Foron os seus propios compañeiros os que deron a voz de alarma pouco despois das dúas da tarde, non habendo testemuñas directas de como ocorreu o accidente.
Avisados os servizos de emerxencia, os primeiros en chegar foron os sanitarios dunha ambulancia do 061 con base en Quiroga, que acudiron cunha médica e unha enfermeira do centro de saúde de San Clodio. Non puideron facer nada, porque o traballador xa estaba morto. Ao lugar acudiron tamén varias patrullas da Garda Civil e os bombeiros de Monforte, que, segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias 112, retiraron a árbore que caera encima da vítima.
Mentres os seus compañeiros de traballo permanecían uns centos de metros máis abaixo, na estrada que leva de Cabanelas a Fraga, o cadáver permaneceu no monte aínda catro horas máis. Había que esperar a que chegasen o forense e os axentes da policía xudicial que tiñan que inspeccionar o lugar para descartar calquera rastro de agresión. Finalmente, o forense renunciou a subir ata o lugar do suceso e o corpo foi levantado pasadas as sete da tarde, despois de que os axentes sacasen fotos e comprobasen o estado do corpo e os arredores do sinistro.
O corpo tivo que ser trasladado en padiola a través da devesa, por unha forte pendente de varios centos de metros de lonxitude, empregados dunha funeraria e persoal de Protección Civil de Ribas de Sil e do grupo de emerxencias de Folgoso-Quiroga.