Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 1/9/2017
ECHA
A Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA) adopta un plan de acción comunitario que avaliará 22 substancias perigosas.
Nos próximos tres anos, 22 Estados membros avaliarán 115 substancias, das cales 22 foron seleccionadas recentemente. A partir da data de adopción, os Estados membros dispoñen de 12 meses para avaliar as 22 substancias especificadas para 2017.

ECHA

A lista inclúe substancias amplamente utilizadas en lugares de traballo como xileno, negro de carbón, éter dietílico, acetato de vinilo e algúns nanomateriais.

O obxectivo destas avaliacións é identificar as principais substancias de posible risco para a saúde pública ou para o medio ambiente, así como garantir que ditas substancias se supriman progresivamente e se substitúan por alternativas máis adecuadas co tempo.

Unha substancia activa considerarase candidata a substitución se cumpre calquera dos seguintes criterios:

- Satisfai polo menos un dos criterios de exclusión.

- Está clasificada como sensibilizante respiratorio.

- Os seus valores de referencia toxicolóxicos son significativamente menores que os da maioría de substancias activas aprobadas para o mesmo tipo de produto e uso.

- Satisfai dous dos criterios para ser considerada PBT (persistente, bioacumulativa e tóxica).

- É preocupante para a saúde humana ou animal e para o medio ambiente, mesmo aínda que se tomen medidas moi restritivas de xestión de riscos.

- Contén unha proporción importante de isómeros non activos ou de impurezas.

Se, durante o proceso de aprobación dunha substancia activa, a autoridade avaliadora competente establece que unha substancia activa é unha posible candidata a substitución, esta circunstancia incluirase nas conclusións da súa avaliación. En tales casos, ECHA iniciará unha consulta pública.

As substancias activas que son candidatas a substitución non se aprobarán durante máis de sete anos, nin sequera no caso de renovación. Se a substancia activa satisfai un ou máis dos criterios de exclusión, só se aprobará durante cinco anos.

Se se establece que unha substancia activa é candidata a substitución, os produtos que conteñan dita substancia activa deberán someterse a unha avaliación comparativa no momento da autorización e só se autorizarán se non existe unha alternativa mellor.

En caso necesario, o Estado membro avaliador preparará unha proposta de decisión de ECHA para solicitar información adicional aos solicitantes de rexistro para aclarar os riscos sospeitosos. 

No plan 2016-2018, retiráronse seis substancias a petición dos Estados membros avaliadores.

Acceso á lista de substancias

1