Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
19/2/2014
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Regulado o transporte de mercadorías perigosas por estrada no Consello de Ministros do venres 14 de febreiro de 2014

SEGURIDADE
O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada en territorio español.

O texto pretende poñer ao día todas aquelas cuestións que quedaron obsoletas e adaptarse ás normas internacionais vixentes neste momento tras as sucesivas modificacións sufridas. Igualmente, pretende desenvolver normas internas para regular o transporte por estrada de mercadorías perigosas nos aspectos que, ou ben non se contemplan no ADR (Acordo europeo de transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada) ou ben deixa liberdade aos Estados para o seu desenvolvemento ou concreción.

Os aspectos máis destacables do contido do Real Decreto son:

Adecuación ao Acordo europeo sobre transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada.- Establécese con carácter xeral a aplicabilidade do Acordo europeo sobre transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada (ADR) aos transportes que se realicen integramente dentro do territorio español.

Normas sobre a operación de transporte.- Contéñense as normas aplicables á tripulación dos vehículos de transporte, as normas especiais de circulación polas vías públicas e as autoridades competentes e circunstancias nas que se poden emitir permisos excepcionais ou especiais para o transporte e circulación en condicións distintas ás reguladas.

Normas técnicas sobre vehículos de transporte, envases e embalaxes, grandes recipientes para granel, grandes embalaxes e colectores a granel.- Regúlanse as condicións, requisitos, documentación e probas a cumprir polos envases, embalaxes, grandes recipientes para granel, grandes embalaxes, vehículos, cisternas, vehículos batería, colectores de gas de elementos múltiples, vehículos para o transporte de explosivos, vehículos portadores de cisternas e colectores para granel para materias en forma de po ou grans, para que se lles autorice a conter ou transportar mercadorías perigosas. Tamén se regulan as condicións e requisitos para a importación de cisternas, vehículos batería, vehículos para o transporte de explosivos e unidades móbiles para a fabricación de explosivos.

As novidades con respecto á normativa vixente refírense, principalmente, á fabricación e control de envases e embalaxes, grandes recipientes para granel e grandes embalaxes, clarificando os requisitos e períodos de inspección. Igualmente, clarifícanse a vixilancia e o control durante todo o proceso de fabricación das cisternas, e as actuacións dos fabricantes e organismos de control, cando o fabricante sexa estranxeiro. O resto das modificacións refírense á adecuación das referencias ás normas industriais vixentes.

Ademais, regúlanse as estacións de Inspección Técnica de Vehículos e os organismos autorizados para o control destes recipientes ou vehículos, a documentación e trámites administrativos a cumprir.

Normas de actuación en caso de avaría ou accidente.- Regúlanse as actuacións a realizar en caso de avaría ou accidente de vehículos que transporten mercadorías perigosas, tanto por parte da tripulación deste, como por parte dos órganos de intervención, os seus plans de actuación e os informes que se teñen que realizar aos diferentes órganos competentes en materia de control de tráfico e seguridade vial.

Operacións de carga e descarga

O Real Decreto desenvolve as normas de carga e descarga de forma xeral, é dicir, incluíndo calquera manobra independentemente do tipo de vehículo. Considera a información que se debe proporcionar para desenvolver estas manobras, a súa documentación, as operacións previas á carga ou a descarga, as operacións en si mesmas, a posibilidade de derivar responsabilidades, as operacións de carga en común e as limitacións existentes. Por último regula as operacións que se deben realizar unha vez rematada a carga ou descarga. Como novidades, clarifícanse as responsabilidades do cargador e do transportista en canto ás obrigas establecidas no ADR sobre a sinalización dos vultos e a dos vehículos.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais