Organización da prevención na empresa04-05-2011 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG.Podemos definir un Servizo de Prevención como o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para levar a cabo a prevención na empresa coa finalidade de garantir unha axeitada protección de seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras, asesorando e asistindo tanto á empresa como aos propios traballadores/as e aos seus representantes. | ![]() |
|---|
A organización da prevención dentro da empresa realizarase en función do seu tamaño e dos riscos asociados á actividade que desenvolve
A Lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais recolle a obriga empresarial de organizar os recursos necesarios para o desenvolvemento das actividades preventivas seguindo as seguintes modalidades:
1. Asunción polo empresario das actividades preventivas.
No caso de empresas de menos de 25 traballadores/as, cun único centro de traballo e nas que as actividades desenvolvidas non estén dentro do anexo I do RSP. O empresario deberá realizar a súa actividade de xeito habitual dentro do centro de traballo e terá capacidade correspondente ás actividades que vai desenvolver. A vixilancia da saúde dos traballadores/as, así como aqueloutras actividades preventivas non asumidas persoalmente polo empresario, deberanse cubrir mediante o recurso a algunha das restantes modalidades de organización preventiva
2. Traballadores/as designados.
O empresario designará un ou varios traballadores para se ocupar da actividade preventiva na empresa. Para o desenvolvemento da actividade preventiva, os traballadores designados deberán ter a capacidade correspondente ás funcións que se desempeñen, de acordo co establecido no capítulo VI do RSP. O número de traballadores designados, así como os medios que o empresario poña á súa disposición e o tempo de que dispoñan para o desempeño da súa actividade, deberán ser os necesarios para desenvolver axeitadamente as súas funcións. Realizarase o concerto das actividades preventivas non asumidas.
3. Servicios de prevención propios.
Esta modalidade é de obrigado cumprimento para empresas de mais de 500 traballadores/as, empresas de mais de 250 traballadores/as que realicen unha actividade incluída no anexo I do RSP (Regulamento dos Servizos de Prevención ou por mandato da Autoridade Laboral.
O Servizo de Prevención Propio constitúe unha unidade organizativa específica dentro da empresa, de xeito que os seus integrantes contan con adicación exclusiva. Contará coas instalacións, medios humanos e materiais suficientes.
A actividade sanitaria, que de ser o caso exista, contará para o desenvolvemento da súa función dentro do servicio de prevención, coa estructura e medios axeitados á súa natureza específica e a confidencialidade dos datos médicos persoais.
As actividades preventivas que non sexan asumidas a través do servicio de prevención propio deberán ser concertadas cun ou máis servicios de prevención alleos.
A empresa deberá elaborar anualmente e manter a disposición das autoridades laborais e sanitarias competentes, a memoria e programación anual do servicio de prevención.
É a mellor opción para a implantación na empresa dunha auténtica prevención, coa adopción dun modelo de xestión de prevención de riscos laborais que se integre na organización e sexa parte da mesma.
4. Servicios de prevención alleos.
As empresas poden optar por esta modalidade nos seguintes casos: cando a designación de traballadores/as non sexa suficiente e non concorran circunstancias para constituír un Servizo de Prevención Propio e cando o Servizo de Prevención Propio non asuma tódolas actividades preventivas.
No caso de que o empresario opte por desenvolver a actividade preventiva a través dun ou varios servicios de prevención alleos á empresa, deberá concertar por escrito a prestación, debéndose consignar, como mínimo, os seguintes aspectos:
- Identificación da entidade que actúa como SPA
- Identificación da empresa destinataria e dos centros de traballo da mesma aos que a dita actividade se contrae.
- Aspectos da actividade preventiva que se vaia desenvolver na empresa, especificando actuacións concretas e medios para levalas a cabo.
- Actividade de vixilancia da saúde dos traballadores/as, se é o caso.
- Duración e condicións económicas do concerto.
As entidades especializadas que actúen como servicios de prevención deberán manter a disposición das autoridades laborais e sanitarias competentes unha memoria anual na que incluirán de forma separada as empresas ou centros de traballo aos que se prestou servicios durante o período, indicando en cada caso a natureza dos mesmos.
Igualmente, deberán facilitar ás empresas para as que actúen como servicios de prevención, a memoria e a programación anual a que se refire o apartado 2.d) do artigo 39 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, a fin de que poida ser coñecida polo Comité de Seguridade e Saúde nos termos establecidos no citado artigo.
5. Servicios de prevención mancomunados.
O Servizo de Prevención Mancomunado, SPM, é unha modalidade alternativa do Servizo de Prevención Propio para as empresas que reúnan determinadas circunstancias e terá consideración de servicio de prevención propio para as empresas que o constitúan.
Poderáse constituír nos casos nos que :
• As empresas que pretenden constituilo desenvolvan simultáneamente actividades en un mesmo centro de traballo, edificio ou centro comercial.
• Por negociación colectiva ou mediante acordos, por decisión das empresas afectadas, sempre que se trate do mesmo sector productivo, grupo empresarial ou laboral nun polígono industrial ou área xeográfica limitada.
O acordo de constitución do SPM requerirá consulta previa aos representantes dos traballadores/as de cada unha das empresas participantes e deberá recoller as condicións mínimas do servizo a prestar.
Teñan ou non personalidade xurídica propia, adquirirán a condición de Servizo de Prevención Propio de cada unha das empresas que o constitúan.
Só prestará servizos ás empresas participantes.
Deberá ter información das empresas que o constitúan e o seu grao de participación no SPM.
Normativa relacionada: R.D. 39/1997 do 17 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención.
Ver Proposta de Modelo de Servizo de Prevención Mancomunado na “Guía práctica de implantación de Servizos de Prevención Mancomunados”editada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega.
As funcións do servicio de prevención son:
Normativa relacionada: Lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais, R.D. 39/1997 do 17 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención.