Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Izar debe pagar 240.000 euros á familia dun falecido por amianto

22-05-2013 - AMIANTO

Dúas novas sentenzas dos xulgados do Social de Ferrol veñen a dar a razón a vítimas do amianto.

A primeira corresponde á demanda da. G. S., de 78 anos e antigo soldador de Bazán (logo Izar e actualmente Navantia) que sofre placas pleurais calcificadas e como consecuencia restrición respiratoria.

O fallo fíxalle o pagamento dunha cantidade de 24.000 euros por danos e prexuízos, dado que, entende o xuíz, o estaleiro non tomou as medidas necesarias para impedir que os seus empregados se contaminaran con fibras de asbesto (amianto) e as consecuencias as sufran anos despois, como lle acontece a este soldador.

Os avogados de Navantia veñen sostendo que si cumprían coas normativa en materia de seguridade laboral en cada momento, se ben os xulgados locais non o ven así.

A segunda das sentenzas coñecidas a pasada semana é a máis importante pola contía indemnizatoria.

O xuíz a fixa en 240.000 euros a pagar á familia de C. C. C., do gremio de electricistas do estaleiro, falecido como consecuencia dun adenocarcinoma de pulmón causado polo amianto. Trátase do cancro máis perigoso dos causados por este material.

O fallo establece unha relación entre o contacto co amianto do traballador durante o seu período de vida laboral activa no estaleiro e a causa do seu falecemento. Dos dous asuntos ocupouse o letrado de Agavida Víctor López Casal.

Cabe recurso

Aínda que ambas as dúas sentenzas poden ser recorridas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e logo, nalgúns casos, tamén ante o Tribunal Supremo.

O presidente de Agavida, Ramón Tojeiro, ante estas dúas novas sentenzas que se suman ás outras oito no que vai de ano, explicou que a asociación de afectados non pretende conseguir só indemnizacións para os enfermos ou familias dos falecidos. Quere, como xa anunciou, que «tanta morte debe ser castigada co cárcere para os responsables, non nos importan as indemnizacións, queremos cárcere para os culpables».

Por iso están pendentes dunha entrevista co fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, para abordar a acción penal en contra de «os culpables».

 

Fonte: lavozdegalicia.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS