adicionais.
Na actualidade pódese consultar a relación de empresas instaladoras, mantedoras, reparadoras e conservadoras habilitadas, así como as entidades de inspección (OC), accedendo ao sitio web de Rexistros Industriais –RII- a través da seguinte ligazón: Rexistros Industriais
Unha vez no buscador, seleccionaranse as opcións do despregable en cada un dos campos (división, sección, habilitación, categoría/especialidade) en función das necesidades.