Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Incendio en fábrica de Paquistán pon de manifesto a falta de medidas de seguridade no lugar de traballo

14-09-2012 - SEGURIDADE

Preto de tres centenares de persoas morreron nun incendio que arrasou o pasado día 12 de setembro unha fábrica de material téxtil na cidade de Karachi, no sur de Paquistán, nun dos peores sinistros da historia do país surasiático.

As ínfimas condicións laborais e de seguridade nas que operan os miles de fábricas téxtiles do país serviron para converter o incendio nunha catástrofe.

Segundo diversos medios, no inmoble, duns 2.000 metros cadrados de superficie, traballaban amoreadas entre 1.500 e 2.000 persoas, entre elas varios menores, e non había practicamente ningunha medida básica contra incendios.


Conforme ao relato dos bombeiros, o xerador curtocircuitado serviu de tapón para a saída dos traballadores, moitos dos cales estaban nun soto ao cal só se podía acceder por unha pequena porta que quedou deseguida bloqueada. A maioría de obreiros lograron fuxir antes de que o inmoble quedase totalmente envolvido polas chamas, e moitos fixérono saltando polas ventás, polo que os equipos sanitarios tiveron que atender decenas de persoas con pernas fracturadas.


Aínda que non adoitan alcanzar magnitudes como as deste incendio, os sinistros deste tipo son relativamente frecuentes no país debido sobre todo á precariedade coa que se traballa no sector téxtil, un dos motores da economía nacional. Paquistán atravesa ademais unha grave crise enerxética, con continuos cortes na subministración eléctrica que obrigan os empresarios a depender de xeradores de gasóleo para non interromper a produción, o cal aumenta os riscos para os traballadores.

Tras esta traxedia, a Organización Internacional do Traballo (OIT) expresou a necesidade dunha acción a escala nacional para protexer a saúde e seguridade dos traballadores. Seiji Machida, Director do Programa SafeWork da OIT, destacou a necesidade dunha acción concreta co fin de previr este tipo de traxedias.



"A noticia do falecemento de máis de 200 traballadores no incendio dunha fábrica hai conmocionounos profundamente. A protección da seguridade e saúde dos traballadores é un dereito humano. Necesitamos fortalecer as medidas dirixidas a protexer a vida dos traballadores no lugar de traballo. Quixeramos facer un chamamento a favor dunha acción nacional co fin de mellorar a protección de todos os traballadores", declarou Seiji Machida.



De acordo coa información dos medios, moitas vítimas quedaron atrapadas nun soto sen saídas de emerxencia e coas portas bloqueadas. A maioría morreu sufocada cando o fume invadiu o soto. Outros traballadores nos pisos máis altos correron cara ás ventás para escapar pero tiveron que forcexar para saír debido ás barras de ferro que obstaculizaban o paso.

Algunhas horas antes, polo menos 25 persoas morreran nunha fábrica de zapatos na cidade paquistaní de Lahore.

Traxedias como esta, dixo Machida, son demasiado comúns na rexión. En 1993, 188 traballadores, a maioría mulleres, morreron nunha fábrica de xoguetes en Thailandia.

"Case 20 anos despois da traxedia de Thailandia, seguimos presenciando desastres similares. O risco de mortes ou lesións por incendios no lugar de traballo segue sendo un tema importante. Quixera facer un chamado a favor do fortalecemento de medidas legais e doutras medidas que apoien a seguridade e a saúde no traballo en todos os países, en particular nos países en desenvolvemento. Facemos un chamado á acción para recoñecer que Traballo Decente debe ser traballo seguro para todos. "

A oficina da OIT en Paquistán agregou: "Destacamos a importancia do Traballo Seguro en Paquistán nos foros organizados co goberno, os empregadores e os traballadores, e promovemos un réxime de inspección laboral que protexa aos traballadores".



Fontes: público.es, OIT

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS