Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

O Estado español enfróntase a unha multa de Europa por non respectar a seguridade laboral da Garda Civil

22-11-2013 - SAÚDE LABORAL

Ao Goberno do PP tócalle responder ante o Tribunal de Xustiza Europeo, nun xuízo no que a propia Comisión Europea actúa como acusación, porque non cumpriu a súa orde de habilitar unhas oficinas de atención de riscos laborais competentes que atendan á Garda Civil.

Segundo a Asociación Unificada da Garda Civil (AUGC), que foi quen elevou a denuncia en primeiro termo á Comisión, o Estado español recoñeceu que incumpriu a devandita directiva europea e, polo tanto, haberá de enfrontarse a unha sanción que impoñerá o Tribunal cando resolva o caso. Segundo os propios servizos xurídicos da AUGC, atendendo a precedentes que se deron noutros países, a multa podería elevarse ata os 20 millóns de euros, ademais das sobrecargas de sanción por cada mes que España non cumprise a orde europea.

Durante anos, nin o Goberno do PSOE nin o do PP atenderon ás reiteradas protestas da AUGC pedindo unha regulación sobre os riscos laborais. En 2006 foi a propia Comisión a que actuou de oficio e abriu o caso, tras decatarse que no Estado español non había normativa algunha ao respecto no corpo. Entón, abriron un expediente, o Tribunal resolveu ao seu favor e deu a orde expresa ao Estado de que tomase as medidas necesarias para solucionar esta situación.

Pero o Goberno non obedeceu. A AUGC seguiu insistindo a través de Europa e, finalmente, en setembro de 2012 requiriuse ao Estado español para crear as oficinas. A Garda Civil anunciou as vacantes en xaneiro e en marzo empezaron a funcionar, explica Nemiña. Non obstante, algunha delas, non o facía conforme ao Real Decreto que regula os servizos de prevención que establece que terán dedicación exclusiva, sendo utilizados para outros fins. Por esta razón, a AUGC presento denuncia ante Inspeccion de servizos de Secretaria de Estado, que non reaccionou, e informou a Comisión Europea. Non deu máis prazos para o Estado español.

Segundo destaca un comunicado da propia Comisión, datado o pasado 17 de outubro, "decidiu levar o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da UE por non aplicar plenamente aos membros da Garda Civil a Directiva da UE que establece normas básicas de protección da saúde e seguridade dos traballadores". Desta forma, "considera que o Estado español non asegurou axeitadamente o nomeamento de persoal cualificado para comprobar que se poñen en marcha medidas de protección da saúde e da seguridade en todos os lugares de traballo da Garda Civil. Isto constitúe unha infracción do artigo 7 da Directiva 89/391/CEE, que obriga ao empresario a designar persoal e tomar as disposicións necesarias para que poidan levarse a cabo accións de prevención e protección, como as avaliacións de riscos".

O mesmo comunicado recolle que as autoridades españolas recoñeceron que, "nalgúns lugares de traballo da Garda Civil, as obrigatorias avaliacións de riscos non se levaron a cabo, por falta de persoal cualificado e de equipamento axeitado". Polo incumprimento de todos os regulamentos que supón, "a Comisión decidiu levar a España ante o Tribunal".

Non se pode alegar nin descoñecemento, nin falta de presuposto ou de tempo para acometer o cumprimento da normativa europea" explica a AUGC no xornal dixital El Faro. "A condena do Tribunal de Xustiza Europeo está datada en 2006. Sete anos para que o Goberno do Estado español dese cumprimento rigoroso á directriz da Unión Europea. Ese ano o Tribunal de Xustiza Europeo condenou ao Estado español por incumprimento da Directiva de Seguridade e Hixiene Laboral na Garda Civil, pero en todos estes anos, nin o anterior Executivo socialista, nin o actual do Partido Popular, encontraron o momento oportuno para adaptar a esta normativa de obrigado cumprimento para os países membros da Unión Europea". E engaden: "Este desleixo obrigaranos, agora, a todos os españois, vía impostos, a sufragar a sanción económica que con toda seguridade nos impoñerá o Tribunal".

Esta non é a única ocasión que a AUGC recorreu ao Tribunal Europeo. A última foi en febreiro deste mesmo ano, cando denunciaron o traballo por quendas. A OIT declarou hai anos que a quenda de noite é nocivo e, en consecuencia, os traballadores que o fagan han de ter como beneficio unha redución dos horarios totais. Así acontece cos axentes da Policía Nacional, que traballan 142 horas ao mes grazas aos índices correctores. Non obstante, estes mesmos índices non se aplican aos gardas civís, que traballan 166 horas mensuais. Desta forma, por cada nove anos que traballa un policía, un garda civil traballa dez. A denuncia xa está presentada e a Comisión está a investigar o caso.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS