Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Increméntanse un 18% os accidentes mortais no Estado español no sector agropecuario con 84 vítimas en 2018

10-05-2019 - SINISTRALIDADE

O sector agrario, silvícola e pesqueiro rexistrou durante 2018 no Estado español un total de 36.818 accidentes laborais con baixa, un 0,53% menos que en 2017 (37.016), pero cun aumento do número de accidentes mortais, que creceu un 18%, ao pasar dende 72 ata 84 persoas, ás que hai que sumar unha máis en zonas pesqueiras -non a bordo dun barco- e acuícolas.

Cabe destacar que estas estatísticas non afectan aos accidentes mortais ocorridos no campo fóra da actividade laboral ou por persoas xubiladas, cuxa cifra provocou que se puxera en marcha unha campaña de prevención en Galiza.

Así se desprende do último informe anual de Accidentes de Traballo elaborado polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social no que se precisa que dos 85 accidentes mortais (72 en 2017), 72 foron durante a xornada (64 un ano antes) e 13 de camiño ao traballo ou in  itinere (8 en 2017).

O informe detalla que 16 das vítimas mortais estaban a traballar nese momento en cultivos de chan, outras 16 en zonas forestais, dez en lugares de cría de animais, dez en cultivos de árbores e arbustos, seis en xardíns, parques e parques  zoológicos e unha no sector pesqueiro.

Do total de accidentes durante a xornada de traballo (34.727 en 2018), 34.193 foron de carácter leve e 462 graves;  in  itinere (2.091 en 2018), as cifras foron de 2.032 e 46, respectivamente.

Nas actividades de “agricultura, gandería, caza e servizos relacionados coas mesmas”, os accidentes en xornada laboral alcanzaron a cifra de 29.473 durante o pasado exercicio, dos que 20.074 foron leves, 348 graves e 51 mortais.

Os accidentes do sector agropecuario producidos de camiño ao traballo situáronse en 1.936, dos que 1.884 foron leves, 39 graves e 13 mortais.

Na categoría de “silvicultura e explotación forestal”, Traballo rexistrou 2.921 accidentes en xornada -2.871 leves, 44 graves e 6 mortais- e 89  in  itinere -86 leves e tres graves-, segundo o informe.

A comunidade autónoma con máis baixas laborais por accidente en xornada foi Andalucía (11.469), seguida de Comunidade Valenciana (3.793), Rexión de Murcia (3.676), Estremadura (2,454), Castela-A Mancha (2.451), Galiza (2.309), Castela e León (1.810), Cataluña (1.789), Aragón (1.179), Canarias (1.075) e País Vasco (516), para finalizar con Navarra (491), Baleares (364), A Rioxa (290), Cantabria (282), Madrid (272) e Ceuta (4). Por provincias, Huelva (2.656) é a que aparece en primeiro lugar en canto a accidentes con baixa no campo e o mar, seguida de Sevilla (2.265), Valencia (2.067), Badaxoz (1.781), Córdoba (1.654), Almería (1.536) e Xaén (1.352).

Fonte:  Agroinformación

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS