Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Avance sobre o estudo epidemiolóxico que se desenvolve no sector do marisqueo a pé

23-11-2011 - Saúde laboral

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a desenvolver un estudo epidemiolóxico entre máis dun millar de mariscadoras que rematará a finais deste mes. En concreto, xa se levaron a cabo 957 recoñecementos médicos específicos entre este sector co fin de detectar as causas de enfermidades relacionadas co traballo deste colectivo e, desta maneira, poder asesorarlles en medidas axeitadas de prevención. Esta iniciativa estase a desenvolver ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería do Mar e a Federación Galega de Confrarías.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou na Illa de Arousa un avance dos resultados do estudo no que están a participar un total de 32 confrarías galegas, a meirande parte, das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os recoñecementos médicos chegarán, en concreto, a 1.077 mariscadoras, das que 552 (un 51% do total) traballan na provincia de Pontevedra, 476 (un 44%) na Coruña e 49 (un 5%) na de Lugo. No estudo, ademais, están a tomar parte outros colectivos, como redeiras, percebeiros e traballadores de marisqueo por inmersión, aínda que en menor proporción.

Quinzá-Torroja explicou a importancia de levar a cabo este estudos epidemiolóxicos entre sectores laborais específicos co obxectivo de que as enfermidades profesionais afloren para “abordalas dunha maneira axeitada tanto desde o eido da prevención de riscos laborais como desde o ámbito das prestacións, xa que por continxencias profesionais son máis vantaxosas”. Neste sentido, apuntou que existen riscos que orixinan enfermidades que pasan por comúns cando deberían ser profesionais. “Se estiveran ben cualificadas, isto permitiría mellorar os métodos de traballo ou tempos de exposición de cada colectivo”, indicou.

Con respecto, aos recoñecementos que nestes momentos se están a desenvolver entre as mariscadoras, destacou o alto índice de participación acadado. A mostra poboacional seleccionada foi de 1.077 persoas, fundamentalmente pertencentes á actividade de marisqueo a pé, o que supón o 29,19% da poboación traballadora que se dedica a este sector.

A directora do ISSGA sinalou, así mesmo, que entre as mariscadoras a pé, os riscos máis comúns detectados son os relacionados con posturas ergonómicas e a carga física asociada ao traballo, concretamente, os derivados da adopción de posturas forzadas, a realización de movementos repetitivos, a manipulación, empuxe e arrastre de cargas e a exposición a axentes físicos derivados de condicións laborais adversas, como a humidade, exposición solar ou temperaturas extremas.

Desta maneira, tendo en conta estes factores, o protocolo de vixilancia da saúde para levar a cabo os recoñecementos médicos deseñouse a medida para este sector, tendo en conta as especificidades das mariscadoras a pé, os percebeiros e as redeiras.

Elaborouse unha historia clínico laboral individual, unha exploración física específica con especial atención ao sistema músculo-esquelético, probas complementarias e a elaboración dun informe médico confidencial para cada participante, realizado por un especialista en medicina de traballo con conclusións e recomendacións.

O estudo que está a facer o ISSGA realízase en colaboración co servizo de prevención mancomunado Mar Seguro, que organizou o traslado de información previo ás mariscadoras. A iniciativa que está a desenvolver o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, no que se fai unha especial referencia ao sector pesqueiro, e, en concreto, ás actividades onde a presenza da muller é maior.

Por último, Quinzá-Torroja lembrou que no ano 2012 está prevista a publicación dunha guía de vixilancia da saúde específica para o sector do marisqueo. Será un documento similar á guía recentemente presentada, destinada á pesca de baixura e artesanal, que se elaborou coa colaboración das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e País Vasco.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS