Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Sete mortas nun taller que cosía para Zara

30-01-2013 - SEGURIDADE

Un lume, este sábado en Dhaka (Bangladesh), custou a vida de sete mulleres traballadoras da confección, segundo denuncia a campaña Roupa Limpa e a ONG galega Amarante. Entre as empresas que subcontrataban á fábrica estaba a galega Inditex, de acordo á versión do grupo de presión.

"O domingo algúns activistas conseguiron entrar nas ruínas de 'Smart Exports' e atoparon as etiquetas que vinculan aos principais comerciantes minoristas europeos con esta última traxedia: Bershka and Lefties, as cales pertencen a Inditex, propietaria da coñecida marca Zara e ao comerciante minorista líder mundial de pezas de vestir; KIK Okay, pertencente á alemá KIK, e New Look, Scott e Fox, e Só Invest, todas marcas francesas", denuncian dende a Amarante Setem.

A empresa que dirixe Amancio Ortega reaccionou rápido á denuncia de Roupa Limpa. Un voceiro de Inditex confirmou a Efe que rachaba os seus contratos co proveedor Wonnover Bangladesh e o seu subcontratista Centex.

Ademais, Inditex alega que a fábrica era dunha empresa non autorizada para ser provedora súa. A firma de Ortega culpa aos seus provedores de desviar sen permiso a produción cara Smarts Exports.

Inditex reacciona moi rápido neste caso tras o escándalo que supuxo este inverno o incendio doutra fábrica no país do sudeste asiático. En inverno faleceron 124 persoas no icendio de Tarzeen Fashions. Segundo denunciou Roupa Limpa, naquela fábrica cosían para “El Corte Inglés” e outras firmas internacionais.

Os activistas denuncian que empresas como as españolas Zara (grupo Iditex) ou “El Corte inglés”, a sueca H&M, a francesa Carrefour, as estadounidenses Walmart, Gap ou o grupo PvH (Calvin Klein, Tommy Hilfiger), entre moitas outras marcas de moda moi coñecidas, producen a súa roupa nas "fábricas máis baratas e probablemente máis inseguras do mundo".

A industria de roupa de Bangladesh ten un arrepiante historial de "accidentes" que se cobrou a vida de case 700 persoas nos últimos 7 anos. "Todas as empresas anteriormente citadas se viron involucradas en accidentes mortais causados pola falta de seguridade nas fábricas onde se subministran", denuncia Roupa Limpa.

Só entre 2006 e 2009, 414 traballadores/as morreron segundo o corpo de bombeiros de Bangladesh. En 2010, polo menos 79 persoas morreron en 21 fábricas.

Inditex alega que todos os provedores firman un código de conduta que impide o traballo infantil, a explotación e asegura a seguridade dos talleres. Porén, o feito de que hoxe rachara os contratos con varios provedores ao fío do novo incendio confirma que hai erros nesta cadea de control.

Para Amarante, Setem Inditex non está facendo o suficiente. "Hai máis dun ano que levamos demandando a Inditex que asine o “Acordo Bangladesh Lume e Seguridade na Construción” (Bangladesh Fire and Building Safety Agreement) para tomar medidas urxentes ante esta situación que, xunto co traballo cos sindicatos locais e globais, poidan asegurar que os edificios se revisen e os traballadores poden informar libremente de riscos para a seguridade e outras violacións", láiase a ONG.

 

Fonte : Galicia Confidencial

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS