Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Os camioneiros conducen con somnolencia un cuarto da súa xornada

26-06-2013 - SEGURIDADE

Máis do 83 por cento dos camioneiros conduce algunha vez baixo os efectos da somnolencia e a maioría deles faino todos os días case dúas horas nesta situación, o que supón unha cuarta parte da súa xornada laboral, establecida en oito horas. A somnolencia e o cansazo supoñen a terceira causa de accidentes no Estado español, por enriba do alcohol, segundo datos estatísticos. Destaca, ao mesmo tempo, que na UE o 25 por cento dos accidentes están relacionados coa fatiga ou a somnolencia, mentres que un 40 por cento dos accidentes mortais nas autoestradas de EUA se producen por esta causa.

Así despréndese do "Estudo sobre a influencia do horario laboral na saúde dos condutores", editado pola Federación Rexional de Organizacións Empresariais de Transporte de Murcia (Froet) e a Confederación Rexional de Organizacións Empresariais da Rexión de Murcia (Croem) para coñecer os períodos no que os condutores de camións de longa distancia permaneceron conducindo baixo os efectos da somnolencia fisiolóxica.

“Trátase dun estudo pioneiro a nivel mundial, no sentido de que analiza dende distintos puntos de vista e durante un período prolongado de tempo a degradación do sistema circadiano” (conxunto de elementos que controlan os ritmos biolóxicos) segundo explicou o director do Departamento de Prevención de Riscos Laborais de Croem, Pedro Guerrero.

Destaca o feito de que anteriormente "non" había xeito de poder medir fisicamente que estaba a pasar cos camioneiros e se monitorizou para saber o que lles acontecía, permitindo así observar cando o suxeito ten sono", subliñou Juan Antonio Sarabia, da empresa Cronobiotech que, xunto a Inforges Formación e Multimedia foron os autores deste estudo, que contou coa participación de 12 empresas de transporte de mercadorías por estrada da Rexión.

Para a súa elaboración, desenvolvida de xuño a decembro de 2012 durante dúas semanas consecutivas, participaron 110 condutores, dos que catro eran mulleres. A información proporcionada polos tacógrafos dixitais permitiu revelar que "se trata dun dos colectivos de traballadores a quendas que presentan un horario máis irregular".

O secretario xeral de Froet, Manuel Pérezcarro, precisou que a novidade do estudo tamén reside no feito de que "aos condutores se lles colocou un dispositivo no pulso durante dúas semanas para controlar cales eran as respostas á súa situación en función do que facían".

Con este aparato, similar a un reloxo de pulseira, recolléronse as variables fisiolóxicas dos condutores durante as 24 horas do día e mediante un sensor colocado na cabina do camión recolléronse e analizaron datos da luz e a temperatura ambiente.

Estes datos cruzáronse cos rexistrados polo tacógrafo dixital do que van provistos estes vehículos, o que permitiu saber que actividade realizaba o condutor en cada momento (hábitos de condución, de sono e ritmos fisiolóxicos).

Ao fío, fixo referencia ao "padecemento que sofren os condutores das empresas pola aplicación do regulamento que regula os tempos de condución e descanso".

E é que, manifestou, "o sometemento a un horario administrativo que non ten nada que ver co ritmo biolóxico de condutores nos leva a pensar que non é o máis axeitado a regulación que existe a nivel europeo para a saúde e seguridade dos condutores".

"Prodúcese o paradoxo de que cando a persoa ten a necesidade de durmir ten que conducir porque non cumpre o horario e cando ten que descansar non ten sono, xa que o horario biolóxico non vai de acordo co horario de traballo que nese momento se leva a cabo”, indica.

En virtude deste estudo, púidose establecer que existe unha "degradación" do sistema circadiano relacionada con trastornos nos patróns de sono (somnolencia diúrna, insomnio e problemas metabólicos como obesidade, diabetes e síndrome metabólica).

Á luz dos resultados obtidos, Pérezcarro demandou "unha maior flexibilidade da lexislación en canto a horarios de traballo no transporte por estrada", xa que, deste modo, "se permitiría mellorar tanto a seguridade diminuíndo períodos de somnolencia, como mellorar a percepción dos propios traballadores, xa que mellorarían os períodos de descanso”.

Nesta liña, Pérezcarro anunciou que ten previsto reunirse cos deputados europeos do PP e PSOE para darlle traslado deste estudo e así influír en Bruxelas e fáganse cambios na lexislación" neste sentido.

Tamén acudirán ao presidente murciano, Ramón Luis Valcárcel, aproveitándose da súa condición do presidente do Comité das Rexións (CdR), á Dirección Xeral de Transportes do Ministerio de Fomento e autoridades de Tráfico.

O obxectivo, dixo, é que este estudo "chegue a Bruxelas para que a lexislación se poida cambiar, porque non podemos soportar unha lexislación que é absurda".

 

Fonte de Datos: granadadigital.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS