Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
8/3/2018
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Facer as promesas realidade: A Igualdade de xénero na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable

ONU MULLERES
Logo de dous anos dende a adopción da Axenda 2030, publicouse o informe “Facer as promesas realidade: A igualdade de xénero na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable” no que se presentan dende unha perspectiva de xénero os progresos alcanzados así como os desafíos pendentes para a implementación dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Na presentación do informe, a Directora Executiva de ONU Mulleres, indicou: “O mundo enteiro comprometeuse a través dos ODS a non deixar a ninguén atrás. Os novos datos e análises deste informe indican que, a menos que se acelere considerablemente o progreso en materia de igualdade de xénero, a comunidade internacional non poderá cumprir coa súa palabra. É unha chamada urxente á acción e o informe fai recomendacións sobre que camiño tomar”.

O informe recolle os aspectos que deberán abordar gobernos, sociedade civil e sector privado para lograr a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable. Entre as conclusións do estudo están:

• A diferenza salarial de xénero permanece no 23% a nivel mundial e, se non se toman medidas firmes, pasarán outros 68 anos antes lograr a igualdade neste punto.

• A taxa de actividade das mulleres é do 63%, mentres que a dos homes é do 94%.

• A representación de mulleres nos parlamentos nacionais é do 23,7%, unha cifra que permanece moi lonxe da paridade.

• As mulleres continúan dedicando 2,6 veces máis tempo ao traballo doméstico e de coidados non remunerado que os homes.

• A nivel mundial, as mulleres representan o 28,8% de quen se dedica a investigación. Só un de cada cinco países logrou a paridade de xénero neste ámbito.

• As mulleres dedican 2,6 veces máis tempo ao traballo doméstico e de coidados non remunerado que os homes.

• A nivel mundial, as mulleres representan só o 13% do total das persoas propietarias de terreos agrícolas.

Os datos do estudo tamén achegan datos sobre a situación no Estado español, destacando a desigualdade no mundo da investigación con só o 39,6% de mulleres, no parlamento español, cun 39,1% de mulleres, e un 30,3% de mulleres directivas, reducíndose ao 8% na industria pesqueira.

En canto ás recomendacións para lograr os cambios necesarios o informe céntrase en catro eixos de actuación:

- Políticas integradas e capaces de xerar sinerxias e axudar a cumprir varios obxectivos á vez; cita como exemplo como a redución da carga do traballo de coidados non remunerado para as mulleres mediante o acceso a servizos de coidado infantil gratuítos e universais que lles permitiría acceder a oportunidades de emprego, propiciaría a creación de traballo decente no sector dos servizos sociais e melloraría os resultados en saúde e nutrición infantil.

- O rexistro e a explotación de datos estatísticos, pois é imposible determinar que está a ocorrer coas mulleres en relación aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: en seis non hai indicadores específicos para mulleres; doutra banda faltan datos relacionados co xénero que permitan realizar un seguimento apropiado.

- Un adecuado financiamento, que revogue os recortes ao gasto público que debilitan as redes de seguridade e os servizos esenciais (en contornas desenvolvidas e naqueles en vías de desenvolvemento)

- Garantir a rendición de contas por parte daqueles que ostentan o poder con respecto aos compromisos en materia de igualdade de xénero.

Ligazón ao informe (en inglés)

Ligazón ao resumo executivo (castelán)

Ligazón á infografía "A igualdade de xénero na Axenda 2030"

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais