Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

CIG - Ensino demanda a Consellaría de Educación por negarlle o dereito á vixilancia períodica do seu estado de saúde a preto de 33.000 docentes

02-05-2012 - Vixilancia da saúde

A CIG-Ensino ven de presentar demanda de conflito colectivo diante da Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza polo incumprimento permanente da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais por parte da Consellaría de Educación. Desde hai 17 anos ao profesorado galego vénselle negando o dereito, recollido no artigo 22, a facer unha revisión médica periódica da saúde, recoñecido a todos os traballadores e traballadoras.

Este dereito, como non podía ser doutra maneira, ofréceselle a todos/as empregados/as da Xunta de Galiza, incluído o persoal funcionario e laboral non docente, pero exclúese do seu exercicio a preto de 33.000 docentes que desempeñan a súa función a cargo da Consellaría de Educación. Concúlcase así de maneira flagrante a Lei de  Prevención de Riscos Laborais.

A CIG-Ensino xa ten esixido a cobertura deste dereito en repetidas ocasións á Consellaría de Educación sen que até o de agora fose atendida esta demanda. Por esta razón, no ano 2008, presentouse no Valedor do Pobo unha queixa, á que a Consellería de Educación respondeu que estaba a avaliar os custes e a catalogar os riscos para poder ofrecer ao persoal docente a posibilidade de facer revisións médicas.

Pasaron xa 3 anos e medio desde esa contestación ao Valedor do Pobo e Educación segue sen prestar a cobertura dese dereito, dispensando desta maneira un trato discriminatorio a un colectivo de aproximadamente 33.000 traballadores/as que non pode facer as revisións médicas que regula o artigo 22 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Que a CIG-Ensino se vexa obrigada a presentar unha demanda de conflito colectivo ante o TSXG, é unha mostra máis da desconsideración e o desprezo co que esta Consellaría trata aos seus traballadores e traballadoras, pois, nin sequera, posibilita o exercicio dun dereito -o da vixilancia da sáude- que desde hai 17 anos, a lexislación laboral obriga a cumprir a todas as empresas e administracións.

Fonte: CIG - Ensino

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS