Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva / Mutuas

Os procedementos de determinación de continxencias

12-03-2012 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 0

Na Galiza, e en todo o estado español, moitos accidentes de traballo e enfermidades profesionais son tramitados como enfermidade común; estímase que durante oano 2011 houbo unhas 11.981 declaracións de enfermidades con patoloxías non traumáticas asociadas ao traballo. Este tipo de patoloxías, que non teñen o recoñecemento de enfermidades profesionais, recaen sobre o sistema público de saúde -cun custe sanitario estimado de entre 150 e 372 millóns de euros- e non nas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da seguridade social que deberían ser as encargadas da súa atención.

En Europa rexístranse unha media de tres enfermidades profesionais por cada mil traballadores/as, mentres que no estado español as cifras son dez veces menores xa que na maioría dos casos estas son etiquetadas como enfermidades comúns. Cando isto acontece, o traballador/a afectado/a non recibe os beneficios que por lei lle corresponden, sufrindo inxustamente unha redución das súas bases de cotización así como dos complementos que podan estar contemplados no seu convenio de aplicación.

A cualificación como enfermidades comúns daquelas enfermidades que son de orixe profesional, implica que o traballador/a será atendido/a polo sistema público de saúde, quen correrá no lugar da Mutua cos gastos correspondentes a pesares de ser a Mutua quen realmente tería a obriga legal de atendelo por ter asegurado con esta a súa continxencia.

No Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, onde realizamos asesoramentos aos traballadores e traballadoras en materia de PRL que así nolo requiren, vemos como cada ano se incrementan os casos de determinación de continxencias profesionais, debido en gran medida á negativa das Mutuas a atender as continxencias que derivan directamente do  traballo. A modo de exemplo, e tal e como se pode apreciar no seguinte gráfico, dende o ano 2008 vimos incrementadas as solicitudes deste tipo de actuación, chegando no ano 2011 a realizar un total de 63 solicitudes de determinación de continxencias perante o INSS, dun total de 851 asesoramentos rexistrados realizados en todo o País polos/as técnicos/as do Gabinete.

Determinacións de continxencias realizadas polo Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG dende o ano 2008

Polo tanto no Gabinete atopámonos cunha problemática en continuo aumento, se consideramos que o número total de asesoramentos técnicos realizados dende o ano 2008 ata o 2011 foi similar, producíndose un incremento paulatino dos mesmos ata chegar a unha media de 300 asesoramentos máis no 2011 que no 2008.

As determinacións de continxencia, dende un punto de vista técnico, pódese dicir que aportan unha vía de recurso ante as situacións de desprotección nas que se poden atopar os traballadores/as, cando estes/as son vítimas dunha situación de accidente laboral ou enfermidade profesional  que a súa mutua se nega a recoñecer e atender, en moitas ocasións por unha inadecuada interpretación das súas responsabilidades e competencias.

Unha das causas máis comúns coas que nos atopamos, prodúcese cando un traballador ou traballadora sofre un accidente laboral e se lle denega a atención ou o tratamento que require a lesión que provocou dito accidente, é dicir, plantéxase a situación que o traballador ou traballadora foi atendido na súa Mutua na data do accidente e así o demostran os partes de asistencia e de atención da mesma, mais se lle informa que a súa baixa médica a terá que tramitar pola Seguridade Social, co conseguinte prexuízo, en moitos casos, económico para o traballador/a, aínda que non para a mutua que vai a aforrar o pago da continxencia. Nestes casos inícianse os trámites pertinentes perante o INSS para a clasificación da continxencia como profesional, as máis das veces coa “desvantaxe” para o/a traballador/a que se verá na obriga de demostrar que iso que lle aconteceu, se produciu no lugar de traballo e se deriva da súa actividade laboral, isto é, que contrariamente ao que estabelece a leitoda a carga da proba recae sobre o traballador/a accidentado/a, o cal ás veces convértese nunha importante dificultade engadida e nun verdadeiro calvario para el/ela.

O inicio dos trámites para a realización dunha solicitude de determinación de continxencia pódese realizar:

Polo propio traballador/a.

Pola Inspección Médica

Pola Mutua

As competencias sobre as continxencias co-múns as ten o Sistema Público de Saúde, e as das continxencias profesionais as teñen as Mutuas; no caso de solicitar unha determinación de continxencia o faremos perante o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que actuará como árbitro en tódalas situacións dubidosas ou que susciten algún tipo de conflito. En calquera caso será o INSS quen terá que emitir a resolución.

Cando un traballador/a acude ao seu médico de familia para tramitar unha baixa médica que deriva de continxencias profesionais pó-dense dar dúas situacións:

1.-  Que a baixa médica aínda non fora emitida, é dicir, que a situación sexa previa á extensión da IT por continxencias comúns o cal nos pode levar a diferentes estatus:

-  O médico de familia emite parte de baixa médica facendo constar no mesmo que se trata dunha continxencia profesional para que se poida realizar a solicitude de determinación perante o INSS.

-  Que o médico de familia remita ao traballador/a á Inspección médica sen facilitar a baixa médica. Neste caso a Inspección médica pode actuar de dúas formas

a) Ditaminando que non procede a IT, do cal informará ao médico de familia.

b) Ditaminando que procede a IT, do cal informará á mutua e decidirá sobre tres supostos:

                                              I. Procede a IT por continxencia profesional.

                                             II. Procede a IT pero por continxencia común.

                                            III. Non procede a IT e o traballador/a pode ir a traballar.

Cando se dá o suposto recollido no punto I. darase traslado ao INSS da situación para o seu coñecemento e que a Dirección Provincial correspondente emita unha resolución sobre dita continxencia.

2.- Que xa se teña iniciada a IT por continxencias comúns; neste caso a actuación pode ser a seguinte:

Que o médico de familia remita ao traballador/a á Inspección médica tan pronto como o detecte ou teña a sospeita de que a continxencia pode vir derivada do traballo. Neste caso a actuación da Inspección Médica pode ser a seguinte:

Os recursos económicos que destina o Estado Español a través da Seguridade Social relacionados coa Prevención de Riscos Laborais, son executados polas Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, polo que tódalas actuacións das mesmas neste senso deberían de ir encamiñadas á mellora da saúde dos traballadores e traballadoras e non á deterioración e a degradación asistencial que se está a producir nos últimos anos. Por isto dende a CIG opinamos, como outros estudosos do tema, que a mellora da calidade asistencial e o “non encubrimento” de patoloxías relacionadas co traballo redundará nunha mellora constante das condicións de traballo e na produtividade das empresas; por este motivo tentamos que, aínda que sexa dende a actuación particular de cada traballador/a se denuncie e se reclame cada patoloxía que poida ter relación co traballo e que non fora tratada axeitadamente. Igualmente tamén estaremos apoiando e reclamando que definitivamente se poñan en funcionamento por parte da Administración os mecanismos precisos para a detección das patoloxías relacionadas co traballo mediante os sistemas de alerta de sospeita de enfermidade profesional, que agardamos sexa un apoio máis no camiño da mellora da xestión das continxencias relacionadas cos Riscos Laborais.

Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.

Documentos

ARTIGO 3 BOLETIN GALEGO 0.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS