Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Reúnese por primeira vez a comisión mixta para o estudo da silicose creada no Ministerio de Traballo a instancias da CIG

18-02-2014 - Hixiene

Vén de celebrarse a primeira das xuntanzas da comisión específica para o estudo da silicose de primeira grao creada no Ministerio de Traballo a instancias da CIG. Segundo explican dende a central nacionalista, no encontro que tivo lugar en Madrid o pasado día 11 de febreiro “quedou patente tanto a situación destas persoas como a necesidade de reformar a Orde Ministerial de 1969 para buscarlle unha solución a esta problemática”.

Na comisión, que foi presidida pola directora xeral do INSS, están representados/as o persoal cualificado do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo, o de medicina laboral e o da inspección médica, ademais das organizacións sindicais e patronais. O seu principal obxectivo pasa por estudar e propor reformas encamiñadas a resolver a problemática actual das persoas afectadas por silicose de primeiro grao con causa no traballo, particularmente en canteiras de granito e lousa, graveiras, marmorerías, etc.

No primeiro encontro desta comisión quedou patente tanto a situación destas persoas como a necesidade de reformar a Orden Ministerial de 1969. Deste xeito, na vindeira xuntanza o INSS proporá unha fórmula concreta para solucionar “esta grave problemática que vén afectando aos traballadores/as do sector da pedra en Galiza, onde en 2012 se detectaron 65 dos 166 casos rexistrados polo Instituto Nacional de Silicose en todo o Estado español”.

Igualmente, a comisión abordará outras problemáticas concretas en relación cos efectos do amianto e a revisión do catálogo de enfermidades profesionais.

Dende a CIG-Construción lembran que até o de agora aos traballadores/as que padecen esta enfermidade non se lles recoñecía a incapacidade permanente, en función dunha orde ministerial que data de 1969. Sen embargo, “non poden atopar traballo na súa profesión porque, segundo a normativa vixente, as empresas non poden contratar a persoas que non superen os recoñecementos médicos imperativos”.

Esta contradición e colisión de normas impide que se aplique o disposto na Lei Xeral da Seguridade Social en canto ao recoñecemento da incapacidade permanente para o seu traballo habitual, o que está a ser resolvido pola xudicatura atendendo á situación real desas persoas que son despedidas por “ineptitude sobrevida”, sen posibilidade algunha de atopar traballo na súa profesión e sen que se lles recoñeza a incapacidade permanente.

Diante disto, a central nacionalista propón o recoñecemento da enfermidade profesional como causa de incapacidade permanente, evitando así a proliferación de recursos individuais.

Fonte: www.galizacig.com/avantar

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS