Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Xestionar a seguridade e a saúde laboral no sector sanitario garante unha mellor calidade dos servizos ao paciente

05-11-2014 - Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo

A Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA) publica un informe sobre os riscos actuais e emerxentes en materia de seguridade e saúde no traballo (SST) no sector sanitario. Un aspecto importante do informe é que se centra nun ámbito que estivera desatendido anteriormente: a asistencia domiciliaria e comunitaria.

O sector da asistencia sanitaria e social é un dos principais de Europa e dá emprego a aproximadamente o 10 % da poboación activa da UE -as mulleres representan o 77 % do persoal sanitario-. Trátase dun sector en rápida expansión, que ofrecerá crecentes oportunidades de emprego no futuro próximo debido ao envellecemento da poboación en Europa, o aumento e o desenvolvemento de servizos que satisfagan a demanda de coidados de maior calidade e a crecente demanda de servizos de atención persoal.

O persoal sanitario está exposto a unha ampla gama de riscos, debido tanto a que as contornas en que desempeña o seu labor son moi variadas e ás veces incontroladas, como á variedade e o tipo de actividades que realiza. Estes inclúen riscos biolóxicos e químicos (como infeccións debidas a lesións con agullas e a manipulación de sustancias perigosas); riscos ergonómicos derivados do trato cos pacientes; e riscos psicosociais como consecuencia de horarios intempestivos, un traballo extenuante desde o punto de vista emocional e a exposición a comportamentos agresivos.

Todo isto contribúe a que o sector dos servizos de asistencia social e sanitaria sexa un sector de alto risco. Aínda que os avances tecnolóxicos teñen axudado a reducir ou eliminar algúns dos riscos tradicionais deste sector, o número de enfermidades e accidentes laborais aínda segue sendo inaceptablemente alto. Ademais, estes avances tecnolóxicos traen consigo novos perigos aos que é preciso facer fronte.

Este informe achega unha visión xeral sobre os problemas actuais e emerxentes en materia de SST para o persoal de asistencia sanitaria e social e o modo en que estes afectan á súa seguridade e saúde no traballo e inflúen na calidade dos coidados proporcionados. Pon de relevo os retos que encara o sector, incluídos a escaseza de profesionais cualificados e con experiencia, o envellecemento da poboación activa, o crecente uso de tecnoloxías que requiren novas habilidades e a introdución de novas vías de asistencia para tratar enfermidades crónicas múltiples.

O feito de que a xente viva cada vez máis anos e isto aumente a necesidade de asistencia a longo prazo despraza o interese da contorna controlada de coidados hospitalarios intensivos cara á atención na comunidade e os domicilios dos pacientes. A atención domiciliaria desenvólvese nunha contorna de traballo especialmente complicado debido aos espazos de traballo reducidos, a falta de formación, o illamento no traballo, a supervisión escasa ou inexistente, así como a exposición aos mesmos perigos que se atopan, por exemplo, nos hospitais pero con medios insuficientes para controlar os riscos.

Ligazóns:

Informe completo


Resumo


Máis información sobre a SST no sector sanitario


Ebola virus disease – risk of exposure at work

Fonte: Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS