Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
27/10/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Saúde Laboral, crise económica e futuro da UE

SAÚDE LABORAL
A prevención de riscos e a saúde laboral dos/as traballadores/as segue a ser un tema pendente dunha axeitada solución. A pesares de coñecerse perfectamente a estas alturas a través de múltiples e avalados informes de carácter nacional e internacional, que a non prevención ou unha deficiente prevención, a maiores de causar importantes perdas e sufrimentos humanos e sociais, xera tamén cuantiosas perdas económicas a aquelas empresas que non a realizan, a prevención de riscos, a preservación e o coidado da saúde laboral seguen a ser unha asignatura pendente que con demasiada recorrencia se suspende no mundo empresarial.

Así as cousas, atopámonoss con que no último informe presentado no Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo celebrado en Singapur o pasado mes de setembro deste ano, desvélase que as lesións e as enfermidades derivadas do traballo como consecuencia dunha deficiente prevención dos riscos laborais, segue a ter uns custos extraordinariamente elevados en todo o mundo. Segundo os cálculos presentados por este informe, a día de hoxe os accidentes de traballo e as lesións que se producen na contorna laboral, provocan unha perda estimada do 3,9% do PIB anual mundial, o que equivale aproximadamente á escalofriante cifra de 2,68 billóns (con “b”) de euros.

Estas relevantes e avaladas estimacións, son o resultado dun gran proxecto de investigación sobre os custos e beneficios da seguridade e saúde laboral. O proxecto foi realizado pola Organización Internacional do Traballo (OIT), o Ministerio finlandés de Asuntos Sociais e Saúde, o Instituto Finlandés de Saúde Ocupacional (FIOH), o WSH Institute en Singapur, a Comisión Internacional de Saúde Ocupacional (ICOH) e a EU-OSHA.

No caso concreto da UE, os problemas de saúde e as lesións relacionadas co traballo, están a custar anualmente á Unión Europea o 3,3% do seu PIB, é dicir uns 476 mil millóns de euros que economicamente supoñen unas perdas extraordinarias e que humanamente son de todo punto inasumibles nunhas sociedades democráticas e socialmente cohesionadas. Unhas perdas e un sufrimento que a bo seguro poderían evitarse, co desenvolvemento dunhas axeitadas estratexias políticas e unas prácticas correctas en materia de seguridade e saúde no traballo.

Sen dúbida algunha as boas prácticas en materia de seguridade e saúde laboral son un factor importante para que as empresas sexan máis produtivas, competitivas e sustentables, á vez que contribúen a reducir os custos sanitarios e outras importantes cargas sociais que en gran medida serían imputabeis ás súas neglixencias e incumprimentos en materia de prevención.

Isto é así porque os custos derivados da non prevención e os erros en seguridade e saúde laboral son extraordinariamente altos para os/as traballadores/as e as súas familias, para a sociedade, e en última instancia para os propios empresarios/as que, vendo na prevención un gasto oneroso en lugar dun investimento produtivo cun alto rendimento, rematan incorrendo nunha deficiente prevención.

Neste Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo recentemente celebrado en Singapur, acadáronse outras importantes e significativas conclusións, tales como:

  • Que das mortes relacionadas co traballo, no mundo o 86% das mesmas están vinculadas a enfermidades derivadas ou agravadas polo traballo, acalzando esta correlación o 98% no caso dos estados da UE.
  • Que na meirande parte dos países europeos, os cancros derivados ou relacionados co traballo son a principal causa de morte (106.307 mortes/ano) e de custo económico de entre as enfermidades profesionais (119.500 millóns de euros), supoñendo só este concepto o 0,81% do PIB da UE, sendo a seguinte causa de morte as enfermidades cardiovasculares con 49.462 casos, e a seguinte causa de custos económicos os transtornos múculo-esqueléticos.

Tamén en relación a actualidade e neste contexto de coñecemento e de análise dos datos que agora temos disponibles, atopámonos cunha información sorprendente que nos indica ás claras, ata que punto a crise económica e as medidas e reformas laborais promovidas por unha Comisión Europea de corte neoliberal, están a influir no progresivo e continuado deterioro das políticas de prevención dos riscos laborais en moitos dos países europeos. Medidas e reformas con nefastas e obxectivables consecuencias para a calidade de vida e a seguridade, dunha gran maioría social traballadora que configura a poboación dos estados da UE, cercenando dereitos fundamentais, xerando pobreza, inxustiza, exclusión e descohesión social.

Para mostra outro botón. En Francia existe unha especie de instituto denominado INRS, financiado pola Seguridade Social dese país e dirixido a través dun consello de carácter paritario. Este organismo que se adica en exclusiva á investigación e a formación realiza periodicamente, ata agora anos 2007, 2010 e 2014, unha enquisa entre os pequenos e medianos empresarios franceses para coñecer cal é a súa percepción e opinión en relación á problemática en materia de prevención de riscos a saúde laboral. Pois ben, na última enquisa realizada no ano 2014 en relación ao ano a 2010, revela que o nivel de preocupación dos empresarios/as polos temas preventivos atópase en claro retroceso, así, entre as microempresas de entre 1 a 9 traballadores/as, a porcentaxe dos empresarios/as que se manifestan preocupados por estas cuestións baixou dun 25% a un 16%. No que atinxe aos pequenos empresarios entre 10 a 49 traballadores/as, a porcentaxe baixou dende un 18% a un 14%.

En principio e fundamentalmente, o INRS atribúe estes descensos na atención e preocupación dos/as empresarios/as pola problemática preventiva, ao difícil contexto económico destes últimos anos.

Inicialmente apuntan tamén a outra explicación deste descenso, o cal podería vir dado segundo eles, por unha percepción amortiguada dos riscos existentes, o que fai que un 35% dos microempresarios considere que na súa empresa non existen riscos significativos, diminuíndo o seu interese pola realización da avaliacións de riscos e a planificación de actividades preventivas nos centros de traballo; porcentaxe esta que se reduce ao 9% no caso das pequenas empresas.

En calquera caso, a enquisa desvela que os riscos laborais que máis preocupan a estes empresarios/as son aqueles ligados aos accidentes de tráfico, os vinculados a actividade física e os que teñen que ver coas caídas ao mesmo nivel.

Outras cuestións que sorprenden deste enquisa son: a) a constatación de que só un 37% das microemepresas e un 48% das pequenas empresas, cumpriron coa obrigatoriedade que existe no país galo de designar traballadores/as competentes e suficientemente cualificados para ocuparse das tarefas preventivas; e b) que en relación ao uso de medidas preventivas, estes pequenos empresarios franceses a maioría das veces desbotaron as medidas e dispositivos de protección colectiva, optando por recursos e medios de protección individual ou EPIs. En concreto nada menos que un 93% dos pequenos empresarios/as e un 61% dos microempresarios/as.

En definitiva, a realidade é que un dos países máis sindicalizados da UE e cunha estrutura máis forte e consolidada das organizacións que representan e defenden aos traballadores/as, comeza a experimentar un significativo retroceso no necesario nivel de alerta, rigor e atención que require o control da accidentalidade e a saúde laboral dos seus traballadores/as.

Efectivamente, todo parece indicar que o discurso neoliberal adopatado polas empresas e de alguna maneira agora aceptado polo novo Goberno francés, apunta a que cando as cousas van mal economicamente  para os empresarios/as, os traballadores/as deben perder salarios e dereitos, pasando os investimentos en seguridade e a saúde laboral a ser unha prioridade secundaria.

A tenor dos datos que coñecemos, craso e perigoso erro en termos económicos, en termos de competitividade e produción, e o que é peor, en termos de xustiza, sufrimento humano, igualdade e cohesión social. Se Europa non cambia o paso e comeza a gobernar en beneficio da súa poboación traballadora, en lugar de gobernar no beneficio dunha minoría captitalista basicamente especulativa e de credo neoliberal, o seu futuro político e social estará fondamente comprometido. A codicia desmedida e a corrupción sociopolítica que neste últimos anos tense enseñorado da UE, ten un prezo e un camiño que, inexorablemente pasa pola súa descomposición e posterior destrución. O futuro e o sentido da UE ten moito máis que ver cunha Europa social, progresista, xusta e solidaria, que coa Europa corrupta, neoliberal e insolidaria que nos últimos anos nos está a gobernar. Á saúde laboral é un dereito vital, fundamental e irrenunciable de calquera traballador/a, a súa defensa nunca poderá estar en cuestión.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais