Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
24/2/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A dixitalización e o futuro do emprego

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL
Á vista dos acontecementos e dos datos existentes, os países comunmente chamados “desenvolvidos” teñen un serio problema de creación de emprego, problema de aínda maior alcance se falamos de emprego digno e cuns mínimos parámetros de calidade en termos de dereitos laborais, remuneración e condicións de traballo. Segundo datos da propia OIT a pesares que dende o inicio da “crise” no ano 2008 ata o ano 2014, a nivel mundial xeráronse douscentos doce millóns de postos de traballo, deste conxunto só cen mil foron xerados polos países “desenvolvidos”, destruíndo a Europa dos 28 estados máis de tres millóns setecentos mil empregos durante esta etapa.

Para situarnos nas cifras de como evoluciona o emprego a nivel mundial, teriamos que dicir que hoxe por hoxe a nivel planetario hai 823 millóns de traballadores/as máis que había fai 20 anos, téndose creado ao redor de corenta millóns de empregos anuais ao longo deste período.

Na actualidade calcúlase que no mundo existen 3.190 millóns de traballadores/as, unha cantidade de tal magnitude que fai difícil pensar que nos atopemos nun proceso irreversible do “fin do traballo”, tal e como afirman diversos economistas aos que os medios xeneralistas déronlle unha gran difusión. Destacan entre estes o grupo de economistas de Oxford que estudan as tendencias laborais e que afirman que practicamente a metade dos traballos existentes están en risco dunha acelerada desaparición, como consecuencia da revolución dixital imposta polos avances tecnolóxicos.

Son xa moitas e cualificadas as voces que desautorizan ou cando menos cuestionan tales afirmacións, poñendo en “solfa” a metodoloxía empregada polos técnicos de Oxford que tan só estudaron polo miúdo o risco de automatización dun total de setenta ocupacións, limitándose posteriormente a adxudicar linealmente os ratios obtidos a outras setecentas trinta ocupacións, sen ter en conta as súas características e especificidades, e polo tanto facendo extrapolacións sen a fondura de análise nin o rigor necesario para realizar con pleno fundamento tales afirmacións.

A fonda crise económica xerada no conxunto dos chamados países desenvoltos a finais do ano 2007 e con orixe en EEUU, derívase dunha extraordinaria desregulamentación financeira e dunha intensiva liberalización dos movementos de capital, que movidos polo afán sen límites de acumular beneficios remataron por sobredimensionar a economía especulativa, ocasionando sen control algúns grandes e importantes riscos que finalmente remataron por implosionar.

En Europa o afrontamento da crise e as políticas deseñadas para a súa superación e control, viñeron da man da ideoloxía e os enfoques neoliberais que con Alemaña ao fronte impuxeron os Gobernos de dereita e centrodereita, maioritarios nese momento histórico na Eurozona. Políticas impostas a “sangue e lume” á poboación e ás clases traballadoras, sobre a base da austeridade fiscal e a devaluación salarial como a fórmula máxica para resolver os problemas que,  priorizando cunha rixidez sen sentido o control da inflación sobre a necesaria e urxente creación de emprego, remataron por estabelecer importantes límites ao crecemento do endebedamento público, coas terribles consecuencias que gran parte das sociedades europeas agora están a padecer.

Non ter apostado polo investimento público como motor para a dinamización económica e a xeración do emprego, cando o sector privado e a banca estaban en plena contracción da súa actividade tentando sortear os riscos e as incertidumes deste novo escenario, ten agudizado notablemente a crise económica e sen dúbida afondado nas terríbeis consecuencias que en termos de falla de creación de emprego e destrución de dereitos laborais ten derivado este tipo de políticas xeradoras de inxustiza, desemprego, pobreza e desigualdade para millóns de cidadáns.

Consecuencia directa destas políticas neoliberais, hoxe por hoxe traballar e ser pobre comeza a ser cada vez máis normal. Para Jordan Brennan, economista de Unifor, principal sindicato canadense que recentemente levou a cabo unha fonda investigación sobre a relación entre desaceleración económica e o medre das desigualdades no seu país,  a falla de creación de empregos de calidade ten moito que ver cunha desigual distribución da riqueza. Para Brennan, a concentración empresarial ten propiciado que unha parte importante dos seus enormes beneficios sexan dirixidos a actividades improdutivas en moitos casos de carácter especulativo e que rematan por incrementar notablemente o poder de mercado destes grupos empresariais, e polo tanto o seu  control e manexo dos mesmos en función dos seus intereses económicos.

Neste contexto a economía produtiva xeradora de bens, servizos e empregos, e pagadora de impostos e cotas da seguridade social, está a ter un tratamento fiscal discriminatorio en relación á economía especulativa cuxo obxectivo fundamental é a consecución prioritaria do beneficio por enriba de calquera outro valor, minimizando riscos e posibles contribucións sociais.

Sen dúbida, polo de agora, a tecnoloxía dixital está a ter un menor impacto no mercado de traballo do que outras tecnoloxías tiveron no pasado. A realidade é que a esaxerada atención que nestes intres se lle presta á dixitalización como causa da perda de postos de traballo, cumpre coa intención e o obxectivo de evitar que se analicen as verdadeiras causas do deterioro das condicións de vida e de traballo de millóns de traballadores/as que, fundamentalmente non son tecnolóxicas senón políticas, derivadas de múltiples decisións adoptadas dende os anos oitenta, no marco dunha estruturada e planificada contrarrevolución neoliberal, que persegue entre outras importantes cuestións a eliminación de dereitos laborais e o debilitamento dos sindicatos como ferramenta para a defensa dos intereses dos/as traballadores/as.

Non hai dúbida que como ten acontecido no pasado, algúns traballos desaparecerán como consecuencia da innovación tecnolóxica, mais o seu alcance e efectos sobre o emprego dependerá en gran medida das decisións políticas que orienten a forma da súa implantación e aplicación. Unha visión política e social que determinará quen e como se beneficia dos incrementos da produtividade, se hai beneficio social ou só como ata agora beneficio empresarial, ou se se deseñan políticas públicas, alternativas/com-pensatorias, de emprego noutros nichos emerxentes de actividade.

É evidente e manifesto que o modelo social e económico depende fundamentalmente de decisións políticas detrás das que hai como soporte unha determinada ideoloxía. A responsabilidade duns empregos cada vez máis precarios e con menos dereitos, ten que ver cunhas lexislacións laborais que priman o beneficio empresarial fronte a unha cada vez menor protección dos/as traballadores/as. Situacións como as que están a acontecer no Estado español, e en menor medida en Italia ou na propia Francia, teñen pouco que ver coa revolución dixital e moitísimo que ver coa vontade conservadora e neoliberal de garantir e incrementar os beneficios de empresas, corporacións multinacionais, grupos bancarios ou fondos de investimento, a costa dos dereitos laborais e a calidade de vida da gran maioría social traballadora.

Independentemente de que a revolución dixital conlevará cambios e transformacións diversas, os culpables do alcance desta flagrante situación de inxustiza e desigualdade social nunca será atribuíble á transformación dixital, aos procesos de automatización ou de robotización que se poidan producir. As verdadeiras responsabilidades políticas teñen que ver cunha determinada concepción do mundo, da democracia e da xustiza social e están noutro lugar, e incuestionablemente teñen nome e apelidos.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 23, epígrafe Información. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán).

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais