Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

Construción: perigo nanomateriais

16-12-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 41

Polo seu interese procedemos a expoñer unha escolma do Documento Técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (INSSL): “Riscos derivados da exposición a nanomateriais no sector da construción”, coa intención de informar e sensibilizar sobre os importantes riscos asociados á cada vez maior utilización destes produtos, de moitos dos cales se descoñecen os seus efectos e nivel de perigosidade para a saúde.

                                                                             VISUALIZACIÓN FORMATO BOLETÍN

 

 

RISCOS DERIVADOS DA EXPOSICIÓN A NANO-MATERIAIS NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN

PRESENTACIÓN

As extraordinarias propiedades químicas e físicas que presentan os nanomateriais están a dar lugar a un incremento das súas aplicacións nos distintos sectores e actividades económicas, xa que achegan novas características de funcionalidade e melloran a calidade dos produtos empregados. A pesar do incremento no desenvolvemento de novos nanomateriais e aínda que nos últimos anos está a aumentar o número de estudos que poñen de manifesto os perigos que este tipo de materiais poden supoñer para a saúde humana, actualmente descoñécese o alcance dos riscos que poden presentar para a saúde humana e ambiental.

Aínda que actualmente non se dispón de suficiente información sobre os mecanismos de toxicidade para a maioría dos nanomateriais, pódese considerar que o principal mecanismo é a indución do estrés oxidativo, mediante a xeración de radicais libres e peróxidos que alteran o estado normal rédox (equilibrio químico que se dá nunha reacción de redución-oxidación), producindo un dano nos compoñentes das células, as proteínas, os lípidos e o ADN.

Ademais do perigo intrínseco, o risco está evidentemente asociado ao nivel de exposición aos nanomateriais. O risco será máis importante nas operacións nas que os nanomateriais poidan ser inhalados, por exemplo, cando forman parte do po producido nas tarefas mecánicas.

“O risco será máis importante nas operacións nas que os nanomateriais poidan ser inhalados por exemplo, cando forman parte do po producido nas tarefas mecánicas”.

A pesar de que existen estudos sobre a toxicidade e exposición a nanomateriais, o coñecemento dos seus efectos sobre a saúde humana é limitado, e evoluciona co progreso técnico, o que implica asumir a incerteza sobre as consecuencias reais que poden causar sobre os traballadores expostos.

“O coñecemento sobre a toxicidade dos nanomateriais e os seus efectos sobre a saúde humana é limitado, o que implica asumir a incerteza sobre as consecuencias reais que poden causar sobre as persoas traballadoras expostas.”

INTRODUCIÓN AO SECTOR

O sector da construción asociouse tradicionalmente a un elevado risco de accidentes laborais; con todo, os traballadores do sector tamén están expostos a unha ampla variedade de axentes físicos e químicos na maioría das fases do proceso construtivo que poden supoñer importantes riscos para a súa saúde. Actualmente moitos destes axentes químicos aos que están expostos os traballadores da construción, proceden de produtos novos ou novos materiais que aportan melloras nas características de determinados elementos ou operacións construtivas, tendo cada vez unha maior utilización neste sector. Neste senso, nos últimos anos, a presenza de nanomateriais manufacturados no sector da construción incrementouse de forma moi significativa en numerosos elementos e procesos, xa que presentan calidades e comportamentos diferentes aos dos materiais tradicionalmente utilizados no sector, achegando unha mellora significativa aos mesmos. Por este motivo, investigación e desenvolvemento de novos materiais en construción van ligados á incorporación de nanomateriais que achegan unha maior eficiencia enerxética, sustentabilidade, illamento térmico, etc., polo que se prevé que a súa aplicación no futuro sexa moi notable. Un dos problemas que conleva a utilización de nanomateriais en produtos que van ser utilizados neste sector é o escaso coñecemento por parte dos contratistas, os subcontratistas e os representantes dos traballadores do uso dos mesmos nas súas empresas.

“Un dos problemas que conleva a utilización de nanomateriais en produtos que van ser utilizados neste sector é o escaso coñecemento por parte dos contratistas, os subcontratistas e os representantes dos traballadores do uso dos mesmos nas súas empresas”.

Unha enquisa realizada no ano 2009 pola Federación Europea da Industria da Construción (FIEC) e pola Federación Europea de Traballadores da Construción e da Madeira (EFBWW) desvelou que un 71% dos empresarios e un 80% dos representantes dos traballadores descoñece que os produtos e materiais que utilizan nas súas empresas conteñen  nanomateriais e, por tanto, non se teñen en conta na avaliación de riscos nin na planificación das medidas preventivas, quedando desprotexidos os traballadores fronte a estes riscos.

“O 71% dos empresarios e un 80% dos representantes dos traballadores descoñece que os produtos e materiais que utilizan nas súas empresas conteñen  nanomateriais e, por tanto, non se teñen en conta na avaliación de riscos nin na planificación das medidas preventivas, quedando desprotexidos os traballadores fronte a estes riscos”.

PRINCIPAIS NANOMATERIAIS EMPREGADOS NO SECTOR

A utilización de nanomateriais nas construcións modernas está cada vez máis estendida. Entre as súas aplicacións inclúese a súa utilización, por exemplo, no cemento, conferíndolle alta durabilidade; en cerramentos, para fabricar cristais autolimpables; en aplicacións relacionadas coa seguridade e o confort, para obter superficies bactericidas, recubrimentos retardantes de lapas, etc. e en aplicacións para mellorar a sustentabilidade e a eficiencia enerxética incrementando o illamento térmico.

Moitas das aplicacións estudadas ata o momento non se introduciron no mercado debido ao seu custo económico. Actualmente, os materiais en tamaño nano máis utilizados neste sector son o dióxido de titanio (TiO2) e o dióxido de silicio (SiO2), mentres que outros, como os nanotubos de carbono (CNT), están a estudarse para poder ser incluídos nalgúns materiais de construción aínda que na actualidade apenas se usan. No futuro cabe esperar unha maior presenza de nanomateriais neste sector, xa que actualmente moitos deles se atopan en proceso de investigación. Nas seguintes táboas detállanse de forma non exhaustiva os produtos con nanomateriais que poden utilizarse no sector da construción, indicándose que tipo de nanomaterial incorpora e cales son as propiedades novas que achega.

NANOMATERIAIS UTILIZADOS OU EN ESTUDO PARA SER APÑICADOS NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN -VER TÁBOA NO PDF ADXUNTO-

NANOTOXICOLOXÍA

Deseguido amósanse os resultados obtidos nos estudos toxicolóxicos realizados con algúns dos nanomateriais utilizados no sector da construción. Estes datos poden ser útiles para avaliar os efectos para a saúde que pode conlevar a exposición a este tipo de nanomateriais.

EFECTOS PARA A SAÚDE DE ALGÚNS NANOMATERIAIS UTILIZADOS NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN -VER TÁBOA NO PDF ADXUNTO-

EXPOSICIÓN A NANOMATERIAIS

Con carácter xeral, debido á natureza dos produtos que se utilizan e ás actividades que se realizan no sector da construción, a vía principal de entrada ao organismo é a inhalatoria. A vía dérmica tamén pode ser importante, aínda que en menor medida, naquelas tarefas nas que haxa un contacto directo do corpo do traballador con produtos que conteñan nanomateriais e que estes poidan desprenderse.

“Con carácter xeral debido ás características dos productos e as actividades nas que se empregan, a vía principal de entrada no organismo de nanomateriais é principalmente a vía inhalatoria e en menor medida a vía dérmica cando existe contacto de estes co corpo da persoa traballadora”

Xeralmente, os nanomateriais presentes na construción vanse atopar embebidos nunha matriz, integrados na estrutura doutros produtos como aditivos. Polo tanto, é difícil coñecer o nivel de exposición real aos mesmos, xa que para que exista exposición a nanomateriais, estes deberían liberarse do seu matriz no ambiente ou unha vez dentro do organismo. Esta liberación depende de diversos factores, tales como a solubilidade e presentación do produto con nanomateriais, do proceso ao que se somete, das condicións ás que está exposto o produto, etc. Considerando o anterior, as operacións nas que cabe esperar unha maior exposición son aquelas nas que se pode xerar maior cantidade de aerosois (xeralmente en forma de po e en certos casos en forma de néboa), aínda que existe incerteza sobre a porcentaxe de nanomateriais que se liberan.

Algunhas destas actividades propias do sector da construción son as seguintes:

Ademais, débese ter en conta que en actividades ao aire libre, como son as predominantes neste sector, a dirección e velocidade do vento son factores que van influír de forma importante nos niveis de exposición. Outro factor importante relacionado co nivel de exposición é a existencia de partículas de fondo con dimensións nanométricas, denominadas nanomateriais incidentais. Estes nanomateriais non son producidos de forma intencionada, senón que proceden fundamentalmente de fumes de soldadura e da emisión de motores diésel derivados da utilización de equipos e maquinaria utilizados no sector (maquinaria de movemento de terras e outros vehículos pesados, grupos electróxenos, etc.). Segundo algúns estudos, os nanomateriais incidentais poden supoñer unha concentración importante de partículas nanométricas ás que se atopan expostas as persoas traballadoras .

Así as cousas preventivamente sen dúbida resulta abosultamente necesario prestar unha especial atención á utilización cada vez máis masiva de nanomateriais nos produtos empregados na construción; a exposición das persoas traballadoras a estos nanomateriais supón na práctica unha exposición a graves riscos que é necesario identificar e controlar para evitar os seus perniciosos efectos sobre a saúde.

Fonte: Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST).  

Documentos

ARTIGO 1 Boletin CIG Saude Laboral N 41 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS