Financiado por:
/ Portada / Riscos específicos

O risco de xordeira nas profesións musicais

28-09-2021 - SAÚDE LABORAL

A exposición prolongada a sons fortes -Máis de 80 decibeis (dB)- pode, a longo prazo, provocar problemas de audición, como hipoacusia e mesmo xordeira. Entre as profesións que están no alto risco de danar os seus oídos atopamos a de músico, moi especialmente os que se dedican ao rock. Dende 2011 ter problemas de audición considérase unha enfermidade profesional entre as persoas que se dedican á música.

AG Bell International, organización que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con xordeira e con hipoacusia, realizou estudos audiolóxicos  a socios da Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) para concienciar sobre os problemas de audición entre os artistas. O seu obxectivo, ademais de localizar posibles problemas entre o colectivo, concienciar á sociedade sobre o impacto que ten a exposición a sons intensos, como a música a volume moi alto, na audición.

Desde 2011 ter problemas de audición considérase unha enfermidade profesional entre as persoas que se dedican á música. E había motivos dabondo para iso, pois todas as persoas expostas a sons intensos están en risco de padecer perda de audición, “os músicos se non se protexen, están moito tempo expostos a sons que superan os límites de intensidade tolerables, os 85 dB. En xeral, os músicos profesionais conviven a diario con altos niveis sonoros (entre os 80 dB e os 110 dB)”, comenta Andrea Cordeiro, audióloga de AG Bell International. Ademais, canto máis alto é o son, menor é o tempo de exposición que transcorre para resultar perigoso. Cando isto ocorre, a perda auditiva, aínda que pode empezar sendo leve, é progresiva e irreversible, “cando un oído é exposto a un son de suficiente intensidade este pode chegar a crear unha fatiga auditiva, podendo presentar por tanto unha perda transitoria do limiar auditivo que se recupera ao cabo dunhas horas. Cando este limiar non se recupera aparece unha diminución do limiar normalmente en 4000 Hz, creando un escotoma e, por tanto, un dano, permanente”, alerta.

Aínda que non hai datos moi precisos, calcúlase que en España hai sete millóns de persoas con problemas de audición, é dicir, case un 15% da poboación. Esta porcentaxe é superior no caso das persoas que se dedican á música, pois “segundo un estudo realizado polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, o 27,5% dos músicos profesionais ten dificultade para oír unha conversación normal e ao 34% dos músicos participantes no estudo detectáraselles unha perda auditiva na súa última revisión médica”.

Ser músico non é unha condena irremediable a perder audición, aínda que para que non ocorra, téñense que tomar unha serie de precaucións, como afastarse da fonte de son, reducir o tempo de exposición, diminuír o volume da fonte sonora e protexerse mediante a utilización de moldes e protectores acústicos, como tapóns moldeables, tapóns estándar con filtros pasivos, moldes a medida sen filtro e con filtros activos ou pasivos e cascos de protección auditiva. Tamén é aconsellable levar a cabo pequenas accións no seu día a día para coidar a súa saúde auditiva, como reducir os períodos de exposición mediante descansos en espazos silenciosos, aumentar a distancia entre os membros dunha banda, a procura de estratexias que permitan diminuír os niveis sonoros emitidos por determinados instrumentos ou non expoñerse a situacións con ruidos intensos fóra da súa actividade laboral.

A perda auditiva non é só cousa de músicos profesionais, senón que calquera persoa que se expoña regularmente a música ou outros sons moi altos tamén está en risco, “a exposición durante unhas horas a sons de 85 decibeis (dB), 14 minutos a 100 dB ou 2 minutos a 110 dB ocasiona problemas de audición permanentes”, se oímos a música da persoa que está ao noso lado con auriculares, ollo! está a escoitar a un volume demasiado alto e perigoso”, alerta Andrea Cordeiro.

A recomendación neste caso, “o uso de auriculares que teñan a entrada limitada de intensidade, que anulen os ruídos de fondo para que non sexa necesario subir tanto o volume, ou utilizar moldes a medida con incorporación do noso auricular que nos proporcionen un axuste perfecto no noso oído permitindo unha maior consciencia da intensidade sonora”.

Fonte: 20minutos.es

Ligazón ao documento do INSST “protexamos o oído musical nas orquestras sinfónicas”

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS