Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
30/6/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A participación dos/as traballadores/as na xestión da seguridade e a saúde no Estado español. A evidencia cualitativa de ESENER-2. Observatorio Europeo de Riscos. Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo.

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL - CIG-
O presente estudo céntrase na representación dos intereses dos/as traballadores/as en materia de seguridade e saúde tal como a perciben os propios representantes, os seus compañeiros/as de traballo e os seus empregadores/as. A nivel europeo baséase nunha serie de entrevistas en profundidade celebradas con estes participantes en 143 centros de traballo de sete Estados membros da UE: Bélxica, España, Estonia, Grecia, Países Baixos, Suecia e Reino Unido.

Na gran maioría dos casos trátase de centros de traballo que participaron na enquisa ESENER-2. Foron elixidos de forma que se repartisen por igual entre tres grandes sectores (o sector de produción privada, o sector público e o sector de servizos privados) e entre tres tamaños (pequenas, medianas e grandes empresas). A análise contou co apoio dunha revisión bibliográfica e a realización de entrevistas adicionais a enquisados/as de organizacións clave, así como nunha análise cuantitativa ulterior dos datos pertinentes de ESENER-2.

Esta investigación foi deseñada para analizar a actual participación dos/as traballadores/as en materia de seguridade e prevención de riscos da saúde (SST). Coñecer cales son as principais barreiras e obstáculos para a súa participación; Que prácticas poden fomentar a súa participación; Que actores están involucrados e como poderían axudar a mellorar o proceso de participación e a saúde ocupacional. Estas cuestións forman parte das competencias da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA), quen propuxo esta análise en profundidade dos vínculos entre a participación dos/as traballadores/as e a seguridade e a saúde.

No caso do Estado español, obxectivo específico do informe, baséase no obxectivo xeral de actualizar os coñecementos sobre a materia obxecto de estudo en España. Engadindo profundidade á información cuantitativa achegada por ESENER-2, cos datos cualitativos, con información de primeira man sobre o terreo e a mostra de empresas que xa participaran ao responder ao cuestionario ESENER-2, proporcionando a oportunidade para afondar na análise do futuro da SST no Estado español e para expor as cuestións que poden axudar a mellorala. De seguido procedemos a expoñer exhaustivamente o capítulo de conclusións.

CONCLUSIÓNS DO ESTUDO

Tanto no ámbito científico como técnico-profesional da prevención de riscos e a saúde laboral, é coñecido e recoñecido que a implicación e participación dos/as traballadores/as no seo dunha empresa, relaciónase directamente coa creación dun bo sistema de xestión da Seguridade e a Saúde no Traballo (SST). A pesares disto, e logo de ter feito unha investigación de campo con entrevistas en profundidade a xerentes das empresas, a traballadores/as e a delegados/as de prevención, estes últimos difiren da parte empresarial en importantes cuestións relacionadas coa percepción dos sistemas de prevención, os seus distintos niveis de desexos e expectativas en relación a como estes deberían estar configurados, e como se poderían mellorar ou no seu caso eliminar e superar, os actuais obstáculos que presenta o axeitado funcionamento do Sistema Preventivo no Estado español.

Neste senso os datos proporcionados polas distintas enquisas de Esener, ofrécennos unha valiosa información do que é un sistema de prevención de riscos laborais e como este se pode mellorar, especialmente no que atinxe á participación dos/as traballadores/as. Información esta que como no caso que nos ocupa, está complementada por información de carácter cualitativo que nos permite identificar problemas actuais e problemas emerxentes aínda sen resolver, tal e como reflicte o contraste das distintas visións que en materia preventiva manteñen os/as traballadores/as e os/as delegados/as de prevención, en contraposición ás posicións mantidas polas direccións e xerencias das empresas.

Así é, segundo se desprende do presente informe promovido pola UE e realizado a partires da conxunción destes tres estudos coa intención de obter información sobre a situación do Sistema Preventivo no Estado español; mentres os/as traballadores/as e os seus representantes consideran a prevención dos riscos laborais dende unha perspectiva ampla e integral que configura unha determinada e necesaria “cultura” preventiva, máis aló dun mero punto de vista técnico e formal; a visión dos/as empresarios/as pola contra, nega que a prevención sexa unha “cultura”, afirmando que esta debe encadrarse nun marco técnico-legal que se ve condicionado por limitacións de índole técnica e restricións de carácter económico que, necesariamente debe poñerse en mans de “expertos”.

Para os/as traballadores/as e os seus representantes, para mellorar preventivamente é necesario abrir a prevención á participación real dos/as traballadores/as, así como incluír de maneira clara e decidida os riscos ergonómicos e psicosociais nas políticas preventivas das empresas, fronte ás políticas de comunicación meramente informativas e con escasa ou mínima participación dos/as traballadores/as que practican as empresas.

Segundo o presente estudo e tal e como xa se informou en anteriores investigacións, estas limitacións afectan e condicionan significativamente as actitudes e as prácticas dos/as delegados/as de prevención, que ven como sistematicamente non se cumpren as súas expectativas no exercicio das súas funcións, sentíndose sen apoio e fortemente desmotivados/as. En moitas ocasións estas circunstancias lévanlles a pospoñer importantes aspectos e reclamacións en materia de seguridade e saúde laboral, ante a escasa importancia que as empresas lle dan á prevención, así como á ineficacia e falta de actuación das administracións públicas no impulso do control e o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade e saúde laboral.

Normalmente a participación dos/as traballadores/as nas políticas preventivas da empresa está exclusivamente vinculada á acción do seu representante de seguridade, o cal se percibe a si mesmo como o elemento clave de comunicación entre sindicatos, directivos e traballadores/as. A responsabilidade e visibilidade asociada a este posto implica por unha banda que os/as traballadores/as proxecten un alto nivel de esixencia e depositen nel un alto nivel de expectativas, á vez que o sistema de representación se ve significativamente debilitado como consecuencia de depositar nunha soa persoa tan importante responsabilidade.

Segundo o informe, para os/as delegados/as de prevención o esforzo necesario para difundir unha verdadeira cultura preventiva, require mellorar substancialmente a participación e propiciar unha maior cooperación do conxunto dos traballadores. En contraposición a estas premisas, os/as empregadores/as ou directivos/as das empresas asumen un enfoque “experto” que considera as cuestións de SST dende unha perspectiva esencialmente técnica que de facto exclúe un enfoque laboral da problemática, negando a validez da interlocución dos sindicatos. Neste senso, as enquisas realizadas amósannos que para as empresas o cumprimento da lei constitúe o elemento fundamental para impulsar a prevención de riscos laborais.

Este enfoque legalista ás veces exprésase directamente en puntos de vista dos/as empregadores/as, con altas taxas de resposta nas enquisas a preguntas acerca das motivacións principais para afrontar a prevención de riscos laborais. Noutras ocasións amósase menos directamente, como no caso das entrevistas, na que esta concepción técnico-xurídico da prevención adopta a narrativa da formación. De feito, os/as xerentes entrevistados/as indicaron que a formación, títulos universitarios, cursos especializados e as complexas habilidades necesarias para os sistemas de xestión de seguridade e saúde, constituían un argumento a favor da lexitimidade. Un capital para a empresa que eles controlan e acumulan a través da formación. Coñecementos técnicos acumulados polos responsables dos equipos de xestión, especialmente nas grandes empresas, que parece dar credibilidade á hipótese de que é a empresa quen define o ámbito no que se produce calquera discusión acerca da prevención de riscos no traballo, e é a empresa quen posúe os coñecementos necesarios para facelo. En definitiva, no Estado español as empresas están a impoñer o chamado modelo “experto”.

As reaccións á conflitividade entre empresas e traballadores/as en materia preventiva aparecen no estudo como un factor importante. Nos casos de maior intensidade, nos que os servizos de prevención da empresa non atenden ás solicitudes e reclamacións dos/as representantes dos/as traballadores/as, e nos que a Inspección de Traballo debería e podería desempeñar un papel destacado na súa solución, a realidade vén sendo que por norma xeral a Inspección de Traballo non se involucra na solución dos conflitos preventivos das pequenas empresas, que finalmente impoñen unilateralmente o seu criterio axudadas polo alto medo ao despedimento dos seus traballadores/as.

Percíbese claramente no presente estudo, que cando os/as entrevistados/as tentan transmitir a idea dunhas boas relacións entre os/as xerentes e os/as delegados/as de prevención, na realidade esta é unha relación forzada, na que os/as administradores se ven obrigados a aceptalas debido ao marco legal que rexe as relacións laborais. Estas observacións extraídas do Estudo, no caso do Estado español vense reforzadas cando se ten en conta o contexto de crise económica destes últimos anos. Efectivamente as entrevistas amosan que a crise económica ten alentado unha xestión das empresas principalmente centrada na reestruturación económica como estratexia para resistir á recesión. Neste contexto resulta evidente que a prevención de riscos no traballo non está no mesmo nivel que prioridades de carácter económico, obxectivo prioritario das empresas moi por enriba das necesidades de prevención.

Sen dúbida algunha no Estado español a crise económica e a reforma laboral outorgaron un papel dominante ao discurso empresarial, subordinando a prevención de riscos laborais aos aspectos de carácter económico. Nesta situación, as organizacións empresariais a nivel europeo están a enviar unha mensaxe de prioridade aos gobernos para reducir a presión lexislativa, alonxándose significativamente da narrativa defendida polos/as traballadores/as e os seus representantes.

O impacto da crise parece como outro achado notable desta investigación. A súa intensidade afectou a todos os alicerces sobre os que descansa o sistema de prevención: negociación e diálogo social; a dinámica do mercado de traballo e os indicadores económicos; tendencias nos accidentes de traballo; e a perda de relevancia e lexitimidade de moitos sindicatos. Especificamente, a crise produciu unha serie de tendencias que desgraciadamente se teñen convertido en factores determinantes da prevención: unha diminución da seguridade no emprego, o aumento dos contratos temporais, o fortalecemento da contratación externa e o avance das formas precarias de traballo. Factores estes todos que están a producir un impacto moi negativo na saúde ocupacional dos/as traballadores/as e xeran importantes dúbidas sobre a solidez do modelo de prevención do Estado español.

En canto aos determinantes externos, o escenario de crise (privatizacións e un importante descenso no consumo) parece ser un dos determinantes máis relevantes, con dous efectos diferentes. En primeiro lugar, a intención da empresa redúcese á mera negociación de melloras en cuestións de SST porque sempre se percibe como algo dependente da ganancia económica. En segundo lugar, a saúde do/a traballador/a que en moitas ocasións vese afectada pola tensión, o estrés e a presión dos/as xerentes ou directivos/as.

É evidente que a crise económica tivo consecuencias importantes sobre o emprego no conxunto do Estado, con moitos traballadores/as temporais cada vez máis vulnerables e uns obxectivos de negocio centrados exclusivamente nos beneficios e cada vez máis afastados das verdadeiras políticas de prevención. Asemade, coa cativa e incipiente recuperación económica, a crecente demanda externa ten incrementado a presión sobre os/as traballadores/as, desaparecendo case de inmediato as febles tendencias de mellora que se apuntaban nos distintos indicadores.

Ademais das observacións anteriores, máis xerais, podemos sinalar algunhas cuestións específicas como as referencias aos riscos psicosociais, frecuentemente mencionados nas entrevistas como un aspecto que non está a recibir a suficiente atención. O debate sobre as patoloxías derivadas da intensificación do traballo recibirá máis atención no futuro e esta preocupación reflíctese tamén nas entrevistas cos diferentes actores. Cando apareceu este tema, incrementouse o fluxo das respostas dos/as entrevistados/as.

Ao analizar os diferentes tipos de empresa, en busca dos determinantes internos, un dos achados principais relaciónase coas características das empresas, tales como o seu tamaño, estrutura xeográfica e o número e tamaño dos establecementos. Por exemplo, o traballo de campo suxire que o marco normativo español de participación dos/as traballadores/as é menos estrito para as pequenas empresas que para as medianas e grandes.

Nas pequenas empresas, a participación dos/as traballadores/as no proceso de avaliación de riscos, cando isto acontece, lévase a cabo de dúas maneiras diferentes, unha directa, na que se produce unha comunicación informal individual entre cada traballador/a e a persoa encargada das cuestións de seguridade e saúde; ou durante o proceso da avaliación de riscos no lugar de traballo a través dunha empresa subcontratada especializada na prestación de servizos de consultoría en materia de SST. En calquera caso, nas pequenas empresas, os riscos que habitualmente resultan máis difíciles de detectar, medir e previr, son os riscos psicosociais debido á súa natureza.

Por outra banda, algunhas empresas pequenas parecen ter máis deficiencias na aplicación da lexislación, no estabelecemento de protocolos e no desenvolvemento de programas e medidas para poñelas en práctica. Ademais, a participación e a representación dos/as traballadores/as enfróntanse a máis limitacións. As empresas pequenas tenden a ser máis propensas no curto prazo a poñer en práctica respostas illadas (como equipos de protección individual), en lugar de ofrecer respostas colectivas máis complexas que responden a programas máis amplos e de maior alcance. A interacción entre unha pequena cantidade de persoal que ademais está afectado por unha alta temporalidade é un determinante importante, dificultando extraordinariamente as accións que pode implementar o/a delegado/a de prevención neste tipo de empresas. Canta máis temporalidade padece o persoal contratado, menores son as probabilidades de que se produzan demandas e melloras sobre temas de seguridade e saúde laboral.

A miúdo existe unha comunicación directa entre os/as traballadores/as e os membros do comité, sobre todo entre os/as traballadores/as e os/as representantes de seguridade. Nas pequenas empresas polo xeral hai un sistema directo de información e participación dos/as traballadores/as en todas as cuestións, incluída a prevención de riscos. A formación tamén aparece como unha forma común de mellorar o coñecemento e a conciencia dos/as traballadores/as, e unha forma de previr os riscos laborais. Con todo, o “clima de familiaridade” e a “confianza” impídelles aos traballadores/as seguir as canles formais de representación. Como resultado, o control sobre os/as traballadores/as é máis forte.

A participación informal depende en gran medida da actitude dos/as directivos cara aos traballadores/as, especialmente nas pequenas empresas. Do mesmo xeito que nunha familia, o estilo de comunicación dunha pequena empresa inflúe no clima de traballo e por tanto na participación dos/as traballadores/as. A relevancia do punto de vista na mellora tanto da seguridade como da eficiencia do proceso de produción dos/as traballadores/as, tamén parece ser clara e evidente para todos os/as entrevistados/as. Con todo, cando a SST é considerada como un problema administrativo no que a participación dos/as traballadores/as non é necesaria, esta actitude fomenta a externalización da SST a unha empresa de consultoría. Isto vese agravado polo feito de que nas pequenas empresas apenas existe presencia sindical, sendo en moitos casos esta presenza máis simbólica que efectiva.

Dentro das grandes e medianas empresas, o/a delegado/a de prevención é a figura central nos sistemas de xestión da seguridade e a saúde laboral nos centros de traballo. A función principal do/a delegado/a de prevención é resolver os problemas particulares dos/as traballadores/as, mais isto aínda que reduce drasticamente a eficacia das súas tarefas, o non facelo afectaría negativamente á percepción do Sistema de prevención dos/as traballadores/as. Do presente Estudo derívase que case non hai evidencia da conciencia da importancia que ten a participación dos/as traballadores/as na mellora da SST.

Outro importante factor o constitúen os modelos de organización e os sistemas de produción empregados polas empresas, tal e como é o caso do sistema “xusto a tempo” que se ten convertido nunha grave fonte de risco para a saúde mental. En moitas empresas, a crise económica ten aumentado o efecto deste factor. Neste senso o maior obstáculo para mellorar os resultados en materia de SST é a necesidade das empresas de mellorar a produción e produtividade en resposta á competencia global. Esta presión fai que os/as empresarios/as esixan máis dos seus traballadores/as, solicitándolles máis horas extras e por períodos máis longos de tempo, así como a esixencia de mellora da produtividade.

Xunto co mencionado efecto do tamaño, a forma de propiedade da empresa tamén é importante, xa que traballar para unha pequena empresa privada cun xefe que é un membro da “familia” parece facer que os/as empregados/as sexan máis dóciles. Como se ten mencionado anteriormente, a formación en materia de seguridade e saúde laboral así como a representación preventiva dos/as traballadores/as constitúen un factor clave, cuestión que se fai máis evidente nas pequenas empresas nas que nin sequera as normas, lexislación ou protocolos de seguridade e saúde laboral, son ben coñecidos ou aplicados con certo rigor. Nestas circunstancias o papel da Inspección de Traballo nas pequenas empresas é case inexistente. A maioría dos/as entrevistados/as dixeron que non teñen contacto coa Inspección de Traballo, podendo concluír que existe pouca ou ningunha interacción con esta, sendo percibida só como un recurso de carácter excepcional.

Se ademais temos en conta o tipo de empresa como un determinante interno, atopámonos con que as empresas públicas expoñen un problema debido á falta de continuidade nos postos de dirección. Por outra banda, en empresas do sector dos servizos públicos, os/as traballadores/as non perciben os riscos laborais debido á natureza do seu traballo.

Con respecto aos determinantes externos, as mutuas colaboradoras da Seguridade Social xogan sen dúbida un papel determinante. Neste senso, a reacción dos/as traballadores/as é altamente sensible, atribuíndo ás mutuas actuacións tendentes a ocultar o recoñecemento de enfermidades profesionais e mesmo de accidentes de traballo.

Contratistas e subcontratistas poden verse como outro determinante externo importante. Dependendo do enfoque que adoptamos, podemos ver o seu papel como dobre. Por unha banda, se consideramos unha empresa no seu papel como unha subcontratista, obsérvase que a importancia do sistema de prevención de riscos depende máis da rigorosidade do control do contratista principal que dos administradores da empresa subcontratista asignados a este problema. Doutra banda, se temos en conta a empresa no seu papel como un contratista, esta a pesar de ter protocolos non sempre pode verificar plenamente o cumprimento da empresa subcontratada con eles. Isto afecta principalmente ás pequenas empresas xa que este tipo de empresas tende á subcontratación doutras empresas máis pequenas ou a forzar a traballadores/as contratados previamente a traballar por conta propia co fin de aforrar en recursos, a miúdo a conta da externalización da responsabilidade da SST.

Un resultado adicional da subcontratación é que os/as traballadores/as das empresas subcontratadas non participan en absoluto na seguridade e a saúde laboral.

Por último, o número de formularios e informes que as empresas deben encher para cumprir cos requisitos legais é un determinante importante que promove unha cultura da prevención baseada principalmente en tarefas administrativas. Asemade dáselle especial importancia á relación existente entre beneficio económico e a prevención de riscos laborais, de tal xeito que a miúdo as medidas preventivas que finalmente se aplican, pondéranse sobre a base dos beneficios globais e o aumento da produción.

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 25, epígrafe Documento-análise. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Fonte: Worker participation in the management of occupational safety and health — qualitative evidence from ESENER-2. Country report – SPAIN.  European Risk Observatory. European Agency for Safety and Health at Work.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais