Co financiamento de:
/ Portada / Riscos específicos

A silicose mata: mutuas culpábeis, Xunta responsábel

07-02-2020 - SILICOSE

Varios centos de delegados/as da CIG percorreron o día 5 as rúas de Vigo no marco da campaña nacional posta en marcha pola federación da Construción para sensibilizar sobre o impacto da silicose sobre a saúde de milleiros de traballadores/as e denunciar a fraude á Seguridade Social que cometen as mutuas ao non recoñecer que se trata dunha enfermidade profesional.

A marcha arrincou precisamente da mutua MAZ, situada na avenida Camelias, ás 11:00 horas e rematou diante da delegación da Xunta arredor dunha hora despois. Pero xa ás 10:30 tivo lugar unha concentración ás portas de MAZ para denunciar o papel que xogan as mutuas nesta problemática ao negarse a recoñecer que a silicose é unha doenza provocada pola actividade profesional.

E rematou diante da Xunta para sinalar que a Administración mira cara a outro lado mentres se comete esta fraude á Seguridade Social, que ten que correr cos gastos derivados da atención aos doentes. “A silicose mata: mutuas culpábeis, Xunta responsábel” foi o berro que máis se escoitou no exterior do edificio autonómico. Durante o percorrido tamén se corearon consignas como “Queremos traballar e non enfermar” ou “Saúde laboral, dereito universal”.

O secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, que tomou a palabra ao remate da manifestación, denunciou os problemas físicos a que padecen moitos/as traballadores/as do sector da pedra, lousa, áridos e derivados como consecuencia da exposición prolongada ao po de sílice e lembrou que a CIG leva xa 20 anos loitando por mellorar as súas condicións laborais e demandando unha maior acción protectora por parte das Administracións.

En primeiro lugar, o recoñecemento desta enfermidade profesional que padecen no noso país cando menos uns 700 traballadores/as, que son os que foron diagnosticados/as nos últimos 10 anos polo Instituto Nacional de Silicose, con sede en Uviéu. Pero tamén establecendo coeficientes redutores da idade de xubilación e incrementando a saúde e seguridade laboral no sector.

Un caso recente

En canto ao papel que xogan as mutuas, Valencia detallou un caso recente do que a central tivo coñecemento. “Un traballador do Porriño foi facer un recoñecemento médico á mutua MAZ, que hoxe escollemos para mobilizarnos, e supostamente non lle detectaron nada; como se atopaba mal, meses despois foi ao Uviéu a facer as probas e diagnosticáronlle 3º grao de silicose, que é o estado máis grave e perigoso da enfermidade”.

Segundo criticou, isto sucede porque as mutuas seguen negándose a recoñecer que a silicose é unha enfermidade derivada da actividade profesional, xa que está provocada por inhalación de po, polo que é a Seguridade Social a que ten que soportar o custe da enfermidade. “Por iso dicimos que é unha fraude, porque son as mutuas as que teñen que abordar estes gastos”. Neste senso, lamentou que a Administración, “sendo coñecedora da situación”, non faga nada ao respecto.

Tamén comentou que a CIG leva anos asesorando a moitos/as afectados/as demandando que, no caso de ter 1º grao da enfermidade (o caso menos grave) se recoñeza a incapacidade laboral con prestación. A central logrou que o INSS modificase o criterio en 2015, xa que até o de entón negaba este recoñecemento.

Con todo, o cambio afecta unicamente os traballadores/as que na súa empresa non teñan un posto libre de po, polo que moitas persoas vense na obriga de seguir no sector. Por iso, a CIG continúa a reivindicar a incapacidade con prestación sen excepcións, como sucede no caso do 2º grao. Co 3º grao recoñécese a incapacidade absoluta, polo que a persoa afectada deixa de traballar. En definitiva, reclámase unha maior acción protectora por parte da Seguridade Social e que as mutuas cumpran coas súas obrigas para rematar con esta fraude.

Principais reivindicacións da CIG a respecto da silicose

-Maior axilidade no recoñecemento da doenza e dos graos que correspondan.

-Dotar a Galiza dun centro de referencia sobre a enfermidade, xa que o noso país concentra o maior número de persoas afectadas de todo o Estado español.

- Mellorar a aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación, e que todas as empresas do sector con presenza de po sílice teñan recoñecidos os coeficientes por decreto lei.

-Incrementar a seguridade e a saúde laboral no sector e ampliar o recoñecemento das enfermidades derivadas da silicose.

Ligazón á nova A silicose mata: mutuas culpábeis, Xunta responsábel na páxina web da CIG: www.cig.gal

 

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS