Financiado por:
/ Portada / Riscos específicos

Constitución de grupos técnicos de traballo no ámbito da na prevención de riscos laborais e na vixilancia da saúde relacionada coa silicose e o amianto.

17-04-2012 - ISSGA

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto galego de Seguridade e Saúde laboral (ISSGA), traballará conxuntamente con patronal e sindicatos na prevención de riscos laborais e na vixilancia da saúde relacionada coa silicose e o amianto. Con este obxectivo, véñense de constituír dous grupos técnicos de traballo neste materia, que xa realizaron a súa primeira xuntanza. Estes grupos creáronse trala encomenda realizada polo Consello galego de Seguridade e Saúde Laboral, ente de diálogo institucional, e órgano consultivo e asesor da Comunidade autónoma neste eido.

Nos grupos de traballo, están a participar técnicos da administración, das organizacións sindicais e das empresariais. O seu obxectivo é propiciar a colaboración de todas as partes en beneficio das condicións de traballo; asesorar ao Consello galego de Seguridade e Saúde Laboral nestes dous aspectos; e propoñer liñas de actuación e de asistencia ás empresas afectadas.

Na súa primeira xuntanza, o grupo técnico de amianto incidiu, entre outros aspectos, en potenciar actuacións que favorezan un mellor cumprimento da normativa; nunha maior sensibilización dos colectivos implicados; e en todas aquelas iniciativas dirixidas á correcta vixilancia da saúde tanto dos traballadores expostos na actualidade (nos traballos de desamiantado), como os que estiveron expostos no pasado, antes da prohibición deste mineral. Tamén se valorou o traballo desenvolvido polo ISSGA ata o momento, e fixéronse propostas de cara o futuro dirixidas á necesaria colaboración dos técnicos dos concellos de Galicia para detectar obras nas que pode haber risco de exposición a este contaminante.

Pola súa banda, o grupo técnico de silicose abordou fundamentalmente a problemática relacionada coa vixilancia da saúde dos traballadores expostos ao po de sílice, que debe ser levada a cabo seguindo o protocolo legalmente establecido a tal efecto co fin de detectar posibles danos a saúde derivados da exposición a este contaminante. Ao respecto, tamén trataron o cumprimento da normativa sobre a protección dos traballadores fronte a este material. Na xuntanza, avaliáronse tamén distintos estudos e plans sobre este contaminante.

Actuacións previas
A constitución destes grupos técnicos vén a complementar toda unha serie de actuacións que o ISSGA está a desenvolver neste ámbito.

En concreto, no que se refire ao amianto, o ISSGA xestiona o Rexistro de empresas con risco por Amianto (RERA), no que teñen que estar inscritas as empresas para poder manipular materiais que conteñan este contaminante. Actualmente, figuran neste rexistro un total de 279 empresas, das que o 45 por cento se inscribiron nos últimos dos anos.

Do mesmo xeito, nos últimos tempos tamén se incrementaron de xeito notable o número de plans de traballo tramitados –para traballar con este contaminante, as empresas deben presentar este documento- e de obras executadas. Así, en 2011 aprobáronse 317 plans, fronte aos 279 de 2010. Pola súa banda, as obras executadas comunicadas pasaron de 801 en 2010 a 933 o ano pasado.

A isto súmanse distintas campañas de carácter informativo dirixidas aos sectores que poden resultar máis afectados, ou ben que poden ter un papel importante na difusión da información.

En relación coa silicose, o plan de actividade anual do ISSGA inclúe un programa específico para a prevención de riscos por sílice que ten como obxectivo reducir a exposición dos traballadores, así como comprobar as condicións de traballo. Para conseguilo, os técnicos realizan visitas ás empresas, asesoran ás mesmas e realizan campañas informativas. En concreto, en 2011 realizáronse 85 visitas a empresas de Galicia que, no seu traballo, poden resultar afectadas por este contaminante. Isto compleméntase coa elaboración de estudos epidemiolóxicos neste tipo de empresas.

Amianto e po de sílice
O amianto e o po de sílice son dous contaminantes que poden ocasionar graves patoloxías nos traballadores expostos cando non se observan as correctas medidas de prevención e protección nas actividades laborais nas que poden estar presentes. Ademais, ambos compoñentes tamén teñen en común que as patoloxías nos afectados non se produce de inmediato, e poden pasar ata 40 anos ata que se presenta a enfermidade. No caso do amianto, as máis graves son a abestose ou o cancro de pulmón; e no caso do po de sílice, a silicose.

En Galicia, a principal exposición ao amianto foi no pasado, na construción naval, antes de que se prohibira o uso deste mineral; e no caso do po de sílice, nas actividades relacionadas coa extracción mineira e coa primeira transformación da pedra (granito e lousa).

 

Fonte: ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS