Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Plan de prevención de riscos na carreira xudicial

29-04-2015 - XESTIÓN PREVENCIÓN

Cando se fan 20 anos da aprobación da LPRL, asínase o primeiro Plan de prevención de riscos laborais para a carreira xudicial estatal. Asinado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e as asociacións xudiciais, recolle características da actividade xudicial como por exemplo que a actividade non está sometida a horario concreto, que o número de asuntos repartidos a cada órgano xudicial non está sometido a limitación, as restricións que estabelecen os prazos que deben ser atendidos ou os riscos psicosociais.

No Plan estabelécese que “Consello Xeral do Poder Xudicial regulará a carga de traballo a efectos de saúde laboral”; entre as actuacións previstas figura incluír nos plans de formación técnicas para o afrontamento do estrés e os riscos psicosociais. Así mesmo, dentro da vixilancia da saúde, os xuíces e maxistrados terán a posibilidade de realizar un exame de saúde que incluirá a valoración da carga mental mediante unha enquisa específica que se estrutura en sete apartados: información persoal, factores persoais, esixencias do posto, organización do traballo, sintomatoloxía, incapacidade laboral e satisfacción persoal no traballo.

O Plan inclúe protocolos para garantir a protección dos/as traballadores/as en situacións de risco (como tratamentos de enfermidades) ou especial sensibilidade, así como situación de embarazo, parto recente ou lactancia.

Este Plan está dirixido a uns 5.500 xuíces e maxistrados distribuídos en diferentes sedes xudiciais, especificadas no Plan, incluíndo xuíces en prácticas, substitutos e maxistrados suplentes. O Plan prevé políticas especiais de prevención para Xuíces de Adscripción Territorial e de reforzo.

Así mesmo, a Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial aprobou o “Protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, ao acoso por razón de sexo, ao acoso discriminatorio e ao acoso e a violencia na Carreira Xudicial”. Este protocolo aplicarase na súa integridade cando a presunta vítima e o presunto agresor sexan xuíces ou xuízas; nos casos nos que un deles non sexa membro da carreira xudicial aplicarase en conxunción coas medidas estabelecidas no protocolo da administración pública á que pertenza a outra persoa. No documento créase a figura do “asesor/a confidencial”, que tramitará as queixas e orientará ás vítimas; terá deber de secreto e non poderá ser chamado a declarar no caso de que se siga un expediente disciplinario. Designaranse asesores/as confidenciais a través dun concurso público ao que optarán xuíces/as titulares en activo.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS