Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
10/1/2018
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

O acoso a unha docente recoñecido como accidente laboral

Sentenza
Na sentenza o Xulgado do Social número 1 de Palencia recoñece como continxencia profesional a situación de baixa laboral dunha docente de Educación Secundaria causada polo acoso de varios alumnos, e condea aos demandados, a Consellería de Educación da Junta de Castilla y León, Ibermutuamur, o INSS e a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a satisfacer as prestacións que derivan da continxencia profesional.
Durante o primeiro trimestre do pasado curso escolar esta docente emitiu numerosos partes de incidencia sobre varios alumnos (un dos cales chegou a ser condeado polo Xulgado de Menores de Valladolid como autor dun delito leve de ameazas a esta docente). A traballadora iniciou o período de baixa laboral o 9 de xaneiro de 2017 cun diagnóstico de ansiedade, que deriva en fatiga, dificultade para concentrarse, irritabilidade, alteración do soño e medo a regresar ao posto de traballo. A Inspección Médica informouna sobre a posibilidade de acceder ao protocolo de actuación ante situacións de violencia no traballo se o requiría e a Xunta de Castila e León emitiu un parte interno de comunicación de accidente por «imposibilidade psicolóxica de afrontar tarefas docentes», solicitando á mutua Ibermutuamur que atendese á traballadora por accidente de traballo cando realizaba «tarefas de docencia». Con todo, o INSS acordou declarar «de carácter común o proceso de incapacidade temporal da traballadora» ao entender que non se apreciaba «unha conexión concluínte entre o diagnóstico de estado de ansiedade e o desempeño da súa actividade laboral». O Xulgado do Social de Palencia considera agora que «si existe parte de accidente de traballo» e que a Junta de Castilla y León, como empregadora, recoñece a situación de conflito no ámbito laboral por suposta existencia de situacións de violencia no traballo. Tamén tivo en conta o maxistrado o parte médico e toda a proba documental presentada pola demandante (partes de incidencia, denuncia ante a Fiscalía de Menores, testemuños dos compañeiros ratificando a conflitividade dalgúns alumnos).
    Con la financiación de/ Co financiamento de:
    DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais