Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva / Recurso Preventivo

O Recurso Preventivo

10-10-2012 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 3

O recurso preventivo é unha ou varias persoas designadas pola empresa que dispoñen dos medios e coñecementos precisos e son suficientes en número para vixiar o cumprimento das actividades preventivas que así o requiran. A presenza de recurso preventivo é unha medida preventiva complementaria e en ningún caso será un sustituto das medidas preventivas preceptivas nin posibilitará a realización de traballos prohibidos.

 

 

                                                                                  VISUALIZACIÓN FORMATO BOLETÍN

 

 

QUEN PODE ACTUAR COMO RECURSO PREVENTIVO:

Cando se dea algún dos supostos establecidos legalmente para que sexa necesaria a presenza nun centro de traballo dun recurso preventivo, a dita presenza pode ser asignada ás seguintes persoas:

Salvo situacións moi excepcionais, non se poden designar ou asignar as funcións de recurso preventivo aos delegados/as de prevención.

Os recursos preventivos poderanse encargar igualmente da coordinación de actividades preventivas.

CAL É A CAPACITACIÓN E FORMACIÓN COA QUE DEBE CONTAR O RECURSO PREVENTIVO?

- Os traballadores/as aos que se designe como recurso preventivo ou se lles asignen as súas funcións, deben contar coa formación preventiva correspondente, como mínimo, ás funcións do nivel básico. Se se tratase do sector da construción o número de horas mínimo de formación será de 60. En todo caso, observarase a natureza e as características dos riscos que xustifican a súa presenza, porque pode ser necesario que a formación sexa de nivel intermedio ou superior, ou sexa necesaria unha formación complementaria á de nivel básico.

+ O traballador designado ou ao que se asigne a presenza como recurso preventivo debe ter, ademais da formación necesaria, a capacidade suficiente para desempeñar as ditas funcións, é dicir, contar cos coñecementos, cualificación e experiencias necesarios nas actividades ou procesos nos que debe desenvolver as funcións.

+ Ambas as esixencias, tanto a capacidade como a formación que debe ter un traballador para desenvolver as funcións de recurso preventivo, deben especificarse na planificación da actividade preventiva ou no plan de seguridade das obras de construción.

AS FUNCIÓNS DO RECURSO PREVENTIVO:

- Vixiar o cumprimento das actividades preventivas, comprobando a súa eficacia e adecuación aos riscos que pretenden previrse ou a aparición de riscos non previstos derivados da situación que determina a necesidade da presenza do recurso preventivo.

- No caso de observar un deficiente cumprimento das actividades preventivas, o recurso preventivo deberá dar as indicacións precisas para o correcto e inmediato cunprimento das mesmas. Así mesmo, deberá poñer en coñecemento da persoa responsable da empresa estas circunstancias para que adopte as medidas oportunas.

- De observarse ausencia, insuficiencia ou falta de adecuación de medidas preventivas, o recurso preventivo deberá poñer estos feitos en coñecemento do empresario ou empresaria para que sexan corrixidas as deficiencias e se proceda á modificación da actividade preventiva.

Para que o recurso preventivo poida realizar a súa función hai que ter en conta que:

- A designación de recurso preventivo faise para un centro de traballo, posto, traballo ou operación concreta, é dicir só deberá vixiar o cumprimento das medidas preventivas para as que está nomeado.

- O empresario/a dará as instrucións precisas ao recurso preventivo sobre postos, lugares ou centro de traballo nos que se desenvolverá a súa vixilancia, as operacións concretas sometidas a súa vixilancia e as medidas preventivas recollidas na planificación da actividade preventiva que deben ser observadas. Así mesmo, precisará os procedementos que deberá seguir para poñer en coñecemento do empresario as deficiencias observadas no exercicio da súa labor de vixilancia.

- O empresario deberá identificar ao recurso preventivo ante o resto dos traballadores/as, de xeito que éstos/as teñan coñecemento da súa designación e de que deben seguir as súas indicacións.

- O traballador/a que realice funcións como recurso preventivo non ten adicación exclusiva a este cometido; deberá adicarse ás funcións de recurso preventivo mentras se desenvolvan as operacións para as que está designado e nas que a súa presencia sexa imprescindible. Cando non se estén desenvolvendo ditas actividades, o traballador/a poderá realizar outra actividade produtiva ou preventiva.

No caso das empresas do sector da construción, o recurso preventivo ten as mesmas funcións, tendo en conta  que a súa misión non será a de vixiar todas as medidas preventivas previstas no Plan de Seguridade, senón únicamente aquelas nas que o Plan determine que debe estar presente o recurso preventivo.

FACULTADES E GARANTÍAS DO RECURSO PREVENTIVO:

No cumprimento das súas actividades preventivas  o recurso preventivo terá as seguintes  facultades:

- Realizar as indicacións precisas aos traballadores/as responsables do traballo xerador do risco para o correcto e inmediato cumprimento das actividades preventivas.

- Pór en coñecemento do empresario/a  as deficiencias observadas se non se enmendasen como consecuencia  das indicacións efectuadas, para que éste/a adopte as medidas oportunas.

A normativa non atribúe ao recurso preventivo a facultade de paralización de traballos; o empresario/a no uso do seu poder directivo, poderá outorgar ao recurso preventivo  a facultade de paralización de traballos nos supostos e nos termos que se determinen entre eles.

En relación ás garantías do recurso preventivo, no caso de que se lle asignen estas funcións a traballadores/as designados ou a traballadores/as do servizo de prevención propio, a LPRL contempla as mesmas que as contempladas para os representantes dos traballadores.

Nada se menciona no caso do traballador asignado á realización de tarefas de recurso preventivo que non forma parte dos grupos anteriores; a Dirección Xeral de Traballo, en consulta do 27 de febreiro de 2009, indica  que non os asisten as mesmas garantías que aos traballadores designados ou aos traballadores do servizo de prevención propio.

É OBRIGADO PARA O TRABALLADOR/A ACEPTAR A DESIGNACIÓN COMO RECURSO PREVENTIVO?

Si, sempre que o traballador/a conte coa capacitación e a formación que requira o labor asignado, sen prexuízo das contraprestacións que poidan acordarse entre as partes, ou que se establezan nos Xulgados e Tribunais en caso de controversia.

AS RESPONSABILIDADES DO RECURSO PREVENTIVO

Non se contempla responsabilidade administrativa algunha para os recursos Preventivos, asumindo a empresa as responsabilidades administrativas relacionadas cos incumprimentos nesta materia. Se se contempla a posibilidade de responsabilidades de orde penal ou civil nas que  poidan incurrir polos seus actos ou omisións, de igual xeito que calquera outro traballador no ámbito da prevención.

Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.

Documentos

ARTIGO 4 BOLETIN GALEGO 3.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS