Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A prevención de riscos laborais en obras de rehabilitación en comunidades de propietarios

17-11-2011 - Seguridade

Os sectores da construción e rehabilitación de vivendas sufriron duramente os embates da crise. A pesar de que a actividade do segundo mantense e ten unha expectativa de crecemento polos plans desenvolvidos polas distintas administracións, o índice de sinistralidade segue sendo alto. Neste sentido, urxe implantar unha verdadeira cultura preventiva, sobre todo nas comunidades de propietarios. A comunidade de propietarios non é diferente a calquera empresa no que a prevención de riscos laborais se refire. Isto é, é responsable de facer todo o posible para evitar os accidentes dos seus empregados nas súas instalacións, aínda que se trate dun traballador contratado a través dunha subcontrata.

Aínda que as obras de rehabilitación nas comunidades de veciños son intervencións que, xeralmente, están catalogadas como de obra menor e non requiren un Plan de Prevención de Riscos Laborais, a súa incidencia no incremento dos accidentes laborais é clave. Non podemos pasar por alto algunhas das razóns desta sinistralidade, por exemplo as contratacións de microempresas cuxo coñecemento da normativa de PRL é escaso; neste sentido, convén indicar que neste tipo de obras de rehabilitación normalmente descoñécese que aparecen riscos emerxentes con maior volume de perigo que nas obras de nova construción que están máis consolidadas e planificadas.

As obrigacións da comunidade en obras con proxectos de execución formal (coa existencia dunha dirección facultativa, estudo de seguridade e a redacción dun Plan de Seguridade), circunscríbense á súa condición de promotor da obra, estando suxeita tamén ás responsabilidades derivadas da normativa da PRL. En xeral, a obrigación de presentar un proxecto de execución para as obras vén determinado polas distintas ordenanzas municipais referentes á obtención de licenzas urbanísticas: obras de gran envergadura (rehabilitación de edificios protexidos, por exemplo), obras que supón cambios na estrutura (tanto en pilares, vigas, muros de carga, etc.) e obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que produzan unha variación esencial na composición exterior ou no uso do edificio.

Así logo, é obrigación da comunidade de propietarios facilitar aos contratistas os datos que sexan necesarios para o cumprimento da comunicación de apertura de centro de traballo, que é o documento obrigatorio que han de presentar todos os contratistas na Autoridade Laboral. Tamén a comunidade debe designar un técnico coordinador en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra, cando no mesmo interveñan máis dun proyectista. Esta figura do coordinador tamén ten que ser designada durante a execución da obra cando concorran máis dunha empresa, ou unha empresa e traballadores autónomos ou diversos traballadores autónomos. En resumo, cando a comunidade de propietarios contrata a execución de obras a traballadores autónomos, ten a consideración de contratista e, xa que logo, asume, entre outras, as obrigacións deste en canto á elaboración do Plan de Seguridade e Saúde

Para rematar, a comunidade encargarase de velar pola correcta elaboración do estudo básico de seguridade e saúde ou estudo de seguridade e saúde, segundo proceda, na fase de redacción do proxecto de obra, así como de informar sobre os riscos propios do centro de traballo.

De igual xeito que as comunidades de propietarios contratan os servizos dunha empresa de mantemento e inspección de ascensores, que é obrigatoria cada catro anos, deberían requirir os servizos dun coordinador de seguridade e saúde para a execución das obras de rehabilitación. Non todas as comunidades fano, argüindo o alto custo da súa contratación. Por iso é importante divulgar que a prevención de riscos laborais non é un gasto, senón un investimento. Debemos apostar pola seguridade dos traballadores.

 

Fonte de Datos: inmodiario.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS