Co financiamento de:
/ Recursos Técnicos

Ruído: Avaliación e acondicionamento ergonómico

15-10-2021 - INSST

Un dos principais obxectivos do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo ( INSST) é o desenvolvemento de instrumentos e metodoloxías adecuadas para facilitar a avaliación de riscos e a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde e seguridade dos traballadores e traballadoras. A presente publicación segue a liña doutras ferramentas prácticas editadas polo INSST deseñadas con este obxectivo. En concreto a avaliación do ruído e o seu acondicionamento ergonómico facilitará a identificación de necesidades de mellora e a adopción de medidas destinadas ao perfeccionamento das condicións acústicas nos lugares e postos de traballo, contribuíndo ao aumento do benestar e a produtividade das persoas traballadoras

O ruído é un dos axentes contaminantes máis habituais nos postos de traballo, é perigoso para a audición e a súa exposición prolongada, mesmo a niveis inferiores aos valores límite establecidos, pode producir outros efectos negativos na saúde. Adicionalmente, unha contorna ruidosa enmascara os sinais de alerta, dificulta a concentración e a atención e con iso fai que aumente o risco de accidentes.

O Real Decreto 286/2006, do 10 de marzo, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído é a normativa de referencia. Establece os valores de exposición e fixa uns valores inferiores de exposición que dan lugar a unha acción. O obxectivo principal destes valores é protexer dos efectos para a audición da exposición ao ruído.

Tanto a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais como o Real Decreto 486/1997, do 14 de abril, sobre as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, fan referencia a que as condicións ambientais non deben supoñer unha fonte de incomodidade ou molestia para o persoal. Pero esta normativa non ofrece valores de referencia, nin unha metodoloxía específica para proceder á identificación e avaliación do risco dende este punto de vista. Por iso, nestes casos, hase de recorrer a outros criterios técnicos como recomendacións e normas técnicas.

Os efectos da exposición laboral a ruído, ademais da deterioración da audición, comprenden dende “simples” molestias ata alteracións fisiolóxicas en diferentes órganos, non soamente no oído.

Tamén poden producirse distraccións, interferencias na comunicación ou alteracións psicolóxicas, diminución do rendemento e efectos no desempeño da tarefa. O ruído pode chegar a provocar un efecto de enmascaramento de sinais acústicos e alarmas, xerando condicións de traballo perigosas. Hai que destacar que todos estes efectos ademais teñen importantes consecuencias económicas e sociais.

Dado que se dedica unha importante cantidade de tempo ao traballo, a exposición ao ruído debería ser eliminada ou diminuída para así previr e evitar danos. É un erro considerar que o ruído é inherente ao desempeño da tarefa, aínda que a súa presenza sexa habitual. Hai solucións para controlar o ruído, empezando pola súa eliminación na orixe, e, de non ser isto posible, recorrendo a medidas de protección colectivas, como o illamento dos procesos ruidosos ou o tratamento acústico xeneral dos locais.

Para o adecuado control do ruído é precisa a colaboración dos diferentes integrantes da empresa: dirección, comité de seguridade e saúde, departamento de compras, mantemento, departamento de produción e procesos, servizo de prevención, delegados/ as de prevención e, obviamente, as persoas traballadoras. O éxito do control do ruído depende da implicación e compromiso activo de todos eles.

Con base nos coñecementos actuais e a normativa técnica relacionada desenvolveuse e actualizado o presente documento. Este ten a finalidade de axudar a identificar e previr as molestias e interferencias debidas ao ruído dentro da contorna de traballo.

Efectos do ruído

Efectos sobre a audición: Hipoacusia, Tinnitus... (RD 286/2006).

Efectos extra- auditivos:

-       Efectos fisiolóxicos, por exemplo aumento do ritmo cardíaco, vasoconstricción, aceleración do ritmo respiratorio, diminución da actividade cerebral.

-       Efectos psicolóxicos, por exemplo molestias, cansazo…

-       Efectos comportamentais, por exemplo variación do ritmo de traballo, evitación de tarefas, modificación de posturas.

Ligazón ao Cuestionario Ruído: Avaliación e acondicionamento ergonómico

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS