Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

O Parlamento galego insta a que as fábricas textiles respecten os dereitos humanos

04-06-2013 - RSE

A cámara galega aprobou este martes por unanimidade de todos os grupos unha declaración institucional que lles esixe "ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos ás factorías téxtiles en Bangladesh e outros países que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social".

O texto inscríbese no marco das recomendacións das campañas de roupa limpa, que dende hai anos pelexan para que as empresas téxtiles no surleste asiático e noutras zonas do planeta repecten as normas mínimas de seguridade e os dereitos laborais e humanos das súas traballadoras e traballadores.

O texto lembra que Bangladesh rexistrou nos últimos meses graves accidentes relacionados coa industria téxtil. Todos cun elevado número de vítimas: 112 mortas e mortos en novembro de 2012, sete en xaneiro deste ano, máis dun milleiro no derrubamento da fábrica Ra Plaza en abril e aínda, o día oito deste mes de maio, sete persoas en Dacca. A declaración afirma que "non se trata de acontecementos puntuais, senón que se repiten con demasiada frecuencia. Nos últimos anos hai documentadas, polo menos, 1.800 mortes neste tipo de incidentes, debidos á falta de medidas de seguridade nas fábricas. É dicir, a cobiza sen límites e a explotación do ser humano provocan catástrofes que poderían, doadamente, ser previstas e evitadas".

E lembra que “estas factorías accidentadas confeccionaban roupa para as grandes marcas europeas”. De feito, o Parlamento Europeo adoptou a resolución 2012/2908 (RSP) sobre as vítimas en incendios de fábricas téxtiles, na que insta ao Goberno de Bangladesh e ás empresas que contratan ou subcontratan con estas compañías a resolver esta terrible situación".

O Parlamento de Galiza expresou  "o seu pesar pola perda de vidas humanas nos accidentes en fábricas da confección téxtil" e esíxelle ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos ás factorías téxtiles en Bangladesh e outros países "que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social e garantan que os seus produtos se elaboren respectando normas de seguridade e co cumprimento estrito dos dereitos humanos".

A Cámara galega aconsella, como recolle o texto adoptado polo Parlamento Europeo, que todas as empresas transnacionais radicadas en Galiza ou que teñen actividade comercial no noso país asinen o Acordo de Seguridade e Incendios nas Fábricas de Bangladesh. Este documento compromete a sindicatos internacionais, sindicatos locais, ONGs e empresas a estabelecer medidas de seguridade nas fábricas con mecanismos de inspección independente, a promover a transparencia sobre provedores e fábricas subcontratadas polas empresas participantes, á revisión e mellora da lexislación en materia de seguridade, e ao asesoramento para autoridades en seguridade nas fábricas.

 

Praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS