Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

O Estado xaponés, condenado por non esixir a aplicación de medidas preventivas nos lugares de traballo onde se usaba amianto nos anos cincuenta do século XX

04-11-2014 - Amianto

Nunha sentenza histórica, o Tribunal Supremo do Xapón fallou por primeira vez que o goberno foi responsable de non impedir que os traballadores estivesen expostos ao amianto, ao non esixir a aplicación de medidas preventivas, e obríga a compensar aos demandantes con 330 millóns de yenes.

O  tribunal ditou resolucións equivalentes en dúas demandas presentadas por ex traballadores,  e as súas familias, dunha fábrica de tecido de amianto situada na cidade de Sennan, o sur da prefectura de Osaka. Os traballadores víronse afectados por cancros de pulmón e outras enfermidades relacionadas coa inhalación de amianto.

Espérase que a decisión afectará a xuízos similares pendentes en todo o país e ás medidas do goberno para auxiliar ás vítimas do amianto.

En total os demandantes reclamaron 1.200 millóns de yenes como compensación nas dúas demandas xa falladas; os demandantes foron 89 afectados polo amianto, algúns dos cales xa morreron. O fallo recoñece o dereito a ser indemnizados a 55 deles.

Os demandantes argüiron que o Estado non ditara a obrigación de adoptar medidas preventivas a pesar de que a toxicidade do amianto era ben coñecida desde finais dos anos 50 do século pasado. Non foi até 1971 que o Estado dispuxo a instalación de ventilación nos lugares de traballo onde se usaba amianto.

Nun dos dous preitos o Tribunal Superior de Osaka rexeitou as pretensións dos demandantes en agosto de 2011, anulando unha decisión do tribunal de Distrito de Osaka que en maio de 2010 considerara ao goberno responsable da exposición ao amianto.
No outro xuízo, o Tribunal Superior de Osaka sostivo que o goberno era responsable da exposición ao amianto en decembro de 2013, confirmando a decisión de tribunal  de Distrito en marzo de 2012.

Os demandantes alegaran que o goberno atrasou a aplicación de medidas anti-amianto, contribuíndo así a que os antigos traballadores desenvolvesen enfermidades causadas polo amianto.

Fonte: Japanatimes e Mainichi.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS