Financiado por:
/ Riscos emerxentes 55

T+55 Apuntes para abordar unha avaliación de riscos

10-03-2016 - Traballadores/as maiores de 55.

O progresivo envellecemento da poboación traballadora supón un importante desafío en termos das necesarias políticas preventivas a desenvolver tanto no ámbito europeo, como no estatal e autonómico, mais aínda se acaso ao nivel das empresas. Un envellecemento consecuencia do progresivo deterioro psicofísico que se vai producindo co incremento da idade e que remata por supoñer unha diminución das capacidades psicosomáticas dos/as traballadores/as, limitando as súas posibilidades de adaptación ás condicións de traballo, así como mermando a súa capacidade de resposta ás esixencias e demandas das tarefas que até entón viñan desenvolvendo sen dificultade.

Para facer unha axeitada avaliación dos riscos aos que se ve sometido este colectivo de poboación traballadora, o pertinente é identificar e coñecer as súas características e necesidades específicas, para así poder dimensionar as medidas, as modificacións ou as adaptacións de posto necesarias capaces de asegurar unhas condicións de traballo axeitadas ás súas limitacións.

A avaliación de riscos laborais é un proceso orientado á identificación e estimación da magnitude dos riscos que non se poden evitar, e que en consecuencia requiren da adopción de medidas preventivas que os eliminen, os minimicen ou cando menos os controlen.

Independentemente do factor “variable individual” que, en moitos casos determina significativamente o alcance e incidencia dos riscos aos que está sometido un traballador/a en xeral e un/unha traballador/a maior de 55 anos en particular, o certo é que se pode e se deben estabelecer directrices xerais de actuación dirixidas a este colectivo.

No caso dos/as traballadores/as maiores de 55 anos, a avaliación de riscos debe ter moi en conta tanto os cambios ou limitacións fisiolóxicas como as psicolóxicas, en relación ás tarefas que estes desenvolven e os seus riscos asociados; a saber e entre outros:

RISCOS ERGONÓMICOS

Neste caso referímonos a aqueles riscos que se ven incrementados no desenvolvemento de certas tarefas, como consecuencia das limitacións musculoesqueléticas que se poden ir acentuando producto da idade do/a traballador/a: diminución da forza muscular, menor resistencia e movilidade articular; menor elasticidade e flexibilidade ligamentosa; transtornos diversos das costas, menor resistencia ao esforzo, etc.

As tarefas asociadas a estas limitacións físicas que implicarían un incremento significativo dos riscos serían entre outras aquelas que implicaran: Manipulación manual de cargas, sobreesforzos, movementos repetitivos, posturas forzadas,etc.

RISCOS PSICOFÍSICOS

Neste caso referímonos a aqueles riscos que se ven incrementados como consecuencia do deterioro psicofísico que progresivamente e de modo xeral vaise producindo nos/as traballadores/as maiores de 55 anos. A saber e entre outros: diminución das capacidades perceptivas, maiores dificultades para manter a atención e a concentración, maior tempo de reacción ante sucesos inesperados, ralentización dos tempos necesarios para a toma de decisións, menor resistencia ao estrés, etc .

Outras alteracións ou limitacións fisiolóxicas que van sobrevindo coa idade e que é moi necesario ter en conta para poñelas en relación coas tarefas que desenvolve o/a traballador/a, así como as condicións na que estas se realizan son: a diminución da capacidade visual en termos de precisión, alcance e enfoque; a diminución da capacidade para o cálculo das distancias; a diminución da capacidades de coordinación en xeral e de coordinación viso-manual en particular; pérda de capacidades auditivas; menor resistencia aos cambios térmicos; menor resistencia a certas enfermidades e unha recuperación destas máis lenta e gradual.

Se temos en conta estas circunstancias no seu conxunto, ao final determinan que si ben o tipo de tarefa, as súas esixencias psicofísicas e as condicións nas que estas se están a realizar, delimitan de modo xeral os riscos aos que se ve sometido un/unha traballador/a; no caso dos maiores de (T+55) a incidencia dos mesmos sofre en moitos casos un efecto multiplicador como consecuencia das características específicas deste colectivo.

Realizar unha avaliación de riscos que teña en conta aos traballadores/as maiores de 55 anos, pasa necesariamente por unha valiación posto a posto que nos permita determinar a través dos parámetros oportunos cales dos mesmos poden ser ocupados sen problemas por traballadores/as maiores de 55 anos. No caso de identificar “algún problema” para a ocupación do mesmo deberanse establecer as medidas correctoras de carácter preventivo co gallo de eliminar os riscos detectados, minimizalos e controlalos, ou no seu caso ter prevista unha modelización da adaptación do posto para que este poda ser ocupado por un T+55 cando sexa necesario.

En todos os casos é convinte proceder a identificar aqueles postos de traballo xa ocupados por traballadores/as maiores de 55 anos e ponderar a conveniencia de realizar unha reavaliación dos mesmos, especialmente se a través da vixilancia da saúde detectamos alguna doenza ou deterioro psicofísico do/a traballador/a.

Documentos

T+55 Apuntes para abordar unha avaliación de riscos.pdf
T+55 Apuntes para abordar una evaluación de riesgos.pdf
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS