Como nos afecta o óxido de etileno22-09-2021 - SAÚDE LABORALEn prevención de riscos laborais, é necesario ter en conta que a exposición a certas substancias, como o óxido de etileno, pode poñer en perigo a saúde dos traballadores e traballadoras. Por iso é polo que se crean protocolos específicos para reducir esta exposición e os seus efectos. |
|---|
O óxido de etileno é un gas a temperatura e presión normais, soluble na auga e facilmente licuable a temperatura ambiente. Utilízase como produto de síntese e como axente de esterilización, e o seu uso remóntase ao ano 1928, cando se comezou a utilizar como fumigante. Durante a Segunda Guerra Mundial ensaiouse como descontaminante biolóxico do material de guerra e en 1962 empregouse por primeira vez para a esterilización do instrumental médico, un dos seus usos máis perigosos, demostrándose que é eficaz fronte a todos os microorganismos
En canto aos usos específicos deste gas, o óxido de etileno utilízase case exclusivamente na industria, como materia prima para a elaboración de produtos químicos orgánicos: etilenglicol, deterxentes non iónicos, fibras de poliéster, anticonxelantes, etc.
Outros usos son como antiemulsionante do petróleo, disolvente, propulsor de foguetes, así como a fumigación de certos materiais e como axente esterilizante do material médico-cirúrxico (sobre todo o termosensible, que non pode ser sometido a temperatura elevada) na industria e os centros de atención sanitaria, sendo este último uso, aínda que pouco importante dende o punto de vista cuantitativo sobre o total, o máis repartido xeograficamente debido á dispersión asistencial da sanidade, tal e como asegura o Ministerio de Sanidade.
Un factor importante é que a esterilización con este gas utilízase para todo o material que é sensible á calor: plástico, caucho ou mesmo certos metais. Ao analizar estes materiais atopouse que o óxido de etileno é retido por eles en grandes cantidades, polo que a exposición pode non só afectar ao persoal que traballa na unidade de esterilización, senón que, se a aireación non é correcta, tamén alcanza aos propios usuarios (pacientes, persoal de quirófanos, etc.).
En canto aos seus efectos sobre a saúde, o óxido de etileno é un irritante cutáneo e das mucosas, e o contacto directo co produto pode producir queimaduras químicas e reaccións alérxicas. Os riscos do óxido de etileno no ámbito industrial (perigos de explosión e incendios, queimaduras cutáneas, dermatites alérxicas), coñécense dende hai tempo. Na súa aplicación máis recente como axente esterilizador para instrumental médico, xoga un papel moi importante a exposición por inhalación.
A intoxicación aguda por óxido de etileno pode producir, segundo a intensidade da exposición, irritación nos ollos, nariz e garganta, problemas gastrointestinais ( náuseas, vómitos), neuralxias e cefaleas. Os síntomas aparecen despois dun período de latencia dalgunhas horas, non habendo sinais de alarma durante a exposición como podería ser tose e irritación das mucosas nasais. Iso si, en xeral, unha vez pasada a exposición, a recuperación efectúase sen ningún tipo de secuelas.
En caso de intoxicación crónica, segundo o Ministerio, as únicas manifestacións demostradas para o home son as neurolóxicas, describíndose casos de encefalopatía e de polineurite entre os traballadores/as que se ocupaban dun esterilizador defectuoso. Ao cesar a exposición prodúcese unha regresión progresiva dos síntomas, ata a curación total.
Fonte: prevencion- world