Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
27/4/2018
Facebook Twitter Google Plus Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo. As reformas laborais matan

28 de abril
A FOLGA XERAL DEBE SER A RESPOSTA CONTUNDENTE DA CLASE OBREIRA A UNHAS POLÍTICAS ECONÓMICAS DO PP QUE NOS EMPOBRECEN, PRECARIZAN E MENOSCABAN A NOSA SAÚDE. A enorme precarización das condicións de traballo derivadas das distintas reformas laborais dos gobernos do PSOE e do PP teñen provocado un aumento substancial da sinistralidade laboral, especialmente no noso País. En Galiza o índice de sinistralidade laboral duplica o do Estado español. O número de mortes por accidentes laborais medrou un 2% no ano 2017 e os accidentes con baixa un 5,6%.

O brutal aumento da temporalidade, dos contratos a tempo parcial, o aumento da subcontratación, ou a proliferación de empresas multiservizos, xunto co aumento dos ritmos de produción, teñen incidido de xeito directo no deterioro das condicións de traballo que teñen provocado á súa vez un grave prexuízo para a saúde dos traballadores e traballadoras do noso País.

O número de baixas derivadas de continxencias profesionais así como a súa duración ten aumentado de xeito alarmante nos últimos anos. Aumento que sen dúbida sería maior de non actuar as Mutuas de traballo como mercaderes da nosa saúde atendendo a cuestións puramente monetarias e raramente a criterios médicos á hora de emitir altas ou de determinar a duración dos procesos de curación. Por unha banda se escatiman recursos para a prevención por parte das empresas e medidas de control por parte do goberno e logo se escatiman novamente para mitigar os efectos na saúde desa grave falta de recursos preventivos. Evidénciase que a saúde da Clase Obreira continúa sen ser unha fonte de preocupación para a patronal nin para o goberno, tan só lles preocupa o gasto que supón. Leis como a das Mutuas ou o RD de control das baixas son boa proba de que para o capital o estado da nosa saúde segue a ter a mesma importancia que o estado de saúde de calquera outro elemento produtivo aínda sendo estes elementos inertes.

Por desgraza ese é o mundo laboral que soportamos. Ese é o mundo laboral que temos a necesidade de cambiar. Unha necesidade que xa se antolla unha necesidade vital pois vainos a saúde e mesmo a vida nelo.

É preciso eliminar as reformas laborais que nos últimos anos teñen empeorado de xeito substancial as nosas condicións de vida e recuperar os nosos dereitos de xeito que podamos contar con empregos estábeis e de calidade, con salarios decentes e con coberturas sociais axeitadas ás necesidades dos máis desprotexidos. Esa calidade do emprego xunto con políticas preventivas reais, con medidas de vixilancia da saúde serias, son o comezo dun camiño para que a nosa saúde, a nosa vida laboral sexa realmente digna.

O xeito de combater estas políticas dos gobernos antiobreiros, do PSOE no pasado e do PP na actualidade, por parte do movemento sindical, non pode ser outro que o da contestación contundente das mesmas a través da mobilización na rúa. Dunha mobilización do conxunto da Clase Obreira que, unida, demostre a súa capacidade de enfrontamento a este sistema social que nos condena a precariedade e á enfermidade.

A Folga xeral á que a CIG está a chamar é unha necesidade de Clase. É a necesidade de recuperar os nosos dereitos como traballadores e traballadoras, é a necesidade de dispor de mecanismos que protexan realmente a nosa saúde e a nosa vida nos postos de traballo.

 

Fran Cartelle Pérez

Secretario Confederal de Saúde Laboral

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais