Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
26/1/2015
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Un impulso mundial para que un número maior de mulleres acceda á dirección das empresas

OIT
Aínda que as mulleres seguen estando pouco representadas nas altas esferas da xestión, o número de mulleres en cargos directivos altos e medios aumentou durante os últimos 20 anos, constata un novo estudo realizado pola Oficina de Actividades para os Empregadores da OIT.

Segundo o estudo A muller na xestión empresarial: Cobrando impulso, en 80 dos 108 países para os cales a OIT dispón de datos, a proporción de mulleres en cargos directivos aumentou ao longo deste período.

"A nosa investigación mostra que a participación cada vez maior das mulleres no mercado laboral foi o principal motor do crecemento e da competitividade mundial", declarou Deborah France-Massin, Directora de Oficina de Actividades para os Empregadores da OIT.

"Un número crecente de estudos mostra a relación positiva entre a participación das mulleres nos equipos e as estruturas que toman decisións de máximo nivel e o rendemento das empresas. Pero aínda queda moito camiño por percorrer antes de que alcancemos unha verdadeira igualdade de xénero no lugar de traballo, sobre todo cando se trata de cargos directivos".

Menos do cinco por cento dos directores executivos das principais corporacións son mulleres. Canto máis grande é a empresa menores son as probabilidades de que sexa dirixida por unha muller. Os consellos de administración compostos só por homes seguen sendo comúns, pero o seu número está a decrecer. Unha enquisa mundial citada no informe mostra que Noruega ten a maior proporción mundial de empresas (13,3 por cento) nas que unha muller é directora do consello de administración, seguida por Turquía (11,1 por cento).

"É fundamental que máis mulleres alcancen postos directivos superiores en áreas estratéxicas para dispoñer dunha reserva máis ampla de potenciais candidatos a cargos como directores executivos ou presidentes dunha empresa", explicou Deborah France-Massin. "Non obstante, o 'teito de cristal' segue existindo como o demostra a concentración de mulleres en certos tipos de funcións directivas como recursos humanos, comunicación e administración", agregou.

Na actualidade, as mulleres posúen e administran máis do 20 por cento de todas as empresas, pero é máis probable encontralas en micro e pequenas empresas. Lograr que máis mulleres desenvolvan as súas propias empresas non só é decisivo para a igualdade senón tamén para o desenvolvemento nacional, destaca o informe.

O informe presenta estatísticas de mulleres en cargos directivos e empresarias da maioría dos países en todas as rexións e en todos os niveis de desenvolvemento. Contén ademais datos sobre as diferenzas salariais entre homes e mulleres na xerencia e nos niveis máis baixos, así como estatísticas sobre os logros das mulleres na educación.

O informe ofrece ademais as seguintes recomendacións para eliminar as diferenzas salariais entre sexos:

  • -  "solucións flexibles" para conciliar as obrigas profesionais e familiares como unha alternativa aos tratamentos ou cotas especiais;
  • -  ofrecer cobertura de protección da maternidade e axuda ao coidado dos nenos pode achegar valor engadido á empresa a través da contratación de mulleres talentosas e da súa retención na empresa;
  • -  "cambiar a mentalidade" para derrubar as barreiras culturais e loitar contra o acoso sexual;
  • -  resolver o fenómeno das "fugas na canalización" polo cal as mulleres quedan demoradas a pesar do seu alto nivel de educación;
  • -  implementar políticas e medidas de recursos humanos que teñan en conta a igualdade entre os sexos;
  • -  garantir que ás mulleres lles sexan confiadas as mesmas tarefas ambiciosas que aos homes dende o inicio da súa carreira.

Os autores poñen de manifesto que as mulleres reciben case a metade da totalidade dos recursos educativos e representan unha proporción significativa dos talentos dispoñibles. Polo tanto, os investimentos das empresas para atraer, reter e promover as mulleres cualificadas deberían ser rendibles.

En fin, o informe sostén que as organizacións nacionais de empregadores poden desempeñar un papel importante para sensibilizar sobre o argumento comercial de elixir mulleres para cargos directivos.

Se non se tomen medidas, serán necesarios entre 100 e 200 anos para alcanzar a igualdade de xénero nas altas esferas. É o momento de romper o "teito de cristal" dunha vez por todas co fin de evitar as cotas obrigatorias que non sempre son útiles e tampouco eficaces. Que as mulleres ocupen os cargos directivos simplemente é bo para os negocios", concluíu Deborah France-Massin.

Segundo o informe, Xamaica ten a proporción máis alta de mulleres en cargos directivos (59,3 por cento), mentres que Iemen ten a máis baixa, 2,1 por cento. Estados Unidos ocupa o 15º lugar da lista de 108 países con 47 por cento de mulleres xerentes, o Reino Unido o 41º lugar (34,2 por cento) e a Federación Rusa o 25º (39,1 por cento).

En África, Ghana ocupa o 26º lugar con 39 por cento, seguido por Bostwana na 28º posición (38,6 por cento). En Asia, o país que encabeza a lista é Filipinas no 4º lugar (47,6 por cento), seguido por Mongolia con 41,9 por cento no 17º. Con 53,1. Colombia, ocupa o segundo lugar a nivel mundial e o primeiro lugar en América Latina, seguida por Panamá no quinto lugar (47,4 por cento).

* O informe presenta as conclusións dunha enquisa realizada pola OIT en 2013 en máis de 1.200 empresas en África, Asia e o Pacífico, Europa Oriental e Central e América Latina e o Caribe, centrada nas medidas e iniciativas dirixidas a facer progresar as mulleres na xerencia. A enquisa foi realizada coa axuda das organizacións nacionais de empregadores en 39 países.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais